Entre o venres 8 e o domingo 10 de agosto celebrarase a XVIII Feira do Viño de Monterrei, que contará cun intenso programa de actividades, aptas para todas as idades, co obxecto de converter este evento nunha cita ineludible. Ademais do apartado musical previsto, tamén está contemplada a realización de catas comentadas e showcookings, para o público adulto, así como de xogos populares para os/as nenos/as.
A primeira delas será ‘Monterrei, sorbos de historia e tendencia’, con Juanjo Figueroa, presidente da Asociación Galega de Sumilleres (AGASU) e imaxe da campaña promocional da D.O. Monterrei “Non lle deas máis voltas”. Está programada para o sábado 09 de agosto, ás 13 horas, e realizará un percorrido polas variedades, clima e solos do territorio vitivinícola, acompañado dunha experiencia musical.
Ese mesmo día, pero xa ás 20.00 horas, organizarase a actividade ‘Come, bebe e aprende do mellor xeito’ a cargo de Begoña Vázquez (Premio mellor cociñeiro galego 2024), Miguel López (director técnico do C.R.D.O. Monterrei) e José Manuel Salgado (profesor do CMUS Verín). Durante a mesma mostrarase a gran versatilidade dos viños de Monterrei, así como a riqueza gastronómica da zona, a través dunha maridaxe con produtos locais selectos. Todo isto harmonizado por un pequeno concerto acústico de guitarra.
Na xornada do domingo, ás 13 horas, realizarase a cata maridada con produtos de “Experiencias de Calidade de Galicia” presentada como ‘Monterrei: Frescura Atlántica, Carácter Continental’, da man de Martín Touceda (responsable da empresa familiar Cien por Cel) e Juliana Picarelli (sumiller do Restaurante Maruja Limón 1 estrela Michelin e 2 soles Repsol). Esta iniciativa permitirá descubrir o potencial da denominación xunto diferentes elaboracións de porco celta.
Para participar en algunha destas tres actividades será necesario formalizar a inscrición no correo electrónico info@domonterrei.com, así como aboar 10 euros de cota de participación. As prazas son limitadas e por rigorosa orde de inscrición. As mesmas realizaranse no espazo de showcooking situado no parque da Alameda.
Por outra banda, e xa para o público infantil, durante as xornadas do 09 e 10 de agosto, o interior da Alameda tamén servirá de escenario para a realización de xogos populares como 3 en raia, tangram ou ra, entre outros. Será entre as 20 e 22 horas, na zona sur do parque, e non é necesaria a inscrición previa.
Sobre a D.O Monterrei
A Denominación de Orixe Monterrei é unha das cinco denominacións de orixe vitivinícolas galegas. A mesma abarca os municipios de Verín, Monterrei, Vilardevós, Riós, Oímbra e Castrelo do Val. Está conformada por 29 adegas. Os viñedos desta D.O. ocupan un total de 798,10 hectáreas de territorio nas que traballan 381 viticultores.
Galego





Control OJD