Programadas sete xornadas formativas no ámbito forestal en Lugo

A programación, impulsada polo Servizo de Montes de Lugo e o Distrito Forestal IX Lugo-Sarria, inclúe cursos sobre normativa forestal, castiñeiro, frondosas, cogomelos, xestión forestal e restauración de zonas queimadas

Publicidade
Programadas sete xornadas formativas no ámbito forestal en Lugo

O Servizo de Montes de Lugo e o Distrito Forestal IX Lugo-Sarria, dependentes da Consellería do Medio Rural, presentaron a programación de outono de 2026 das Cadeiras de Divulgación Forestal, integrada no programa de formación continua agroforestal de AGACAL.

A iniciativa contempla sete accións formativas que se desenvolverán no concello de Lugo entre setembro e novembro, co obxectivo de ampliar os coñecementos sobre diferentes materias relacionadas coa actividade forestal e coa cadea forestal-madeira.

As actividades están dirixidas principalmente a persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa cadea forestal-madeira, así como a aquelas que teñan expectativas de incorporarse a estes ámbitos. Entre os destinatarios teñen especial presenza os mozos e mozas do rural galego, ademais de técnicos, xestores, estudantes e outras persoas interesadas na xestión forestal e no aproveitamento sostible dos recursos.

Sete propostas formativas
A programación dará comezo o xoves 17 de setembro cunha acción sobre Normativa básica para Xuntas Reitoras de Montes Veciñais en Man Común (código FC2026F127078).
O mércores 23 de setembro será a quenda do curso Rexistro de masas frondosas consolidadas (FC2026F127080). Xa en outubro, o sábado 17, impartirase un Taller de poda de castiñeiro (TT2026F127042), mentres que o venres 23 de outubro terá lugar o Taller de marcaxe de frondosas (FC2026F127084).

A programación completarase durante o mes de novembro con tres propostas: un Taller de identificación de cogomelos comerciais (FC2026F127083), unha acción sobre Xestión de agrupacións de xestión forestal (FC2026F127085) e outra centrada na Restauración de zonas queimadas (FC2026F127079).

Preinscrición aberta
As persoas interesadas en participar nas accións formativas poden realizar a súa preinscrición a través da plataforma de formación de AGACAL, no apartado de accións formativas. A organización informa de que para obter máis información tamén se pode contactar co teléfono 982 828 626 ou co enderezo electrónico xbruna@xunta.gal.

Con esta programación, as Cadeiras de Divulgación Forestal buscan contribuír á mellora da formación e da especialización das persoas vinculadas ao sector forestal, promovendo ao mesmo tempo unha xestión sostible dos montes e dos seus recursos.

Cadeiras_divulgacion_forestal_Outono_26_def

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información