Propietarios do Val de Lemos crean unha asociación para reclamar a concentración parcelaria e a modernización do regadío

Publicidade

IMG-20260328-WA0009

Máis de 150 de propietarios de terreos de concellos do sureste lugués constituíron a Asociación de Propietarios no Regadío Val de Lemos (APRVL), coa que pretenden abrir diálogos coas administracións para conseguir que se execute unha concentración parcelaria na zona e se realicen as obras de mellora e modernización do sistema de acequias do regadío.

Ata o de agora, os promotores e participantes na asociación actuaban como unha plataforma veciñal. Coa constitución e rexistro legal da asociación, agardan ter máis poder de negociación e que a súa voz sexa escoitada nos foros onde se toman as decisións relativas ao regadío. A nova entidade celebrou unha asamblea na Casa da Cultura de Monforte na que se deu conta dos pasos realizados no último ano.

Xosé García Saco, un dos impulsores da asociación, sinala que o actual funcionamento do sistema de canais é ineficaz e que os usuarios están a pagar as taxas por un servizo que non funciona como debera. “Hai moitos terreos que poderían ter un uso agrario de rega pero están abandonados porque os canais están totalmente deteriorados”

Por outra banda, dende a asociación lamentan a decisión da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) de cobrar a cada propietario a taxa de uso do regadío en lugar de cobrarlle todo xunto a comunidade de regantes, que é o que se fai no resto de España.

García Saco explica que “o problema non é o cobro da taxa. A ninguén lle importaría pagar se o servizo funcionara. Ata o de agora o pago do canon correspondíalle a comunidade de regantes, pero leva sendo insolvente moitos anos. Por eso agora quérese que paguemos os usuarios de forma individual. Repito que non nos opoñemos a pagar, pero ten que valer para algo”

A xuntanza informativa tivo lugar na Casa da Cultura de Monforte

A xuntanza informativa tivo lugar na Casa da Cultura de Monforte

Por outra banda, a APRVL está a recoller información para determinar se o uso ineficaz que -aseguran- se fai da rede de canais de rega podería derivar a medio ou longo prazo en sancións por parte da Unión Europea debidas á mala xestión dos recursos hídricos.

Debido ao tamaño do regadío do Val de Lemos, dende a asociación desbotan fórmulas como as permutas de terreos entre propietarios ou a creación de polígonos agroforestais e reclaman unha concentración parcelaria urxente que atenda os obxectivos iniciais do regadío.

Nas vindeiras semanas, a APRVL vai seguir coa súa campaña informativa e invitan a todas as persoas afectadas ou interesadas a contactar con eles para, afirman, “poñer en valor o enorme potencial agrogandeiro que supón este sistema de rega único en Galicia”

Máis de 150 propietarios amosaron a súa disposición a participar nas actividades da APRVL

Máis de 150 propietarios amosaron a súa disposición a participar nas actividades da APRVL

Inicialmente, o regadío do Val de Lemos estaba deseñado para regar arredor de 6.000 hectáreas e proxectado nunha concentración parcelaria. Desa parcelaria só se executou unha parte minúscula, din dende a asociación. “De terse executado, hoxe teriamos moitas máis explotacións, máis veciños e máis riqueza na zona” O regadío abrangue 80 quilómetros de canalizacións nos concellos de Monforte, Sober, Pantón, Bóveda e Pobra do Brollón.

A APRVL reclama a elaboración dun censo rigoroso de regantes. Que recolla a verdadeira situación do regadío. Así, sinalan, as decisións que afectan a todos serán tomadas coa representatividade xusta. Ademais, piden outro censo para coñecer cales son as parcelas regables (que poden non estar en rega agora pero poden ser regadas no futuro) e as dominadas (as que xa contan con infraestrutura para a rega).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información