Produtores da Limia piden axudas directas para a enerxía do regadío

Adegal solicita á Consellería do Medio Rural axudas directas ás producións en regadío polo incremento dos custos da enerxía e para competir en condicións semellantes ás de Castela ou País Vasco, onde se habilitaron compensacións

Publicidade
Produtores da Limia piden axudas directas para a enerxía do regadío

A Asociación de empresarios, gandeiros e agricultores da Limia (Adegal) solicítalle á Consellería de Medio Rural que habilite unha liña de axudas directas ás producións en regadío debido ó incremento dos custos da enerxía que se leva producindo dende hai meses. Reclaman estas axudas para poder competir en condicións semellantes ás doutros competidores directos como Castela e León ou o País Vasco, onde as administracións autonómicas xa habilitaron estas compensacións para mitigar o impacto da suba da enerxía, derivada en gran medida pola guerra de Ucraína.

Así, tal e como apuntan dende Adegal, Castela e León concede 250 euros por hectárea ás superficies de pataca e remolacha, tomando como referencia as declaracións únicas da PAC, ó igual que o País Vasco. En ambos casos, as axudas non terán que solicitarse, se non que se concederán de oficio.

Aumento dos custos

Este ano, as Comunidades de Regantes da Limia pasaron a multiplicar por tres a factura da electricidade, atravesando serias dificultades para facerlle fronte. Por outra banda, os agricultores que traballan con gasóleo, encareceron máis do dobre os custes de rego con respecto á campaña do ano anterior.

“Dende Adegal consideramos que para que as producións da Limia se poidan equiparar nas mesmas condicións ós nosos competidores veciños máis directos (Castela e León) débese conceder unha axuda directa ós titulares de explotacións agrícolas por importe de 250 euros por hectárea de cultivo de pataca para paliar así os sobrecustos da enerxía”, valoran dende o colectivo.

Ademais, apuntan que estas axudas son de vital importancia no sector da pataca, punteiro na Limia, pero sen prexuízo de ampliarse a todos os cultivos en regadío.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información