“A prohibición de novas plantacións de eucalipto debe manterse”

A Asociación de Silvicultores Costa Norte, que agrupa 200 propietarios forestais dos concellos coruñeses de Ortigueira e Mañón, é unha das máis activas de Galicia e decidiu "apoiar activamente" o proxecto de Altri. Entrevistamos á súa presidenta, Sara Vale, para coñecer os seus argumentos

“A prohibición de novas plantacións de eucalipto debe manterse”

Sara Vale, presidenta da asociación de silvicultores Costa Norte.

Asociación de Silvicultores Costa Norte agrupa a 200 propietarios forestais dos municipios coruñeses de Ortigueira e Mañón, que suman en conxunto unha superficie de 2.200 hectáreas.

Para mellorar a rendibilidade para o propietario, á hora de realizar as curtas, a asociación agrupa a superficie en coutos redondos axeitados para o aproveitamento forestal mecanizado e todo o monte está certificado.

Costa Norte asesora aos propietarios sobre a xestión da súa superficie forestal: que tipo de especies son propicias en cada parcela, como poden realizar a plantación, etc. Ademais, imparten cursos e charlas de formación sobre distintos aspectos, como lexislación, certificación, manexo de plantacións, abonado ou outros que indicen directamente na rendibilidade dos montes.

Costa Norte asesora aos seus socios sobre a xestión dos seus montes e a venda conxunta de madeira

Outra das súas funcións é a negociación de acordos entre os propietarios e as empresas madeireiras para a venda e a certificación das curtas.

Teñen acordos de comercialización con Ence, pero tamén apoian que se instale en Palas de Rei a nova factoría proposta por Altri e enviaron unha carta ao ministro de Industria apoiando o proxecto.

Enviaron unha carta ao Ministerio de Industria pedíndolle que apoie o proxecto de Altri e sexa un “aliado activo” no proceso

Sara Vale Pena é a presidenta da asociación Costa Norte. Con familia en Mañón, aínda que criada en Asturias, regresou a Galicia aos 23 anos e, tras casar cun axente forestal, comezou a interesarse polos montes. Empezaron poñendo a producir os da familia e, tras anos investindo os seus aforros na compra de parcelas forestais, dispoñen hoxe de máis de 50 hectáreas dedicadas principalmente ao eucalipto.

Defensora do asociacionismo entre propietarios como forma de superar handicaps como o minifundio ou o avellentamento da poboación, reclama maior protagonismo da muller na toma de decisións sobre a xestión dos montes.

– Cantos socios ten a asociación e que funcións realiza?
– Somos preto de 200 socios. Velamos polos intereses forestais, económicos e sociais dos nosos asociados, incluíndo formación e asesoramento (charlas, xornadas, visitas…) en temas como implantación, especies, abonado (analizamos o solo), pragas e enfermidades, lexislación, catastro, PXOMs, etc.

– Canta superficie sumades e cales son as especies predominantes?
– Pasamos das 2.200 hectáreas. A especie predominante ata agora era o Eucalipto globulus, aínda que agora comeza a predominar o E. nitens, polas pragas e enfermidades, pero xa empezamos a detectar tamén enfermidades no nitens, e coa banda marrón no Pinus radiata cada vez é máis complicado o asesoramento, debido ao cambio climático, polo que apostamos por investigar con distintas especies e híbridos.

Por iso estamos facendo algunha plantación experimental con varias clases de eucalipto de Ence, Mañente, Navigator e Altri, para ver como evolucionan e a que conclusións chegamos. É unha experiencia que veu visitar o Instituto Raiz de Portugal, ligado a Navigator, e tamén temos seguemento de Ence.

– Como realizades o aproveitamento e as curtas?
– Os aproveitamentos fanse xuntando varias parcelas ou do mesmo propietario ou de distintos propietarios, pois temos que mecanizar a curta, xa non hai equipos a man. Hai que programar as curtas para que o equipo se mova a distancia mínima posible e tamén deixamos montes de reserva ou apoio, para poder mover o equipo cando as condicións climáticas son adversas para que poida seguir traballando. Gústanos ter traballo todo o ano para o equipo ou equipos que realizan as curtas.

– Realizades algún tipo de xestión e venda en conxunto ou agrupamento da superficie forestal?
– Somos unha asociación sen ánimo de lucro, baixo o amparo da lei de 2002 española, sen actividade económica. Ninguén cobra soldos, salvo gastos ordinarios do funcionamento.

Como asociación non podemos realizar vendas conxuntas. Nós acompañamos en todo momento ao propietario que realiza unha venda individual á empresa baixo as condicións conveniadas coa asociación, facemos os contratos, certificacións, comunicación de modelos silvícolas, permisos de curta, etc. A empresa diríxese á asociación e viceversa, trátase de darlles servizos aos socios.

Promovemos permutas e compravendas para aumentar a superficie media

Non realizamos “xestións conxuntas” como figura lexislada, pero se se analiza a nosa política, agrupamos para cortar, para plantar, para limpar, etc. Promovemos permutas e compravendas para aumentar a superficie media, entón, desde ese punto de vista, si xestionamos conxuntamente.

Por iso non nos movemos do noso territorio, sempre medramos arredor dun socio. Temos xente que nos chama doutros lugares, pero non imos, non somos conseguidores de madeira, se temos madeira, vendemos, senón, dedicámonos a outras cousas.

– O pequeno tamaño das parcelas supón un handicap para obter rendibilidade do monte. O asociacionismo pode ser unha solución?
– Si, é un gran inconveniente. En Mañón a superficie media é de 900 m² por parcela, en Ortigueira chegamos a 2.000 m², menos do que publica o Plan Forestal de media na Coruña. É evidente que ou nos agrupamos e mecanizamos ou non hai ningunha rendibilidade e menos se temos que pagar a unha empresa de servizos forestais posteriormente á curta.

A parcela media en Mañón é de 900 metros cadrados. Ou nos agrupamos e mecanizamos ou non hai ningunha rendibilidade no monte

O asociacionismo naceu para que houbera unha asociación por concello, agrupar aos propietarios, así abaratar o custo dos aproveitamentos e que nos pagaran máis pola materia prima, que é dunha calidade excelente.

Co tempo esa idea inicial desvirtuouse e parecen comercializadoras de madeira, non buscan cambiar a estrutura das parcelas, o beneficio total para o propietario e a profesionalización dos mesmos. Desde as asociacións debemos actuar nesas liñas, para que haxa relevo xeracional e non haxa abandono.

– Existe abandono do monte?
– Non temos parcelas abandonadas. Os que viven no rural coidan os seus montes e os que viven fóra tamén os coidan, directamente ou a través de empresas. Nesta zona, aínda non se foi o último camión e xa temos a planta no monte. En case quince anos que levo no mundo forestal, vin moi poucas parcelas abandonadas, nalgún caso, por exemplo, produto de herdanzas non resoltas.

Nesta zona non hai parcelas abandonadas, aínda non se foi o último camión de madeira e xa temos a planta no monte

Pero a xente nova non vive no rural, e máis tendo nenos, porque antes houbo unha política de concentración de servizos; eles vanse preto dos colexios, o médico, a farmacia, o transporte público…

– Son útiles as actuais figuras legais, como as agrupacións de xestión conxunta ou as Sofor, para contrarrestar o minifundio e lograr unha mellor xestión?
– Ningunha das figuras actuais lexisladas para agrupar se adapta á realidade desta zona, onde non existe abandono. Ou non nos convén fiscalmente, como a SOFOR e as súas condicións como membros da sociedade, ou non son claras nos seus principios e na forma de executalas. Aínda ninguén me resolveu as dúbidas sobre a “xestión conxunta”. Aquí non hai abandono e temos que ter mínimo un 10 % para facer unha concentración parcelaria ou unha xestión conxunta.

Moitas veces esta mobilización e xestión activa dos montes que facemos desde a asociación non se percibe nin catastral nin documentalmente porque ten un custo moi elevado. Cando se realiza unha agrupación, existe unha obrigatoriedade do notario de medir as parcelas tanto individualmente como no seu conxunto, e nun exemplo de 299 parcelas que concentraban 50 hectáreas, o custo de todo o proceso de rexistro ascendía a 300.000 euros. Desde a asociación, preferimos investir ese diñeiro na compra de monte e xestionalo de forma agrupada, a pesar de non estar documentado.

– Hai opinións que consideran que o eucalipto é a especie ideal para os propietarios absentistas? Estás de acordo?
– Esa idea só a pode ter unha persoa non consciente do noso clima. Xa lle dixen a algún conselleiro que co noso clima, ás veces, hai que limpar a planta de eucalipto o primeiro ano ata seis veces para que subsista no medio dos fieitos e outras especies. Por iso parece que non limpamos o monte. Entón, se somos absentistas, que produción e rendibilidade imos ter, despois dunha gran inversión?

O eucalipto é máis rendible polo crecemento (se vixiamos o seu estado sanitario) e porque require menos silvicultura que, por exemplo, o piñeiro ou o castiñeiro, que requiren podas de formación, claras, clareos, etc.

Temos o piñeiro radiata e o castiñeiro con enfermidades como tinta, chancro, avespiña, banda marrón… ninguén sabe o que nos custa unha planta de castiñeiro de 2 savias, ademais de pelexar co corzo, xabaril, etc.

– Desde hai anos apostades pola certificación forestal, que vos achega?
– Antes axudábanos a concienciar aos propietarios da necesidade de cumprir toda a lexislación, demostrar e certificar que a nosa madeira procedía de bosques con xestión sustentable e pagábannos máis.

A partir do ano que vén non se certificará o monte como ata agora

A partir de 2025 só nos vai servir de punto de apoio, necesario, para o Regulamento EUDR que entra en vigor, para dicir que a nosa madeira, non a árbore, é un “produto pertinente” e non procede de “deforestación”, pero non certificará nada do monte como agora, non sei que pasará co plus que nos pagan por estar certificada.

– Cal é o principal destino da madeira que cortades? Tedes algún tipo de acordo estable con Ence ou traballades con distintos compradores?
– O principal destino é para pasta de celulosa. Temos convenios estables con Ence e tamén tivemos algún con Greenalia. Non traballamos con distintos compradores, exceptuando cando temos que cortar un piñeiral. Sempre traballamos cun único comprador para os montes bos, malos e regulares. E sen intermediarios, sempre directamente á empresa grande.

A estratexia de poxar lotes paréceme discriminar aos socios

Os socios somos todos iguais, o que difire é o monte. Establecemos un prezo base e a partir de aí, dependendo do custo de aproveitamento e o volume de madeira, subimos ou baixamos prezos.

A estratexia de poxar lotes paréceme discriminar aos socios, ademais as empresas sempre se poñen de acordo en prezos e estes varían segundo a súa demanda.

– Como está actualmente a situación do mercado en canto a demanda e prezos? Agardades unha mellora de cara a 2025?
– A demanda de madeira aumentou, pero varía segundo estea a demanda mundial de celulosa e a súa cotización nos mercados internacionais. Os prezos, en fin, como sempre os produtores de materias primas son os que perden, non nos repercuten os beneficios das industrias.

Os produtores non asesorados téñeno difícil pois non son conscientes do que teñen no monte

Os produtores non asesorados téñeno difícil, pois non son conscientes do que teñen no monte, fálanlles de prezo por tonelada, pero se lles dis que controlas os camións, xa non compran a tonelada. Ademais, xogan co prezo co IVE. Agás nos autónomos, que é o 21 % e un imposto, o IVE do 12 % é unha compensación do Estado ao produtor por IVE soportado non repercutido, non forma parte do prezo da madeira.

En canto aos prezos para o 2025, falan de mellora, pero son escéptica. Aquí hai un dito entre os madeireiros: “non hai máis que correr a voz de que a madeira subiu de prezo para que a xente a venda”.

“Se temos que exportar o 50% da madeira que cortamos, chéganos e sóbranos o que hai plantado”

Sonia Vale.

Sara Vale.

– A moratoria actual á plantación de eucalipto finaliza o próximo ano. Consideras que se deben manter as restricións ou flexibilizalas?
– A prohibición de novas plantacións de eucalipto debe manterse. Se temos que exportar o 50 % da madeira que cortamos, nos chega e nos sobra co que hai plantado. O que necesitamos é non ter que exportar e transformar o produto na nosa terra para darlle valor engadido.

– Son necesarios, entón, novos operadores no sector forestal en Galicia? Como valorades o proxecto de Altri?
– Xa existen outros operadores, senón non habería exportación, iría toda a madeira para Pontevedra ou Navia. Aquí están Altri, The Navigator ou o grupo Lecta, pero só compran a madeireiros ou proveedores, como din eles. Nese punto, nós, como asociación sen actividade económica, temos un problema que intentamos solucionar con eles.

En canto á nova planta de Palas de Rei, por acordo asembleario e por unanimidade decidimos apoiar activamente o Proxecto Gama de Greenfiber/Altri, polo ben de todos os produtores galegos, asturianos e cántabros.

Este proxecto sería importantísimo para darlle valor engadido á nosa materia prima

Entre outros moitos motivos, para coller o tren dunha industria moderna coa última tecnoloxía, dentro da loita contra o cambio climático que marca a estratexia económica da UE, o Goberno de España e a Xunta de Galicia. Galicia ten a lexislación forestal, medioambiental e de augas máis estrita de toda Europa.

Este proxecto sería importantísimo para aumentar o PIB nacional e galego, así como para darlle valor engadido á nosa materia prima. Sería a única fábrica de ciclo completo europea, e despois reciclaría.

– A presenza da muller no sector forestal é cada vez máis visible e relevante (labores de enxeñería, xestión de empresas madeireiras, etc.). Ocorre o mesmo no caso da propiedade forestal?
– É cada vez máis visible o papel da muller na sociedade en xeral e en todos os sectores, polo tanto, tamén no forestal. Como presidenta, formo parte dunha directiva con tres mulleres e o 48 % dos nosos socios son mulleres, porque son propietarias e moi activas. Supoño que a nosa presenza axuda ao seu empoderamento e senten máis protexidas nun mundo dominado polos homes, como é o forestal.

Aínda que hai moitas mulleres propietarias, a toma de decisións segue correspondendo maioritariamente aos homes

Aínda que hai moitas mulleres propietarias, a toma de decisións segue correspondendo maioritariamente aos homes. Menos mal que as empresas aplican políticas de igualdade, pero aínda a pé de monte, tanto eu como as miñas xestoras de compras e aproveitamentos, temos que lidiar cos intentos de facernos ignorantes. Nós temos que demostrar dobremente a nosa valía.

A pé de monte, tanto eu como as miñas xestoras de compras e aproveitamentos, temos que lidiar cos intentos de facernos invisibles

A muller é o futuro en todos os sectores, grazas ás nosas predecesoras e aos homes que foron educados na igualdade de dereitos e deberes, e que nos apoian. O futuro da muller rural é un gran reto pero ten un gran potencial, porque o futuro ímolo construír nós. Sen nós, non habería sociedade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información