Programa dos “Encontros Online de Innovación en Madeira”

Programa dos “Encontros Online de Innovación en Madeira”

O Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD) organiza os próximos días 29 e 30 de xullo, os IX Encontros Online de Innovación en Madeira, Meeting Point Lignum. A través de webinars, os profesionais poderán compartir as súas experiencias en construción sustentable e uso da madeira.

Nesta edición porase especial atención ás construcións realizadas baixo a conciencia real dos beneficios da madeira na contorna que se habita, así como os beneficios que representa para a saúde e o benestar das persoas. O punto de encontro será a través do portal www.meetingpointlignum.com

Os encontros comezarán o 29 de xullo, ás 12:00 horas, coa intervención de Ansede Quintáns Arquitectos. Aínda que o seu labor céntrase fundamentalmente en rehabilitación en centros históricos e patrimonio, como a restauración das ruínas de Santa Mariña Dozo ou vivendas en Santiago ou Vigo, realizaron proxectos de moi diversas tipoloxías. Recentemente recibiron o segundo premio no concurso para remodelación do complexo de San Caetano, para a Xunta de Galicia, e colaboraron no proxecto A Clínica das Casas, da Escola de Arquitectura da Coruña.

O mesmo día, a ás 16:00 horas, será a quenda de Liqe Arquitectura, estudo que pensa na arquitectura como o modo de situarse e relacionarse o home no mundo. Buscan evolucionar a relación coa contorna do parasitismo á simbiose, mellorando os modos de “naturalizar” o medio. Caracterízanse por reformular a relación coa contorna grazas á técnica. Novos materiais que permiten alterar os límites do interior e a súa relación co exterior.

Unha arquitectura ao servizo da contorna e a sustentabilidade

Na segunda xornada de Meeting Point Lignum, que se celebrará o xoves 30 de xullo, Bonsai Arquitectos exporá unha forma de construír e habitar a arquitectura que debe mirar ao futuro con máis convicción ca nunca. A resposta a ese futuro é unha arquitectura sustentable, eficiente e orgánica, inspirada na propia natureza. Este estudo declárase abertamente apaixonado do deseño arquitectónico con materiais naturais, tendo na madeira, a súa material estrela.

Xa ás 16:00 horas, pechará esta novena edición o estudo Domohomo Design, para quen converter en realidade a ilusión dunha idea é un camiño longo e complexo. Achegan a visión de conxunto necesaria nun proceso que depende de moitos factores, ideas, normativa, ilusións, contorna, materiais…. Por iso coidan todos os detalles, conscientes da importancia que un proxecto de habitabilidade ten para calquera persoa.

PROGRAMA CLUSTER MADEIRA WEBINAR

Un punto de encontro para arquitectos, deseñadores e empresas da madeira

Os Encontros Online de Innovación en Madeira cumpren este ano a súa novena edición contando con máis de 25.000 seguidores na plataforma web, na que se poden consultar todos os relatorios realizados os anos anteriores, entre as que destacan as de César Portela, Patxi Mangado, Arrokabe Arquitectos, Juan Domingo Santos ou Creus y Carrasco, entre outros moitos. Trátase dun importante arquivo audiovisual sobre o uso e aplicacións da madeira en diferentes obras, explicadas polos propios autores.

Para participar nestes encontros unicamente hai que conectarse ás horas indicadas a través de www.meetingpointlignum.com. Trátase de conseguir un foro de coñecemento no que se ofrezan solucións sustentables e se mostren novos modelos de construción, rehabilitación e deseño en madeira.

A plataforma conta cun espazo reservado para aquelas empresas que desexen participar a través de información corporativa dos seus produtos, coa posibilidade de incluír ligazóns aos seus produtos e redes sociais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información