Produtores lucenses denuncian caídas de prezos dun 25% na canle Mercaproximidade

Reclaman a fixación dun prezo mínimo e axudas directas para os sectores máis afectados pola pandemia do coronavirus, como os gandeiros de carne de vacún e ovino, os horticultores e viticultores ou os invernadoiros de flor cortada

Reunion-sector-agrogandeiro

Un momento da xuntanza online organizada desde a Deputación de Lugo

Productores de carne de vacún e ovino da provincia de Lugo denuncian que a canle Mercaproximidade, posta en marcha pola Xunta de Galicia para facilitar a venda de produtos agrogandeiros galegos a través das cadeas de supermercados e paliar deste xeito o peche da hostalaría ou a venda directa durante a crise do coronavirus non serviu para frear a caída de prezos, con devaluacións que chegan ao 25%.   

A responsable de Medio Rural da Deputación de Lugo, Mónica Freire, mantivo unha reunión con asociacións que forman parte do tecido produtivo agrogandeiro para tratar a situación dos sectores estratéxicos na provincia durante a crise sanitaria da Covid-19 na que participaron Román Sánchez Besteiro, da cooperativa A Carqueixa dos Ancares, Rosa Maseda Bello da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada, Carlos Rojo Pombo e Orlando González Folgueira da Asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia (Ovica), Isabel Vilalba Seivane do Sindicato Labrego Galego e Elías Somoza Regueiro da Federación Rural Galega (Fruga).

O prezo de venta da plataforma supón unha perda en torno ao 20-25% respecto ao prezo medio de referencia dos últimos anos nas mesmas datas

Durante a xuntanza virtual acordouse solicitar un encontro co conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, para trasladarlle un informe coas conclusións do encontro, no que se especifican as necesidades e demandas máis urxentes do sector primario da provincia de Lugo.

Necesidade de establecer prezos mínimos

Mónica Freire explicou que “a maioría das asociacións demanda un maior compromiso por parte da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, quen ten as competencias na materia, coa posta en marcha de accións reais na loita contra as consecuencias da pandemia no sector primario produtivo”.

Entre as medidas urxentes destaca a necesidade de establecer uns prezos mínimos para os produtores que se integraron na plataforma Mercaproximidade, impulsada pola propia Consellería de Medio Rural. O prezo de venta da plataforma supón unha perda en torno ao 20-25% respecto ao prezo medio de referencia dos últimos anos nas mesmas datas.

Mentres neste contexto de crise os agricultores e gandeiros cobran menos polos seus produtos, os prezos seguen a subir para os consumidores, como reflicten os datos do IPC

A deputada mariñá subliñou que “a plataforma de venda en liña só permite a compra por parte das grandes distribuidoras, non dos pequenos comercios, reforzando a posición de forza que teñen estas empresas fronte aos produtores”. Nesa liña, Mónica Freire explicou que mentres, neste contexto de crise, os agricultores e gandeiros cobran menos polos seus produtos os prezos seguen a subir para os consumidores, como reflicten os datos do IPC.

Axudas directas para os sectores máis afectados

Por outra banda, a deputada nacionalista sinalou que “faise imprescindible a posta en funcionamento de axudas de mínimis para o sector agrícola, en especial para os criadores de ovino e cabrún, gandeiros de vacún de carne, produtores de horta e flor ornamental ou cortada, así como sectores tan sensibles e dependentes da hostalaría e restauración como o sector vitvinícola ou o da pataca”, sinalou a deputada nacionalista.

En próximas datas, a área de Medio Rural, do Mar e Mocidade ten previsto continuar coas videoxuntanzas temáticas e sectoriais, como con algún dos concellos máis afectados pola pandemia e outros axentes como o colectivo investigador no Campus Terra da universidade, os colectivos profesionais de enxeñeiros técnicos agrícolas e veterinarios e as comunidades de montes veciñais en man común, co obxectivo de seguir elaborando un programa de medidas que axuden a minimizar as consecuencias da pandemia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información