A prolongación da guerra de Irán, un desafío para o subministro de fertilizantes en Europa

Exipto, Arxelia e Marrocos son os tres países clave para a importación de abonos en España. O descenso de produción de fertilizantes nitrogenados nalgunhas plantas arxelinas está trasladando unha maior presión de demanda cara a Exipto, mentres que Marrocos decidiu restrinxir tamén a saída de fosfatos

Descarga del abono, que es transportado en barco hasta Galicia.

Descarga de abono, que na súa grande maioría é transportado en barco a portos da UE

No actual contexto bélico, a UE enfróntase a retos importantes para garantir a súa soberanía alimentaria. Un deles é, sen dúbida, o abastecemento de fertilizantes. A agricultura europea, e tamén a española, é altamente dependente das importacións de abonos.

Demostrouse en 2022, cando o conflito en Ucraína pechou a porta aos produtos procedentes de Rusia e Bielorrusia e xorde agora de novo coa guerra en Irán e a súa extensión aos países do Golfo Pérsico con escaseza dalgúns tipos de fertilizantes, como a urea, e escalada de prezos, unhas consecuencias que se deixan notar xa en Galicia de cara á actual campaña de abonado de pradeiras e sementeira do millo.

Un recente informe elaborado por Pablo Resco Sánchez, responsable de Estratexia Agroalimentaria da Plataforma Tierra, deixa en evidencia a dependencia española das importacións de fertilizantes e os efectos da guerra.

España importa abonos nitroxenados sobre todo de Arxelia e Exipto, polo que non é tan dependente do produto fabricado en Arabia Saudita ou Qatar, aínda que o mercado de fertilizantes é global e o impacto do conflito se deixa notar inevitablemente entre os agricultores españois.

España importou en 2025 sobre todo abonos nitroxenados de Exipto (40%) Rusia (13%), Arxelia (12%) e Noruega (10%), pero o mercado é global e o problema do Golfo aféctanos

Dos dous subministradores clave para España, Exipto enfróntase actualmente a limitacións debido ao aumento dos custos enerxéticos e á súa maior proximidade ao foco do conflito. Pola parte de Arxelia, reportouse tamén unha redución produtiva nalgunha das súas plantas, o que redobra a presión da demanda cara a Exipto.

O terceiro actor no caso español é Marrocos, que tamén reduciu a saída de produtos fosfatados. Os fosfatos representan o 20% das exportacións de Marrocos que, xunto con China e Estados Unidos, acaparan a maior parte da oferta mundial.

Marrocos decidiu reducir tamén a saída de produtos fosfatados

O fosfato é un mineral escaso que ademais non se pode sintetizar no laboratorio, é dicir, non se pode producir de maneira artificial, hai que extraelo das rochas fosfóricas mediante procesos mineiros. O 69% dos produtos fosfatados importados por España o ano pasado procedían de Marrocos.

Manter a produción española

Desde ANFFE, asociación que engloba ás empresas fabricantes de fertilizantes españolas, aseguran que por parte dos produtores nacionais de abonos se están a facer esforzos para seguir producindo en todas as súas plantas na medida do posible, a pesar de factores externos como son o prezo da enerxía e o prezo e dispoñibilidade de materias primas, co compromiso de que os agricultores dispoñan de fertilizante suficiente para esta campaña.

As empresas españolas están a facer grandes esforzos para seguir producindo a pesar do prezo do gas e da escasa dispoñibilidade dalgunhas materias primas (Paloma Pérez, ANFFE)

Insisten, ademais, en que están a cumprir coas condicións dos contratos asinados cos comercializadores, aínda que advirten de que se a guerra se alonga, os seus efectos poderían notarse nos prezos cara ao final da campaña.

“Se a situación continúa ou se agrava e persisten as interrupcións nas rutas comerciais, lamentablemente o impacto pode acrecentarse e afectar á actividade das empresas, podendo provocar o peche dalgunha planta produtiva e poñer en risco o adecuado subministro de fertilizantes para a próxima campaña de sementeira”, recoñecen.

O estalido do conflito colleu aos distribuidores cos almacéns cheos, polo atraso na campaña de abonado deste ano (debido ás choivas do mes de febreiro) e polo adianto das importacións a decembro por medo a un encarecemento en xaneiro como consecuencia da entrada en vigor do mecanismo europeo de axuste de carbono en fronteira (BCAM).

O estreito de Ormuz, un punto clave

De acordo cos datos da Asociación Internacional de Fertilizantes (IFA), en 2024 exportáronse preto de 18,5 millóns de toneladas de urea a través do Estreito de Ormuz, localizado entre Irán (ao norte) e Omán e Emiratos Árabes (ao sur), convertido nun punto estratéxico para o comercio internacional de fertilizantes e un dos focos actuais do conflito.

A rexión do Golfo Pérsico conta cunha produción moi importante de fertilizantes, representando Irán, Qatar, Arabia Saudita, Emiratos Árabes Unidos e Bahréin, en conxunto, o 23% do comercio mundial de amoníaco, o 34% do de urea e o 18% do de fosfatos amónicos. Ademais, aproximadamente a metade do comercio mundial de xofre, materia prima fundamental na produción de fertilizantes fosfatados, circula por esa ruta.

O peche do estreito de Ormuz, por onde pasa un terzo do fertilizante mundial, bloqueou barcos e desestabilizou a cadea de subministro a nivel global

Por iso, no seu conxunto, polo estreito de Ormuz circula non só o 30% do petróleo internacional senón tamén un terzo das exportacións mundiais de fertilizantes. O peche deste punto estratéxico xerou de maneira inmediata demoras e tensións no comercio de abonos a nivel global.

China e Rusia priorizan o consumo interno

A India, outro gran actor internacional en materia de fertilizantes, viuse tamén obrigada a pechar plantas produtoras de urea por falta de insumos. A oferta viuse comprometida a nivel global e China reaccionou liberando as súas reservas internas para garantir o subministro aos seus agricultores e prohibindo as exportacións como medida proteccionista para priorizar o abonado dos seus cultivos.

O anuncio de Rusia no mesmo sentido proteccionista agrava aínda máis o subministro mundial de abonos, sobre todo dos formulados con nitróxeno, esenciais para producir o 50% da comida no mundo, co que o risco de fame, por exemplo en África, comeza a facerse real. Son as consecuencias dunha relación cada vez máis interdependente entre xeopolítica e alimentación.

China e Rusia anunciaron o peche das exportacións para garantir a fertilización dos seus cultivos

A iso engádese a extensión do conflito iraniano á zona do Golfo Pérsico, onde se produce o 15% do abono do mundo, debido ao baixo custo do gas natural. Arabia Saudita produce uns 20 millóns de toneladas de fertilizantes ao ano, Qatar máis de 10, Omán 3, Emiratos Árabes 2 e Bahréin e Kuwait un millón cada un. En total, uns 40 millóns de toneladas anuais de urea nitrogenada. Brasil é o gran comprador mundial de fertilizantes, con 7,7 millóns de toneladas, das que o 35% proceden de Oriente Medio.

O gas natural é o insumo principal para o proceso de Haber-Bosh, que converte o nitróxeno do aire e o hidróxeno do gas primeiro en amoníaco e despois en urea

Arabia Saudita é un actor clave no mercado mundial de fertilizantes, xa que é o quinto país exportador mundial, por un valor de 8.000 millóns de dólares en 2025 e cun crecemento anual do 5,1%. O país destaca na produción de fertilizantes nitrogenados (urea) e fosfatados, liderando a exportación de amoníaco no Golfo, con empresas como SABIC, Safco (Saudi Arabian Fertilizer Company), ARASCO e Ma’aden Phosphate Company. A produción diríxese maioritariamente a Asia (India, China e Tailandia), así como a Brasil ou EEUU, onde o descontento crecente na sociedade norteamericana coa guerra se deixa notar xa tamén no campo.

Os agricultores norteamericanos están sufrindo xa os efectos da guerra iniciada polo seu Goberno

Os agricultores norteamericanos están sufrindo de primeira man as consecuencias do conflito e do encarecemento dos abonos. Artífices da vitoria do presidente Donald Trump en 2023 debido ao seu apoio, pasaron a presionalo para que poña fin ao conflito en Irán. EEUU si importa produtos fertilizantes do Golfo Pérsico e, a maiores do encarecemento do abono en orixe, multiplicáronse os custos de transporte e os seguros dos fretes, xa que mesmo houbo compañías aseguradoras que rexeitaron asegurar estes envíos polo seu elevado risco.

Escalada de prezos

Esta tensión en relación á produción e circulación de fertilizantes a nivel global trasladouse axiña aos prezos. En apenas unha semana tras o inicio do conflito bélico, o valor FOB da urea en Oriente Medio subiu un 42%, pasando de 483 dólares/tonelada a 685, niveis que non se vían desde finais de 2022.

Naquel momento, co inicio da guerra en Ucraína, os fertilizantes subiran un 30%, coa urea duplicando o seu valor ata chegar aos 800 dólares/tonelada. Pero agora en Irán súmanse as consecuencias tamén sobre o petróleo e o gas no Golfo.

A urea subiu un 50% desde o estalido da guerra e o nitrato amónico cálcico (NAC) un 40%

Por iso, a medida que a guerra se alonga, a escalada de prezos tamén continúa imparable. A día de hoxe, un mes despois do primeiro ataque de EEUU e Israel contra Irán, as previsións falan xa de prezos de 890 dólares/tonelada para a urea, un dos fertilizantes máis utilizados a nivel mundial.

Presión engadida en Europa

En Europa, a situación empeora debido aos altos custos enerxéticos da produción interna de fertilizantes e a unha regulación máis esixente que encarece as importacións. A UE aprobou en xuño de 2025 un arancel escalonado sobre fertilizantes rusos e bielorrusos de 40€/t sobre nitrogenados desde xullo de 2025 (subindo a 60, 80 e 315€/t en 2026, 2027 e 2028) e de 45 ata 430€/t para abonos complexos NPK.

O regulamento deste paquete de sancións pola guerra de Ucraína inclúe os fertilizantes acabados, pero exclúe expresamente o amoníaco, que se considera un produto químico industrial, unha decisión política deliberada para non encarecer a materia prima da que dependen as propias plantas europeas de nitrato amónico, dado que a curto prazo as alternativas ao amoníaco ruso son escasas.

Exipto (22%), Rusia (22%), China (13%) e Arxelia (10%) foi a orixe principal dos fertilizantes nitrogenados importados pola UE en 2025

A maiores, desde o 1 de xaneiro deste ano, os fertilizantes son un dos seis sectores iniciais incluídos na BCAM (Mecanismo de Axuste en Fronteira do Carbono), cuxo obxectivo é igualar o prezo das emisións, impulsando a descarbonización a nivel mundial e evitando que a produción da UE se traslade a terceiros países.

O medo aos efectos da BCAM, cuxa entrada en vigor provocou un sobrecusto de arredor do 10%, multiplicou as importacións de urea e outros fertilizantes no último trimestre de 2025, provocando unha conseguinte caída nos meses de xaneiro e febreiro deste ano.

A entrada en vigor do Mecanismo de Axuste de Carbono en Fronteira disparou as importacións de fertilizantes nitrogenados no último trimestre de 2025

A Asociación Europea de Fabricantes de Fertilizantes insiste en que manter a produción europea de fertilizantes é clave para garantir a seguridade de subministro, subliñando ademais que os fertilizantes producidos na UE presentan, de media, unha pegada de carbono un 50% inferior á dos importados.

Fertilizers Europe, a organización que engloba ao sector produtor de fertilizantes na UE, recoñece na súa última comunicación “o complexo que se volveu o contorno operativo para a industria europea”, máis aínda co conflito bélico en Irán.

Aínda que nos últimos tres anos practicamente non houbo importacións de urea iraniana á UE, “a rexión do Golfo Pérsico opera unha capacidade de produción de urea moi significativa a nivel mundial e, dado que os mercados de fertilizantes son globais, as interrupcións en calquera punto do sistema poden ter rapidamente efectos en cadea sobre os custos dos insumos”.

“Os produtores europeos de fertilizantes xa se atopaban baixo unha presión considerable debido a algúns dos prezos da enerxía máis altos do mundo, e a situación actual non fixo senón aumentar os custos de produción de fertilizantes nitrogenados”, alertan desde Fertilizers Europe.

España solicita á Comisión Europea un plan de acción para asegurar o abastecemento aos agricultores

Consejo de ministros de Agricultura celebrado en Bruselas el pasado 30 de marzo

Consello de ministros de Agricultura celebrado en Bruselas o pasado 30 de marzo

O ministro de Agricultura, Luis Planas, solicitou á Comisión Europea que elabore un plan de acción para asegurar o abastecemento de fertilizantes, que se ve dificultado pola guerra en Oriente Medio e que se trata dun produto imprescindible para garantir a rendibilidade das producións agrícolas.

No Consello de Ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea celebrado a semana pasada en Bruxelas, Planas afirmou que máis aló do problema puntual dos prezos, a Comisión “debe adoptar aquelas medidas que sexan necesarias para atopar alternativas” e lembrou que nesta materia Europa arrastra unha vulnerabilidade desde hai tempo, como xa se evidenciou por exemplo co estalido da guerra en Ucraína.

O ministro reiterou que a dependencia externa dos fertilizantes é un dos puntos débiles que compromete a autonomía alimentaria da Unión Europea, polo que lembra que se trata de solventar unha situación na que Europa é vulnerable desde hai tempo.

500 millóns de euros en axudas directas para comprar abono

Planas explicou que o 49% da urea e o 30% do amoníaco, que son ingredientes básicos para a fabricación de fertilizantes, transitan polo estreito de Ormuz, o que motivou o encarecemento destes produtos nas últimas semanas como consecuencia da guerra contra Irán, e unha situación de novo “moi complexa”.

O ministro lembrou que para paliar este efecto o Goberno de España incluíu no paquete de medidas para facer fronte ás consecuencias axudas directas para a adquisición de fertilizantes por valor de 500 millóns de euros.

A agricultura europea é vulnerable ao ser dependente das importacións de fertilizantes

O paquete de medidas aprobado polo Goberno español, o primeiro dos 27 países da UE que se dota dun plan para facer fronte á guerra, inclúe medidas específicas para os sectores agrario e pesqueiro por valor de 877 millóns de euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información