Prohíbense as queimas agrícolas e forestais en Galicia a partir deste xoves

A Consellería do Medio Rural indica que se supenden os permisos concedidos e non se outorgarán novos ata novo aviso

Publicidade
Prohíbense as queimas agrícolas e forestais en Galicia a partir deste xoves

A partir deste xoves, 30 de maio, quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia ata novo aviso. Isto implica que non se concederán máis permisos e os xa outorgados quedarán en suspenso desde o xoves. Quedan excluídas desta prohibición as queimas controladas que executa o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais, que están debidamente planificadas e dispoñen dos medios de extinción necesarios.

A decisión foi tomada tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e analizar en detalle os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume. Tamén se tivo en conta que a normativa —Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais— prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control.

Así mesmo, a Consellería do Medio Rural solicita a colaboración da cidadanía para extremar as precaucións e denunciar calquera actividade incendiaria delituosa da que teña coñecemento, dado que desde este xoves e ata novo aviso non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal para particulares. Ademais, a Consellería lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información