Propoñen que a Administración asuma parte do mantemento das franxas de xestión de biomasa

A Asociación Forestal de Galicia considera que os custos de rozar as faixas de protección contra o lume deben ser compartidos polo conxunto da sociedade, ao tratarse dun problema de protección civil. Chama a aumentar os medios públicos destinados a prevención

Publicidade
Propoñen que a Administración asuma parte do mantemento das franxas de xestión de biomasa

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) vén de divulgar entre os seus socios un décalogo de consideracións sobre os incendios forestais, na idea de achegar claridade na análise da situación e sobre as medidas que é necesario adoptar.

Unha primeira conclusión é que a propiedade forestal é a gran damnificada polos incendios forestais, sen que a sociedade lle recoñeza en xeral o seu papel como benfeitora social pola actividade silvícola e de xestión do territorio.

A maioría do monte de Galicia está ben xestionado, con casos específicos de abandono nos que cómpre analizar cales son as causas do abandono (microfundio, despoboamente, falta de rendibilidade… ) e atallalas con políticas e incentivos específicos.

O abandono do medio rural e o avellentamento da poboación, unido á enorme capacidade produtiva da vexetación, son os causantes do asilvestramento do territorio, sobre todo naquelas áreas onde o monte non é produtivo.

Na opinión pública, adoitan empregarse termos erróneos, como o de ‘monte limpo’, como se o problema fose a presenza no monte de árbores e mato.

O concepto de “limpo” deberíase substituír por “rozado”. Debido ás características climáticas de Galicia, manter rozado o monte é moi difícil dada a rapidez coa que rexenera a vexetación. A “limpeza” do monte (entendida como eliminación da matogueira) é inviable economicamente e, ecoloxicamente, moi prexudicial se se fai dunha forma integral.

Franxas de xestión de biomasa

É ademais moi difícil manter as franxas secundarias de xestión da biomasa (arredor dos núcleos de poboación) tal como require a lexislación. Deixar a responsabilidade e o custo do mantemento destas franxas de protección unicamente á propiedade forestal resulta excesivo, discriminatorio e inxusto. Conviría unha mutualización da responsabilidade entre o conxunto da sociedade.

A AFG considera que cómpre investir moito máis en prevención e deseñar entre todos os axentes implicados uns plans de prevención eficaces elaborados e executados tendo en conta as diferentes condicións de cada distrito

Cumpriría tamén cambiar o sistema de medición das franxas e facelo desde os paramentos das edificacións, non desde unha liña imaxinaria de núcleo rural, mantendo as distancias actualmente aprobadas.

Debido ao rápido crecemento da vexetación en Galicia, debe ser tolerable unha altura do marto de 50 cm, que permite controlar o posible lume sen grandes dificultades, de non facelo así estariamos obrigando a máis dunha roza anual.

Prevención

A AFG considera que cómpre investir moito máis en prevención e deseñar entre todos os axentes implicados uns plans de prevención eficaces elaborados e executados tendo en conta as diferentes condicións de cada distrito. Ante unha nova tipoloxía de incendios é necesario idear novas medidas que eviten a propagación sen control de grandes lumes. É preciso deseñar grandes áreas de defensa estratéxicas, as devasas tradicionais xa non son a solución.

Medios públicos de prevención e extinción
Precísase contar todo o ano con persoal cualificado traballando tanto na extinción, como incrementando moito a prevención, organizando de maneira eficiente o seu traballo, e abrir a posibilidade da colaboración da propiedade, sobre todo cando esta melloraría a eficiencia das brigadas. Cómpre transmitir claramente cal é a Administración que ten a responsabilidade destas tarefas, sen confundir á opinión pública.

Todos os indicios parecen levar a que cada vez os incendios van ser máis virulentos e hai que prepararse para poder enfrontalos tecnicamente da maneira máis eficiente posible

Ferramentas complementarias de prevención: pastoreo e queimas escritas
Unha vez demostrada a eficiencia do pastoreo e das queimas prescritas, cumpriría potenciar estas dúas ferramentas de prevención de incendios, facilitando a súa posta en marcha por parte da Administración e buscando a colaboración da propiedade forestal.

Estas ferramentas poden utilizarse en áreas estratéxicas de prevención. Aplicándoas correctamente minimizaranse os seus posibles efectos negativos, que sempre serán menores que os dos incendios salvaxes de verán que se queren previr.

Conclusión

En definitiva, a loita contra os incendios non pode centrarse nunha única acción, hai que combinar unha serie de intervencións que, por si soas, non darían o resultado desexado, pero combinadas, dificultarían a propagación incontrolable do lume.

Todos os indicios parecen levar a que cada vez os incendios van ser máis virulentos e hai que prepararse para poder enfrontalos tecnicamente da maneira máis eficiente posible; politicamente desde a unidade e a sensatez, fuxindo de populismos e asumindo cada quen as súas responsabilidades; e socialmente facendo un esforzo por entender a realidade forestal galega, sen caer en tópicos erróneos nin discursos trasnoitados.

A Xunta aumentará a presión para a roza das franxas de protección de lumes

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información