A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) pon en marcha o programa formativo Incorporación á produción hortícola e consolidación das cooperativas hortícolas.
A formación diríxese a persoas en situación de desemprego, sen coñecementos previos en produción e comercialización hortícola, co fin de capacitalas para crear o seu propio posto de traballo no sector e que se incorporen como socias a cooperativas, facilitando así a comercialización dos seus cultivos e reforzando o tecido empresarial cooperativo. A formación conta coa homologación da Consellería do Medio Rural. As persoas interesadas en participar no programa poden matricularse en agaca.coop ata o 11 de maio
O programa arrinca o 1 de xuño, co curso Incorporación á explotación agraria: orientación cultivos intensivos, de 250 horas, que abarca dende a xestión técnico –económica dunha empresa agraria ata a agrotecnoloxía.
Quen complete con éxito esa formación avanzará a un curso de Aplicador/Manipulador de produtos fitosanitarios, de 25 horas, para a obtención do carné necesario para traballar con estes produtos. Ademais, a formación inclúe 160 horas de prácticas de cultivo en leira.
A formación terá lugar nas instalacións da cooperativa El Plantel Comarcal de Betanzos, en Paderne. Está estruturada en 4 horas/día. Unha vez haxa alumnado, concretarase o horario de impartición: ou ben en horario de mañá (de 09:00h a 13:00h) ou bien de tarde (de 15:00 a 19:00h).
A iniciativa forma parte do proxecto Formación para a consolidación das cooperativas agroalimentarias de Galicia, no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social, xestionado pola Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES), e que inclúe outros programas formativos, un orientado á incorporación ao sector vacún de leite e outro de apoio á función xerencial nas cooperativas agroalimentarias. Conta coa cofinanciación do Fondo Social Europeo, mediante a convocatoria de subvencións dirixidas a entidades e empresas da economía social para o desenvolvemento de proxectos destinados á creación de empresas e entidades da economía social ou á mejora da competitividade e o apoio á consolidación empresarial das mesmas.
Máis información e inscricións no teléfono 981 58 47 83