Programa das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro

Programa das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro

A sala de reunións do Pazo de San Marcos da Deputación de Lugo acolleu este xoves a presentación das XIX Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, as cales volverán ser presenciais e se desenvolverán o xoves 10 e o venres 11 de novembro no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo.

Na presentación interviñeron a deputada da área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García; o presidente de Seragro SCG, Víctor Manrique, e os organizadores das Xornadas, Noelia García e Francisco Sesto.

Na súa intervención, Víctor Manrique referiuse aos gandeiros como verdadeiros protagonistas do sector leiteiro, “que souberon adaptarse ás innovacións e tendencias que vai presentando o mundo global, cun escaso recoñecemento e nun momento convulso en canto aos custos de produción e ás esixencias ambientais e de benestar animal, cada vez máis estritas”. Así mesmo, subliñou o carácter especial deste encontro, xa que “despois de tres anos de paréntese, poderemos dotar de novo de significado á palabra ‘celebración’”.

Pola súa banda, Pilar García convidou a todos os interesados a participar nas xornadas e sinalou “a necesidade de seguir poñendo en valor o sector lácteo, gran aliado da economía da nosa provincia e esencial para o presente e o futuro de Lugo”.

Na desagregación do programa, Francisco Sesto e Noelia García aludiron á intención da organización nesta edición de facer fincapé en aspectos de actualidade e de futuro como son o benestar animal, o cambio climático, o i+D+i, a xestión de explotacións e o coidado que se lle debe prestar á produción de leite, xa que se trata dun alimento de consumo humano.

EXPOSICIÓNS DO XOVES

Abrirá a xornada a investigadora do Servizo de Microbioloxía do Hospital Ramón y Cajal Rosa del Campo cunha intervención na que tratará a problemática das resistencias antimicrobianas. Seguirana os veterinarios de Seragro SCG Martín López e Almudena Tato, encargados de enunciar unha charla sobre a influencia da mastite na fertilidade.

Tras a pausa para o café, tomará a palabra o enxeñeiro agrónomo e profesor da Universidade de Kiel (Alemaña) Ignacio Ipharraguerre, quen presentará os últimos avances en relación coa saúde metabólica e coa produtividade do gando bovino leiteiro. A situación actual no referente ao balance de minerais en vacas lactantes, conferencia que ofrecerá o enxeñeiro agrónomo da Universidade de California (EE. UU.) Alejandro Castillo, será a última temática da mañá.

En sesión vespertina, o profesor de economía aplicada da Universidade de Santiago de Compostela Edelmiro López aludirá ás implicacións que terá para o sector lácteo galego a PAC 2023-2027. Seguirao no estrado Fernando Estellés, investigador do Instituto de Ciencia e Tecnoloxía Animal da Universidade Politécnica de Valencia, quen detallará as características e utilidades da pegada de carbono.

María Pardo, veterinaria de Seragro SCG, completará o cadro de expertos do primeiro día cunha conferencia que se centrará na valoración do benestar nas ganderías de vacún leiteiro.

PROGRAMA DO VENRES

O veterinario Miguel Ángel García iniciará a sesión do venres cunha charla na que avaliará a locomoción bovina e abordará o método ROMS. A continuación, o podólogo de Seragro SCG Manuel Vidal compartirá cos asistentes a súa experiencia co control e coa prevención da dermatite.

Relevarao no estrado o veterinario de Recría Castro Rogelio Grille, quen ofrecerá un relatorio no que repasará as diferentes estratexias de alimentación e manexo na etapa de leite da recría e, posteriormente, o enxeñeiro zootecnista Sebastián Demyda, da Universidade da Prata (Arxentina), falará das vantaxes do uso das biotecnoloxías xenómico-reprodutivas en bovino de leite.

Xa pola tarde terá lugar un bloque temático que xirará ao redor da recuperación e ordenación do territorio, así como das propiedades do leite. A primeira intervención, que versará sobre a utilización dos instrumentos de recuperación de terras para a mellora da base territorial das explotacións de vacún de leite, correrá a cargo da directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural (Xunta de Galicia), Inés Santé.

Logo, subirá ao escenario Javier Caínzos, alcalde do concello coruñés de Curtis, para compartir a iniciativa desenvolvida no seu polígono agroforestal co fin de recuperar e ordenar as terras agrarias. Por último, será a quenda do investigador do Grupo de Neurociencia Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria-Galicia Sur Carlos Spuch, cuxa conferencia se enfocará en poñer en valor o leite como alimento ante as diferentes modas e os conceptos equivocados que se están difundindo na sociedade actual.

As XIX Xornadas quedarán clausuradas, como vén sendo habitual, co tradicional brinde do leite.

programa seragro 2022 1 programa seragro 2022 2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información