Produtores de leite ecolóxico de Lactalis rexeitan asinar o novo contrato

Un grupo de gandeiros de Galicia, Asturias e Cantabria, que representan a metade da recollida da multinacional francesa en España consideran a proposta da empresa “unha discriminación” en comparación co contrato para as explotacións convencionais

AMEIXEIRAS (Cesuras) pastoreoUn grupo duns 35 gandeiros de Galicia, Asturias e Cantabria que producen leite ecolóxico para a multinacional francesa Lactalis rexeitan o contrato presentado pola empresa para a recollida a partir do 1 de abril.

Os gandeiros, que supoñen case a metade dos 75 productores en ecolóxico cos que conta a compañía en España, veñen de remitir unha carta á empresa na que afirman que “en plena suba de prezos do leite, os gandeiros e gandeiras en ecolóxico vemos menosprezada a nosa produción cunha suba de só medio céntimo”. Piden “un prezo xusto, cunha suba de 2,5 céntimos e a equiparación do valor das primas por benestar animal e calidade hixiénica super A cos compañeiros productores de convencional”.

A proposta de renovación da empresa é un contrato por 4 meses (1 de abril – 31 de xullo) cun prezo base de 43,5 céntimos (0,5 céntimos máis que agora), ó que hai que sumar os 13,3 céntimos de prima por leite ecolóxico, unha prima que non cambia, así como as primas por benestar animal e calidade hixiénico-sanitaria. Nestas últimas dúas primas están boa parte das discrepancias, pois os produtores en ecolóxico considéranas “discriminatorias”.

“As granxas en ecolóxico podemos conseguir como máximo 0,8 céntimos por litro cumprindo coas células (-250.000) e a bacterioloxía (- 50.000), cando unha gandería convencional chega a 1,5 céntimos; o mesmo que en benestar animal, no que o noso tope son 0,8 céntimos e o máximo para as explotacións convencionais é de 1,2 céntimos”, detallan.

É un sensentido que unha explotación convencional estabulada cobre máis por benestar animal que unha granxa ecolóxica na que as vacas saen todos os días a pacer

Por iso, consideran un “sensentido” que unha gandería ecolóxica, na que as vacas están fóra e saen ao pasto todos os días, teñan menos prima por benestar que unha na que están estabuladas. “Será porque as que están dentro teñen ventiladores e nós na pradeira non os podemos poñer”, argumentan con retranca.

Unión entre os gandeiros da cornixa cantábrica

A menos dunha semana de que venza o contrato actual, boa parte dos produtores galegos que entregan leite ecolóxico a Lactalis néganse a asinar a proposta da empresa e están a tratar de unir forzas con produtores de Asturias e Cantabria que tamén entregan á compañía francesa. A finais da semana pasada mantiveron unha xuntanza para fixar unha postura común.

Dinnos que lles fai falla máis leite ecolóxico, pero non nos ofrecen as condicións de estabilidade e prezo como para meter máis vacas

Anuncian ademais que apurarán a negociación coa empresa até o último momento, igual que acontece una última renovación, producida no mes de agosto, na que os contratos se asinaron o último día. Nas reunións mantidas naquel momento coa empresa, os representantes da multinacional compometéranse a mellorar as condicións debido ás necesidades de leite ecolóxico que ten a empresa.

“Dinnos que lles fai falla máis leite e anímannos a aumentar a produción, pero non nos ofrecen as condicións mínimas para facelo. Primeiro porque cun contrato de só catro meses non temos estabilidade e segundo porque o prezo non permite facer investimentos ou mercar máis vacas”, argumentan os produtores.

Galicia concentra a metade da produción de leite ecolóxico de España

Galicia produce a metade do leite ecoloxico de España. Dos 3,2 millons de litros publicados no mes de xaneiro (o último con datos oficiais do Ministerio), 1,6 millóns sairon das granxas galegas. Cataluña, Cantabria e Asturias, por esta orde, son as seguintes no ranking.

En Galicia só recollen leite ecoloxico Lactalis e Celta

En Galicia só recollen leite ecoloxico Lactalis e Celta. O prezo medio no conxunto do Estado foi de 61,8 céntimos (prezo final con todas as primas), mentres que en Galicia quedou en 61 céntimos, 12,7 céntimos máis que o leite convencional (o prezo medio do leite convencional pagouse en xaneiro a 47,3 céntimos en Galicia). 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información