Nunha reunión entre Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, e José Ramón Sempere, director xerente da Fundación de Ferrocarrís Españoles, acordáronse as diferentes formas de colaborar para impulsar e promocionar a Vía Verde-Santiago-Tambre-Lengüelle.
Esta infraestrutura, a maior de Galicia e unha das máis extensas da Península Ibérica, recupera o trazado da antiga liña de ferrocarril. A senda de 26 km de lonxitude, contará este ano cunha ampliación de 10 km cos tramos Santiago-Oroso.
A colaboración entre a Deputación, a Fundación de Ferrocarrís e a Asociación de Concellos da Vía Verde fixo posible iniciativas como a dixitalización completa da vía, que agora permite realizar un percorrido virtual con vistas de 360 graos a través de Google Maps Street View.
Ademais, inclúe melloras na sinalización e nos servizos para as persoas usuarias, así como actividades de promoción da Vía Verde en feiras de turismo especializadas en varios países europeos onde a Fundación ten presenza.
A Vía Verde será un dos protagonistas da Feira FITUR de 2025 onde se presentará o programa “Deportistas na Vía”. Nel, deportistas coruñeses de élite, como Iván Raña, serán os encargados de promocionar a vía e atraer novos públicos interesados no turismo activo e no deporte.
O presidente da Deputación subliñou que “a colaboración coa Fundación de Ferrocarrís Españoles permitirá potenciar esta vía como un motor de dinamización socioeconómica, á vez que se promove o coidado do medio ambiente e a posta en valor do noso patrimonio ferroviario”.
A Deputación da Coruña continuará promovendo a Vía Verde Santiago-Tambre-Lengüelle como un referente do turismo sostible en Galicia, apostando pola mobilidade sustentable, o turismo activo e o desenvolvemento rural, destacando o seu valor natural e patrimonial.