
Marcos Mariño, Jesús Manteiga e Avelino Souto na presentación do programa de FEIRADEZA 2025. Foto: Cedida
Feiradeza celebra este 2025 a súa 40ª edición, consolidada como a maior feira do gando de Galicia e un dos eventos máis relevantes do calendario agro-gandeiro estatal.
Durante os días 4, 5 e 6 de xullo, o Lalín Arena volverá ser o epicentro do sector, cun programa cheo de actividades, concursos de gando frisón, exhibicións, música en directo e unha ampla presenza de empresas e marcas colaboradoras.
O concelleiro de Lalín, Avelino Souto, xunto ao edil de Agricultura, Marcos Mariño, e o presidente de Africor Pontevedra, Jesús Manteiga, presentaron este sábado o programa da feira, que amplía a programación tanto para o sector gandeiro como para o público en xeral que se queira achegar á capital do Deza.
“Esperamos que sexa outra gran edición, con algunhas novidades con respecto ao ano pasado”, destacou Avelino Souto, que agradeceu a colaboración tanto de Africor Pontevedra, dos gandeiros así como das institucións e empresas e demáis entidades que fan posible esta nova edición de Feiradeza.
O venres, día 4, terá lugar pola mañá a entrada do gando e xa pola tarde celebrarase o concurso de xóvenes preparadores, “a últipa proba que terá en España antes de acudir á competición europea que se celebrará en outubro en Bélxica”.
“O sábado comezará co concurso de xatas e xovencas pola mañá, así como o de manexo de tractores, no que se entregarán 600 euros en premios. E xa pola tarde-noite o concurso de vacas, por segunda vez cun formato nocturno, co que estamos moi satisfeitos e que, xunto con outro concurso que se celebra en Andalucía, é o único que realiza de noite en España”, destacou o representante do concello de Lalín.
Os concursos de xatas, xovencas e vacas serán xulgados por Anthony Le Trionnaire, un xuíz francés con ampla experiencia e reputación a nivel internacional.
Entrega das mencións ás mellores ganderías de Lalín
Outra das novidades deste edición é que o sábado pola noite tamén se entregarán no Lalín Arena as mencións honoríficas ás mellores ganderías de Lalín, en base aos datos de AFRICOR PONTEVEDRA. Serán distincións ás 3 mellores explotacións de vacún de leite por clasificacion morfolóxica, por produción, así como ás 3 mellores vacas por produción vitalicia, por ICO e tamén ás mellores 3 vacas primerizas de ganderías do concello de Lalín.
A xornada do sábado concluirá cunha festa do agro co grupo Broken Peach, “un concerto aberto ao todo o público e que foi posible grazas á colaboración económica de NUDESA, ENOVA Enerxía e ASCOL”.
Poxa de gando o domingo
Na xornada do domingo, 6 de xullo, celebrarase o concurso de xóvenes manexadores e a continuación terá lugar a poxa de 18 animais de Finca Mouriscade, todos menos un, vacas de primeiro parto. “É unha poxa na que vai haber animais de moi bo nivel”, destacou Avelino Souto.
FEIRADEZA concluirá coa entrega de premios e sorteos.