Produtores de castaña piden que se adapten as subvencións autonómicas á realidade económica e técnica do sector

Publicidade

FOTO REUNION DIRECTORA

A necesidade de reestruturar as actuais liñas de axuda á forestación e mellora de soutos foi o principal tema tratado na reunión entre a Directora Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, e membros da Asociación Galega das Castañas e dos Soutos (AGCS).

Dende a Asociación argumentan que o verdadeiro esforzo económico para os produtores non reside exclusivamente na plantación inicial, senón nos altos custos de mantemento que esixen as parcelas de forma sostida no tempo.

Afindando na cuestión, os membros da AGCS subliñaron que o castiñeiro é unha especie arbórea que “require dunha xestión silvícola sumamente complexa durante todo o seu ciclo produtivo, afastándose por completo dos modelos silvícolas tradicionais onde os coidados se limitan a rozas e podas moi puntuais.”

Outro aspecto abordado durante a xuntanza foi o de dar conta do proceso seguido pola Asociación para constituírse como Agrupación Forestal Básica. Esta constitución completouse recentemente co respaldo da Consellería do Medio Rural. A Agrupación operará como motor de novas iniciativas.

Segundo destacan dende a AGCS, a máis ambiciosa destas liñas de actuación é a futura certificación dos soutos asociados baixo os selos PEFC e FSC. Para logralo, os produtores deberán adherirse aos modelos silvícolas vixentes. Por tratarse dun proceso novidoso, a Asociación dará acompañamento activo aos seus membros.

Os produtores aseguran que a certificación é totalmente compatible cos requisitos da IXP Castaña de Galicia e cren que “abrirá a porta a que os produtores se rexistren como Silvicultores Activos. Esta figura xurídica resultará vital, xa que achegará beneficios fiscais e facilitará a compatibilidade legal da castañicultura con outras ocupacións laborais non agrarias, consolidándoa como unha fonte de ingresos complementaria e segura.”

A Directora Xeral recoñeceu o peso institucional que está a adquirir a AGCS, proba do cal é a confirmación oficial da súa entrada no Consello Forestal. A partir de agora, a castañicultura terá voz e voto xunto ao resto de actores do monte galego nese foro de decisión considerado clave no sector forestal galego.

Durante a xuntanza abordouse, ademais, a posta en marcha do proxecto para crear unha rede autonómica de “Soutos Demostrativos” —destinados á experimentación con variedades e á formación práctica — e solicitouse o apoio institucional para a campaña transfronteiriza que busca o recoñecemento oficial da castaña como froita fresca

Os membros da AGCS aproveitaron o encontro para trasladar o contido da próxima xornada formativa, que se celebrará o domingo 24 de maio no Edificio Sociocultural da rúa Manuel Rivero, en Lalín (Pontevedra).

A asociación afirma que o evento ofrecerá solucións prácticas a dúas das maiores ameazas actuais para o sector: o impacto do cambio climático na fenoloxía do castiñeiro e na biodiversidade da contorna.; e os tratamentos preventivos máis eficaces para combater a avespilla do castiñeiro, unha praga que segue minguando gravemente a produción galega de castaña. Pódese consultar o programa do evento no seguinte documento:

 XORNADA FORMATIVA LALIN

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información