A Fundación Juana de Vega convoca a décima edición do Programa de Apoio, co obxectivo de axudar aos emprendedores a desenvolver as súas ideas empresariais, convertelas en proxectos de negocio e materializalas en empresas reais, innovadoras e competitivas. Tamén inclúese o apoio a empresas existentes que precisen abordar proxectos de mellora ou expansión das súas liñas de negocio.
Por tanto, o programa consta de dúas modalidades. A primeira, denominada “Emprendemento”, vai dirixida aos novos emprendedores, mentres que a de “Crecemento e consolidación” vai dirixida a axudar a autónomos, micro Pemes e Pemes a desenvolver ou consolidar os seus proxectos empresariais, tratando de mellorar o seu funcionamento a través da tutorización na toma de decisións nas diferentes áreas de negocio que o requiran.
Nas nove edicións anteriores teñen participado 90 iniciativas empresariais procedentes de toda a Comunidade Autónoma, das cales o 84% materializáronse en empresas cuxa porcentaxe de supervivencia aos tres anos de vida foi do 76%, unha cifra moi superior á media de supervivencia das empresas emerxentes en España.
As propostas poderán presentarse ata o 30 de novembro
As propostas poderán presentarse ata o 30 de novembro e poden presentarse as inscricións e consultarse as bases na páxina web da Fundación Juana de Vega (programa.juanadevega.org). A proposta vai dirixida a emprendedores e empresas dos sectores agroalimentario, forestal, pesqueiro e marisqueiro, así como proxectos de base tecnolóxica e servizos relacionados con estes ámbitos, que contribúan ao desenvolvemento do medio rural galego. Na categoría de emprendemento, o abano abrangue desde empresas de nova creación o en fase de lanzamento ata sucesións e recuperacións de empresas e explotacións familiares, proxectos de posta en valor de activos rurais improdutivos.
En canto ás empresas, poden participar aquelas que precisen revisar a súa definición e organización estratéxica, realizar unha investigación de mercado, crear un plan de marketing ou un plan comercial, desenvolver unha estratexia online, realizar unha análise de operacións e mapas de valor. No ámbito económico tamén se atenderá ás que precisen revisar os seus plans de financiamento, realizar un estudo económico ou mellorar o seu control de xestión e, en xeral, calquera aspecto a mellorar para incrementar a competitividade do negocio.
No proceso de selección de candidatos, prestarase especial atención a proxectos que xurdan no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que presenten un alto grado de diferenciación baseado na calidade e na innovación, que teñan unha clara orientación ao mercado e que poñan en valor os recursos do territorio.
Fases do programa de apoio
O programa consta dunha fase inicial, que consiste na selección de proxectos, cinco en cada modalidade. Levarase a cabo, no caso dos emprendedores, a través dun obradoiro de ideas de negocio de dez horas, con carácter selectivo. Respecto das empresas aspirantes, un equipo de especialistas analizará a situación e necesidades de cada unha delas, os seus recursos e o peso específico do proxecto presentado.
Na segunda fase, que se desenvolverá entre os meses de febreiro e xullo de 2022, abordarase a tutorización e asesoramento das mellores ideas de negocio e proxectos de mellora. Finalmente, entre setembro e decembro de 2022 pecharase o proceso coa posta en marcha de iniciativa empresarial ou implantación do proxecto, co correspondente apoio, seguimento e monitorización. Para iso recibirán asistencia xurídica, apoio na tramitación de subvencións ou axudas, na captación de recursos financeiros e en calquera outro tipo de necesidade que poida ter o emprendedor para garantir o éxito da iniciativa.