Propietarios do Val de Lemos piden que se execute a concentración parcelaria e se modernice o regadío

Constituíron unha plataforma que agrupa 160 donos de terreos e suma preto de 1.500 hectáreas. O obxectivo, din, é que se aproveiten todas as posibilidades agronómicas que ofrece a infraestrutura de rega e non se deixe morrer. Tamén se opoñen ao cobro individualizado das taxas.

Publicidade
Canal de regadío en Bóveda

Canal de regadío en Bóveda

A decisión da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) de cobrar a cada propietario a taxa de uso do regadío en lugar de cobrarlle todo xunto a comunidade de regantes foi a chispa que deu orixe ao nacemento da plataforma. Non é só que se opoñan a ese cobro senón que reclaman medidas moito máis amplas que permitan dinamizar o sistema de rega en todo o espazo que abrangue o regadío de xeito que se acade todo o potencial agrogandeiro.

José García Saco, un dos promotores da plataforma explica que “o problema non é o cobro da taxa. A ninguén lle importaría pagar se o servizo funcionara. Pero hai moitas leiras que non se poden regar porque non lles chega a auga ou porque as canles están moi deterioradas. E outras acaban anegadas porque lles entra demasiada auga. Ata o de agora o pago do canon correspondíalle a comunidade de regantes, pero leva sendo insolvente moitos anos. Por eso agora quérese que paguemos os usuarios de forma individual. Repito que non nos opoñemos a pagar, pero ten que valer para algo.”

E é que a plataforma considera que a progresiva deterioración do canal, o abandono de explotacións e a perda de poboación conseguinte, tamén levan a que os terreos perdan valor. Ou incluso temen que a perda de auga de rega que se produce todos os anos poida reverter nalgún tipo de sanción por parte da Unión Europea.

Terra abandonada na zona do Regadío do Val de Lemos, en Monforte

Terra abandonada na zona do Regadío do Val de Lemos, en Monforte

García Saco sinala que o regadío do Val de Lemos nunca chegou a alcanzar a súa capacidade produtiva e que se pode falar de máis de 60 anos perdidos. “Cando comezou o proxecto, estaba previsto regar arredor de 6.000 hectáreas e, sobre todo, proxectouse unha concentración parcelaria. Desa parcelaria só se executou unha parte minúscula. De terse executado, hoxe teriamos moitas máis explotacións, máis veciños e máis riqueza na zona.” E é que o regadío abrangue 80 quilómetros de canalizacións nos concellos de Monforte, Sober, Pantón, Bóveda e Pobra do Brollón.

Outra das reclamacións da plataforma é a elaboración dun censo rigoroso de regantes. Cren que os que hai están desactualizados e non recollen a verdadeira situación do regadío. Dese xeito, sinalan, as decisións que afectan a todos non se están a tomar coa representatividade que sería desexable. Paralelamente, piden outro censo para coñecer cales son as parcelas regables (que poden non estar en rega agora pero poden ser regadas no futuro) e as dominadas (as que xa contan con infraestrutura para a rega).

É preciso un censo rigoroso tanto de regantes como de parcelas regables e dominadas. Partindo desa base pódense acometer as melloras necesarias

Aínda que non desbotan ter que acudir a eles se non hai avances, os membros da plataforma non cren que o sistema de permutas e a creación de polígonos agroforestais sexa a solución. “Son sistemas concibidos para terreos máis pequenos. Aquí estamos falando de milleiros de hectáreas que requiren dunha planificación e un traballo tan amplos coma urxentes. Queremos ser nós os que xestionemos as nosas terras. E hai que ter en conta o feito diferencial que supón a presenza das acequias e que non sería aproveitado con esoutras fórmulas legais.”, din.

Malia a sistemática desaparición de explotacións na zona nos últimos 20 anos, dende a plataforma queren ser optimistas. “Como non se fixo a parcelaria, moitas leiras eran demasiado pequenas para resultar rendibles. Algúns gandeiros foron mercando as máis grandes e e fáciles de regar e outras moitas quedaron sen uso. Pero eso non significa que haxa que deixar morrer o regadío e a zona, porque hai elementos para desenvolver importantes proxectos de cara ao futuro. O que se precisa é vontade política por parte da Xunta de Galicia e da CHMS para levar adiante a concentración parcelaria e a modernización do regadío.”, di García Saco. A plataforma xa ten pensado solicitar unha reunión coa Consellería do Medio Rural, logo de facer o propio coa CHMS hai poucas semanas.

Nesa liña de visión positiva sobre o futuro, a plataforma insiste nas moitas e variadas opcións de cultivo e gandería que ofrece a zona regable. “A dìa de hoxe, o que se cultiva é millo e algo de herba forraxeira. E algún pequeno aproveitamento forestal para que non quedara a monte. Pero aquí hai un enorme potencial froiteiro, hortícola, de gandería extensiva…Un exemplo témolo nas grandes adegas do sur e o centro de España, que están trasladando parta da súa produción a Galicia por causa do cambio climático.” Catro dos cinco concellos que abrangue o regadío están na Ribeira Sacra, polo que a produción de viño sería moi accesible. 

O Val de Lemos é unha das zonas máis quentes de Galicia no verán, tendo sido o concello de Bóveda o que acada as temperaturas anuais máis elevadas. Por eso, o regadío faise imprescindible nos meses estivais e aínda pode selo máis se continúa a suba global de termómetros e os períodos de seca. Por outro lado, dende a plataforma sinalan que a inmensa maioría dos regantes e dos veciños das zonas que abrangue o regadío están a favor de mantelo, renovalo e aproveitalo. “Aínda que xa hai moitos que non traballan as leiras, todos cos que falamos cren que é un patrimonio común que temos que preservar.”, dixo García Saco.

A plataforma cre que regantes, administracións, comuneiros de montes e colectivos sociais e empresariais deben fomentar o debate para que canto antes se poida poñer en pleno funcionamento e valor o potencial do Val de Lemos e o seu regadío.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información