Programada a I Mostra de Calidade Alimentaria do 15 ó 17 de decembro en Boqueixón

A cita terá lugar no Pazo de Quián, en Sergude. Será un encontro de produtos e produtores. O evento acollerá a entrega dos premios Exceleite e os das Catas de Queixos e Meles de Galicia 2021

Programada a I Mostra de Calidade Alimentaria do 15 ó 17 de decembro en Boqueixón

José González durante a súa intervención na firma do convenio xunto ós alcaldes de Silleda e Vila de Cruces.

A Xunta celebrará a I Mostra de Calidade Alimentaria entre os días 15 e 17 destes mes de decembro no Pazo de Quián, situado no lugar de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón. Así o avanzou o conselleiro do Medio Rural, José González, na presentación do convenio entre a empresa Culinaria e a Asociación de Criadores de Galo de Curral de Vila de Cruces (Pontevedra) para a promoción deste produto como referente de excelencia gastronómica.

O titular de Medio Rural estivo acompañado neste acto polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.

O conselleiro avanzou que a I Mostra de Calidade Alimentaria será un encontro de produtos e produtores que ao longo de tres xornadas acollerá a entrega dos xa coñecidos premios Exceleite, así como os das Catas de Queixos e Meles de Galicia 2021, entre outras accións.

Na súa intervención, José González referiuse ao tradicional como ao máis natural, apostando por dar visibilidade ás prácticas máis senlleiras. Nesa liña, lembrou que Galicia, con 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, é a comunidade que aglutina máis distintivos deste tipo. O conselleiro recordou que o ano que vén entrará no Parlamento a nova Lei de calidade alimentaria de Galicia ó tempo que tamén mencionou as posibilidades de posta en valor que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, ao abeiro da cal hai 14 aldeas modelo aprobadas e máis dunha decena de polígonos agroforestais ligados de xeito prioritario ás producións de calidade.

O galo de Vila de Cruces

O convenio asinado este venres entre a firma Culinaria, afincada en Silleda (Pontevedra) e cunha traxectoria de máis de 20 anos no sector da restauración colectiva e social, e a Asociación de Criadores de Galo de Curral de Vila de Cruces busca promocionar os galos de curral criados de forma tradicional nesta localidade pontevedresa. A iniciativa enmárcase na estratexia de posta en valor deste produto na que se inclúen outras actividades como a Festa Gastronómica do Galo de Curral que leva celebrándose na localidade cruceña dende 1993 e que se integra na Rede Europea de Patrimonio Gastronómico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información