A indefensión dos propietarios das terras eólicas fronte ás compañías eléctricas levou ó Observatorio Eólico de Galicia a propoñer un modelo de contrato tipo entre as partes. A iniciativa foille trasladada estes días ós tres grupos parlamentarios da Cámara galega, ós que se lles pediu o seu apoio á proposta. Desde o Observatorio fixeron un chamamento a que os acordos entre as partes prevalezan sobre as expropiacións, que se fixeron máis habituais nos últimos anos.
O Observatorio propón un contrato no que se pacten os pagos que reciben os propietarios con tres posibles alternativas: por superficie ocupada, porcentaxe dos ingresos do parque ou por capacidade instalada.
Entre as medidas que se inclúen para a protección dos propietarios, destaca a cláusula de produtividade, pola que cada ano, a partir do segundo, producirase unha revisión do canon pactado. Tamén se propón que en calquera momento da vixencia do contrato, a compañía eléctrica se comprometa a igualar calquera contrato existente que presenten ós propietarios, sempre que se refira a un contrato en España cunhas condicións retributivas máis vantaxosas.
O obxectivo é facilitarlles a negociación ós propietarios, segundo explican desde o Observatorio Eólico, unha entidade que naceu da colaboración entre a Fundación Juana de Vega, a Fundación Isla Couto e a Universidade de Vigo.
A iniciativa de elaborar un contrato tipo derívase da comisión de estudo que se constituíu no Parlamento tras a vaga de lumes de outubro do 2017. Unha das conclusións da comisión foi a de fortalecer a capacidade de negociación das comunidades de montes fronte ás empresas de produción de enerxía eléctrica.