Programa da I Mostra de Calidade Alimentaria da Xunta

O evento celébrase no Pazo de Quián (Boqueixón) e inclúe presentacións, entregas de premios e foros sobre gastronomía galega saudable e dieta atlántica

Publicidade
Programa da I Mostra de Calidade Alimentaria da Xunta

Os actos celebraranse no Pazo de Quián, situado en Sergude (Boqueixón, A Coruña).

Data inicio: 15/12/2021
Data fin: 17/12/2021
Lugar: Pazo De Quian, Quián, España

Este mércores, día 15, ás 11:30 horas, arrancará no Pazo Quián, en Sergude (Boqueixón) a I Mostra de Calidade Alimentaria, organizada pola Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), nun acto que estará presidido polo xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo.

Neste marco presentarase a nova campaña institucional do Goberno galego para promocionar a excelencia alimentaria galega, xunto ao mercado dixital oficial no que produtores poderán vender os seus produtos de xeito directo, establecendo contacto eles mesmos co consumidor. Ademais, no exterior do Pazo de Quián estará presente unha “gastroneta” da Axencia Galega da Calidade Alimentaria que ofrecerá ós asistentes unha mostra da calidade alimentaria galega, presentada nunha caixa con diversos produtos galegos.

Por outra banda, a I Mostra acollerá a entrega dos premios Exceleite, que supoñen un recoñecemento ás ganderías galegas senlleiras de vacún de leite e avalan a excelencia hixiénico-sanitaria dos produtores de leite cru de vaca. Ademais, tamén se celebrará a entrega de galardóns das Catas de Queixos e Meles de Galicia 2021, que distinguen os mellores queixos e meles.

A Mostra desenvolverase ata o venres 17 en horario de mañá e tarde, co seguinte programa de actos:

Mércores 15 de decembro

11:30 horas.- Inauguración da Mostra
Presentacións:
• Proxecto Buxo (desenvolvemento do Espello do Rural no Pazo de Quián).
• Actividades 2022.
• Marketplace.
• Campaña publicitaria institucional.

16:30 horas.- Come galego.
Conferencia e showcooking sobre Ecociña, unha perspectiva turística dos produtos de proximidade e de calidade alimentaria galega, impartida pola directora do Centro Superior de Hostelería de Galicia, Marta Fernández.

17:30 horas.- Degustación de produtos con acompañamento musical.

Xoves 16 de decembro

11:00 horas.- Entrega de premios Exceleite 2021.

16:30 horas.- Come saudable.
Mesa redonda sobre filosofía slowfood: vantaxes dunha materia prima sen procesar, duns produtos de proximidade, da biodiversidade, da menor pegada de carbono, da conservación territorial e cultural.

17:30 horas.- Degustación de produtos con acompañamento musical.

Venres 17 de decembro

11:00 horas.- Catas de queixos e meles de Galicia 2021.

16:30 horas.- Come atlántico.
Conferencia sobre as fortalezas da Dieta Atlántica, a súa adaptabilidade ás diferentes necesidades nutritivas e o seu futuro dentro da promoción dos produtos de calidade alimentaria de Galicia.

17:30 horas.- Degustación de produtos con acompañamento musical.

Debido ás restricións pola pandemia, o acceso á Mostra está limitado e será por invitación, malia que todos os actos poderán seguirse por streaming e tamén será posible velos baixo demanda na páxina de Youtube da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. Ademais, a través das redes da Axencia (Fabebook e Instagram), farase un seguimento estrito de toda a Mostra. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información