
A Asociación Galega das Castañas e dos Soutos (AGCS) organizou un encontro en Guitiriz para coñecer en detalle diferentes castes autóctonas do froito e o seu manexo agronómico. O evento tivo lugar no Souto do Crego, unha parcela da parroquia de Labrada onde se cultivan 38 castes autóctonas de castaña.
Aspectos como a poda, o demoucado, a fertilización ou os enxertos foron analizados nunha xornada na que os asistentes puideron ver de preto os exemplares de árbores que están presentes no Souto do Crego. Produtores de castaña, investigadores do CIF Lourizán e da USC, operadores do sector e persoas interesadas en poñer en marcha plantacións participaron na xornada.

Os asistentes á xornada degustaron castes autóctonas de castaña galega
A maiores de observar as árbores, os asistentes intercambiaron impresións sobre o sector do castiñeiro. A falta de relevo xeracional, a necesidade dunha maior profesionalización, a evolución dos mercados, as tendencias de consumo ou as posibilidades de crecemento en Galicia foron algúns dos aspectos abordados.
A xornada completouse cunha degustación de castañas do propio Souto do Crego e outras aportadas por socios da AGCS. Todas elas de orixe sativa, xa que dende a asociación queren poñer en valor a alta calidade das castes que se producen en Galicia.
A AGCS xa traballa na organización de novas actividades formativas e divulgativas para promover o desenvolvemento do sector do castiñeiro en Galicia, a súa profesionalización e o seu coñecemento como ferramenta de desenvolvemento.
Galego









Control OJD