Proecogal advirte da falta de forraxes nas granxas ecolóxicas pola seca

A asociación pide autorización excepcional para utilizar puntualmente herba seca e forraxes convencionais de proximidade ante o esgotamento das reservas e a suba dos prezos

Proecogal advirte da falta de forraxes nas granxas ecolóxicas pola seca

A Asociación de Produtores de Ecolóxico de Galiza (Proecogal) reclama medidas urxentes para facer fronte aos efectos da seca e das elevadas temperaturas nas explotacións ecolóxicas galegas. A falta de pastos e forraxes está a acelerar o esgotamento das reservas destinadas ao inverno, obrigando ás granxas a acudir antes do previsto ao mercado para garantir a alimentación do gando, nun contexto marcado pola escaseza e o incremento xeralizado dos prezos.

Ante esta situación, Proecogal pide ás administracións que habiliten mecanismos excepcionais que permitan autorizar temporalmente o uso de herba seca ou forraxes convencionais de proximidade nas explotacións afectadas pola falta de alimento ecolóxico.

A asociación defende que se trataría dun recurso puntual e moi limitado, aplicado unicamente mentres persistan as circunstancias excepcionais e dentro do marco da normativa europea, co obxectivo de garantir a alimentación dos animais e a continuidade das explotacións.

A entidade xa trasladou esta problemática ao CRAEGA nunha reunión, tras a que o organismo remitiu a cuestión á AGACAL. Proecogal reclama agora unha actuación coordinada de ambos os entes e insiste na necesidade de adoptar decisións antes de que as reservas das explotacións se esgoten completamente.

Ao mesmo tempo, a asociación reclama avanzar nun plan específico de adaptación do sector ecolóxico galego á seca e aos episodios de calor extrema, co obxectivo de afrontar con maior capacidade futuras situacións de estrés climático.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información