Programa da Feira Rural de San Sadurniño, un referente da aposta polo agro

Programa da Feira Rural de San Sadurniño, un referente da aposta polo agro

Edición anterior da Feira Rural de San Sadurniño. Foto: www.galiciaartabradigital.com

O concello San Sadurniño celebra este sábado, 26 de agosto, a novena edición da súa Feira Rural. O municipio coruñés convértese deste xeito nun referente das posibilidades do medio rural a través dun encontro que combina a esencia das feiras de toda a vida coa posta en valor daquelas experiencias que apostan pola sustentabilidade.

A feira terá lugar no Arboredo de especies autóctonas da Cortiña, onde dende primeira hora da mañá haberá mercado con produtos frescos, alimentos transformados, viveiros de planta e flor, artesanía e artigos de segunda man.

Ademais, na carpa principal poderán atoparse alimentos de calidade e tamén a froita que se presente ao concurso organizado polo Concello e a AGFA do Eume.

O programa de actividades paralelas inclúe a tradicional copa de agility canino, a segunda edición do concurso monográfico da raza Can de Palleiro, iniciación á hípica, paseos en kaiac, obradoiros de cociña para os nenos e nenas, xogos…

Ademais tamén se prevén visitas guiadas á horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos -situada ao pé da feira- e ao colmear didáctico xestionado pola AGA-Ferrolterra.

A feira disporá cun espazo para xantar por un prezo módico. Outra opción son os restaurantes da zona -o mesón A Granxa e o mesón o Ferrador son os máis próximos,  aínda que tamén temos Riboira en Lamas e Os Cazadores en Santa Mariña-, polo que cómpre chamar con tempo de adianto para reservar. Tamén existe a posibilidade de traer a merenda e aproveitar algún dos recunchos de sombra á beira do Xuvia onde, ademais, hai tres mesas fixas: unha ao pé da estatua da deusa Navia e dúas no contorno da presa de Mera.

O concello de San Sadurniño tense convertido nos últimos anos nun referente en Galicia en posta en valor e aposta polo medio rural, con diversas iniciativas como a recoñecida “Teño unha horta en San Sadurniño”.

Programa Completo da IX Feira Rural de San Sadurniño:

-10.00h. Apertura da feira e expositores: Agroalimentación, Artesanía, Viveiros e 2ª man.

-10.30h. a 11.00h. Concurso da Froita Autóctona:
– Inscricións de lotes de froita para concurso. De 10.30 a 11.00 h
– Fallo do concurso da Froita. 13.30 h
– Entrega de Premios. 14.00 h (Agasallo dunha froiteira autóctona só por participar)
1º premio: Cesto de produtos valorado en 100 euros
2º premio: Cesto de produtos valorado en 75 euros
3º premio: Cesto de produtos valorado en 50 euros

-11.00h. a 13.30h  IV Copa Agility Concello de San Sadurniño

-11.30h. Primeira visita guiada á horta de froiteiras autóctonas (inscrición no posto do Concello)

-12.00 a 14.00h. Comparsa teatral do Aturuxo de Melpómene con “Cadaquen Faladafeira”

-12.30h. Cata de viño e sidra da C.F.E.A. de Guísamo con queixo O Casal

-12.30h. Primeira visita guiada ao Colmear didáctico. (Inscrición no posto do Concello)

-14.15h. Sorteo de cestos con produtos do país (carpa principal)

-16.30 a 18.00h.  Obradoiro infantil de marmeladas de froitas con degustación acompañada de Queixos de Brigantia

-17.00h. Visita guiada á Horta de Froiteiras Autóctonas

-17.00h. II Monográfico da Raza Can de Palleiro, con premios para os mellores exemplares nas categorías de cachorros, xuvenís e adultos.

-17.15h.  Exhibición hípica e iniciación á monta para persoas adultas

-18.00h.  Visita ao apiario didáctico

-18.15h. Exhibición hípica e iniciación á monta para nenas e nenos

-19.15h. Segundo sorteo de produtos e lotes de froita autóctona

-19.30h. Clausura da IX Feira Rural

Exposicións permanentes:
– Apicultura da Asociación A.G.A. de Ferrolterra.
– Froita Autóctona da Asociación A.G.F.A. do Eume.
– Cociñas e trebellos solares da Asociación Os Picos do Sol.
– Club de raza Can de Palleiro.
– Nosa Enerxía, Cooperativa comercializadora de enerxía renovable

Actividades/Obradoiros paralelos:
– Baixadas en kaiac polo Río Xubia. 11.00h. a 14.30h. e de 15.30 a 19.00h.
– Obradoiro de enxeños solares, obradoiro de chapas, iniciación aos malabares, xogos xigantes  11.00h. a 19.30h.
– Obradoiro da Casa do mel de Goente. 11.00h. a 19.00h.
Expositor do Concello:
– Inscricións para visitas guiadas ó Apiario e/ou á Horta de Froiteiras, baixadas en kaiac, e obradoiro de Cociña Creativa
– Información turística
– Recollida de tickets para a cata de viño, sidra e queixo.

Máis información. 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información