Proposta contra a peste porcina: crear unha “zona branca”, sen xabaríns, arredor do foco

A medida é considerada a máis eficaz polo comité científico que avaliou a situación, pero tamén a máis complicada e custosa. Esixiría un investimento de arredor de 5 millóns de euros para eliminar uns 6.000 porcos bravos en pouco tempo

Proposta contra a peste porcina: crear unha “zona branca”, sen xabaríns, arredor do foco

As limitacións de uso público da Zona de Alto Risco tratan de evitar a expansión da infección pola actividade humana.

Desde o pasado 28 de novembro, cando se detectaron os primeiros positivos á peste porcina en Cerdanyola del Vallés (Barcelona) ata o 31 de xaneiro, rexistráronse un total de 103 xabaríns coa enfermidade. A boa noticia é que todos se atoparon na Zona de Alto Risco, nun radio de 6 quilómetros arredor do foco. A mala é que a curva de contaxios continúa en crecemento e coa perspectiva de que a enfermidade poida saltar da Zona de Alto Risco, pois xa se atoparon xabaríns afectados nos límites do seu radio. Que facer?

O comité científico para o asesoramento no brote da peste porcina, creado polo Ministerio de Agricultura, vén de concluír o seu informe preliminar. No documento, valoran tódolos posibles escenarios e alternativas. A medida que consideran máis eficaz pasaría por crear unha zona branca, baleirada de xabaríns, para conter o foco inicial.

A zona branca crearíase nunha franxa de terreo de arredor de 6 quilómetros de ancho, ubicada na zona demarcada de baixo risco. En concreto, propoñen situala no radio de 12 a 18 quilómetros arredor do foco inicial.

Cal é o problema?. É unha gran superficie de terreo na que se calcula que pode haber arredor de 6.000 xabaríns. Extraelos a todos, sen dispersalos, a parte de ter unha gran complexidade técnica, acarrearía un custo estimado duns 5 millóns de euros.

Esperas de caza, trampas e teleanestesia son os métodos de control aconsellados na zona de maior risco, pois as batidas poden facilitar a dispersión dos xabaríns

Nunha zona branca do radio 12 km. ó radio 18 km. (565 quilómetros cadrados) calcúlase que habería 5.600 xabaríns antes de partos. Dado que en toda esa zona de baixo risco cesou a a actividade cinexética habitual desde os primeiros casos de peste porcina, a poboación, lonxe de decrecer, pénsase que continuará en ascenso, pois a tempada principal de partos aproxímase.

Control de xabarín
En calquera caso, tómese ou non a decisión de crear unha zona branca, a prioridade de actuación sitúase no control da poboación de xabarín tanto na zona de baixo risco, nos 20 quilómetros arredor do foco inicial, como na zona de alto risco, nos 6 quilómetros circundantes.

Na zona de alto risco, o comité científico recomenda manter o trampeo de animais e eliminar xabaríns adicionais con armas de fogo provistas de silenciador, empregadas por axentes rurais ou profesionais adestrados. Na periferia, aconséllanse os mesmos métodos e, dado que o esforzo de control poboacional é alto, proponse incorporar en esperas (sen batidas) as capacidades de cazadores voluntarios, formados previamente en bioseguridade. Estas actuacións de voluntarios propóñense para as franxas máis afastadas dos casos.

O comité propón pagarlle ós cazadores 60 euros por femia adulta abatida e 30 euros por macho

Tal e como se fixo noutros países que se enfrontaron á peste porcina, o comité científico recomenda que se compense economicamente ós cazadores pola súa participación en labores de control, fomentando a captura de femias. A modo de exemplo, suxiren un pago de 60 euros por femia adulta de xabarín abatida e 30 euros por macho.

Como métodos de control, avogan por utilizar aqueles que se demostran máis eficientes e que, á vez, non contribúan á dispersión dos xabaríns, como pode suceder coas batidas. Por tanto, propoñen empregar principalmente esperas e transectos de caza, xunto con trampas (caixas trampa e sistema ‘drop-net’) e teleanestesia. Todo iso deberíase aplicar de xeito intensivo e nun curto espazo de tempo para eliminar os 6.000 xabaríns propostos.

Como comparación, nunha tempada de caza normal, na zona branca proposta, de carácter periurbano, víñanse facendo só unhas 14 batidas, con arredor de 100 exemplares abatidos cada ano.

A eliminación dos xabaríns abatidos pode facerse cun sistema de retirada como o do gando. Tamén é posible comercializar a súa carne

Outra cuestión a valorar é que facer cos xabaríns abatidos. Xa hai comunidades autónomas, como Extremadura, que decidiron establecer un sistema de recollida Sandach -similar ó dos cadáveres do gando-, sen custo para os cazadores. Existe tamén a posibilidade de habilitar centros de despiece para a comercialización da carne de xabarín, pois podería ter certo mercado. Antes do brote de peste porcina, esa carne cotizaba a 45 – 65 céntimos / kg. na Lonxa de Ciudad Real.

Peche de pasos e valados
Nas partes estratéxicas da Zona de Alto Risco realizouse un esforzo importante de peche de pasos e colocación de valados. É unha liña de traballo que o comité científico propón continuar e extender á áreas estratéxicas da zona de baixo risco e da posible “zona branca”, pois contribúe a reducir a dispersión de exemplares potencialmente afectados pola peste porcina.

Unha das preocupacións do comité radica en que a cepa de peste porcina detectada en España semella provocar unha enfermidade non aguda, que pode ser máis prolongada no tempo e con menor mortandade, o que potencialmente pode dificultar a erradicación do brote.

O peor escenario sería a aparición de saltos a media distancia, derivados da actividade humana, como sucedeu en Italia

Outro temor é o de que se produzan saltos da enfermidade a media distancia, a máis de 30 Km. dos actuais, a causa da actividade humana, como sucedeu en Italia, onde se identificaron ata catro brotes independentes, non derivados da expansión natural de xabaríns.

Orixe do brote: a “teoría do sandwich” cobra forza

O comité científico valorou as distintas posibilidades de orixe do brote de peste porcina. Desde a liberación accidental do virus a partir dun laboratorio de investigación próximo ata unha liberación intencionada, con motivos descoñecidos, ou unha expansión natural desde outros países europeos. Finalmente, decántanse pola que xa se considerou nun principio a hipótese máis probable, a chamada “teoría do sandwich”.

O foco inicial ubícase nun área de parque forestal, con presenza estable de xabaríns con acceso a áreas de picnic e contedores domésticos. É ademais unha zona próxima á Universidade Autónoma de Barcelona, con importante presenza de estudantes internacionais, e Cataluña conta ademais cunha elevada poboación migrante, o que pode facilitar a mobilidade internacional de produtos gastronómicos, coa potencial introdución de produtos porcinos contaminados para consumo persoal. Se este fose o caso, de onde puido chegar o contaxio?.

Descártase unha liberación accidental dun laboratorio catalán, onde só se atoparon cepas do virus de xenotipo II sen as mutacións detectadas en campo

A análise xenética do brote de peste porcina de Cataluña non serve para determinar por sí mesma a orixe xeográfica do brote. En Cataluña detectouse o xenotipo II da peste porcina, pero cunha mutación xenética, a agora denominada número “29”, que non se identificara antes en ningún outro punto.

O xenotipo II é o detectado en Georgia no 2007, procedente de África, onde a peste porcina é endémica. A partir do positivo de Georgia, a enfermidade foise extendendo como unha mancha de aceite, con certos saltos, por Europa e Asia, ata afectar a un total de 52 países (25 en Europa e 27 en Asia), ademais de 1 en Oceanía (Papúa Nova Guinea) e 2 en América (Haití e República Dominicana).

O brote catalán, igual que o resto dos detectados en Europa nos últimos anos (Polonia 2014, Bélxica 2018, Italia 2022, etc.) corresponde ó xenotipo 2, pero cunha mutación xenética que non se atopou en ningún outro punto. Tampouco na análise dos materiais que se empregaron no laboratorio catalán próximo ó foco, no que se traballa co virus da peste porcina. Eses materiais correspondíanse estrictamente coas cepas de traballo (Georgia 2007 e Armenia 2007), pero sen a mutación atopada en campo.

O cambio do territorio levou á sobreabundancia de xabaríns en España

O informe preliminar do brote de peste porcina elaborado polo comité científico aborda tamén a situación de contexto que propiciou o brote: a sobreabundancia de xabarín en España. Dous datos: no 1985 cazábanse 32.000 xabaríns ó ano en España, mentres que no 2022 foron 450.000. En resumo, cázanse 14 veces máis xabaríns que hai 40 anos. Ademais, ese aumento da extracción produciuse malia unha reducción drástica do número de cazadores.

A cuestión é que do 1990 ó 2022 a superficie boscosa medrou en España un 34%, mentres que o número de cabezas de ovino baixou un 43%, de 24 millóns a 14 millóns. É un cambio que propiciou o aumento de áreas de refuxio e alimentación para os xabaríns.

O comité científico subliña que en paralelo ás medidas de control do xabarín, cómpre “explorar oportunidades para actuar a medio e longo prazo sobre os factores que determinan a sobreabundancia de xabarín”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información