Produto limitado e prezos elevados: así se presenta a campaña de abonado do millo

En plena época de fertilización do segundo corte de pradeiras para ensilado e a un mes da sementeira do millo, falamos coas principais empresas galegas do sector para que nos conten como afrontan a actual situación de carestía e dificultade de subministro desencadeada pola guerra en Irán

 

Las abonadoras reflejan las dificultades derivadas de la guerra ya que emplean gasóleo y fertilizantes, que suben de forma imparable

O abonado de pradeiras para ensilado a partir de mediados de marzo arrinca a campaña de fertilizantes en Galicia, que se estende até a sementeira do millo no mes de maio. Pero este ano o estalido da guerra de Irán veu trastocar os plans de moitas explotacións e das empresas que lles subministran abono.

Coas fábricas europeas reducindo produción debido ao prezo do gas natural e das materias primas necesarias para a fabricación de abonos, o sector ansía o final do conflito, que trastocou por completo o comercio internacional de fertilizantes, paralizando barcos e freando de maneira drástica as importacións.

Existen stocks reducidos en produtos como o nitrato amónico, os produtos nitroxenados a base de urea ou os fertilizantes complexos NPK, “que poderían derivar en dificultades de abastecemento nas próximas semanas”, advirten desde a Asociación que engloba ás empresas distribuidoras.

Os comercializadores finais priorizan aos seus clientes habituais, non querendo collerse os dedos con novas compras

Nun momento de escalada de prezos, con subas do 50% na urea ou do 40% no NAC desde o inicio da guerra nos mercados internacionais, en Galicia os comercializadores finais priorizan aos seus clientes habituais, non querendo collerse os dedos con novas compras.

Máxima incerteza e demanda adiantada

A menos dun mes do inicio da campaña de sementeira do millo forraxeiro na comunidade, a palabra que define a situación é “incerteza”, recoñece Javier Caneda, de Delagro. “A incerteza agora mesmo é total. Cada día hai menos stock e a entrada está sendo limitada. Ninguén pode dicir o que vai acontecer dentro de 20 días”, afirma.

O bo tempo dos últimos días e o nerviosismo ante a escaseza de produto e a suba das materias primas está facendo que moitas explotacións estean a adiantar os traballos nas fincas e as compras de insumos. “Moitos gandeiros están empezando xa a laborear as terras nas que non van facer un segundo corte de herba e mercando o abono como garantía de subministro e de prezo. Prefiren telo na casa polo que poida pasar”, di.

“A campaña vai un pouco máis adiantada que un ano normal e está habendo moita demanda xa, pero de momento o abono que se está movendo é unha porcentaxe pequena, en torno a un 10% do total que se vende en total na campaña”, calcula.

Compras xa pechadas cando empezou a guerra

O feito de que en Galicia a campaña de primavera se inicie co abonado das pradeiras xogou a favor do sector, pois boa parte das empresas comercializadoras que traballan na comunidade tiñan xa pechadas as súas compras para este ano cando estalou a guerra.

“Para Galicia a pradeira e boa parte do millo estaba xa comprado, por iso nos pilla nesta posición. No final de campaña, se sobra mercancía no mercado, o prezo sempre se desploma, pero se falta disparase. A nivel nacional, en Castela, Estremadura ou o val do Ebro a coberteira do millo está sen comprar aínda e veno un pouco máis negro, porque a medida que pasa o tempo a cousa complícase. O abonado de cultivos que se boten en xullo ou agosto vai saír moito máis caro que o que se bote aquí en maio”, asegura Javier.

A cousa pode complicarse moito até o punto de que haxa falta de fertilizante

“A cousa pode complicarse moito até o punto de que haxa falta de fertilizante. En Galicia hai urea tanto en porto como en almacén e vai entrar máis. Outra cousa son os prezos, que si que evolucionaron”, recoñece.

Aínda que o feito de teren xa comprado previamente está a mitigar a suba ás explotacións. No NAC 27, un dos fertilizantes máis usados para pradeira, o encarecemento é dun 20% con respecto á campaña do ano pasado, mentres que nun abono NPK para millo con máis do 20% de nitróxeno a suba sitúase entre o 18 e o 22%.

Aproveitar o xurro para reducir custos

Manuel Crespo, de Soaga, tamén recoñece que se presenta “un escenario complicado por ser moi inestable”. “No mercado galego non se detecta tanto, pero o stock de fertilizantes nos distintos portos é moi baixo, o que provocou subas moi fortes de prezo pola escaseza de produto”, di.

Para mitigar as subas de prezo dos abonos, Manuel recomenda “optimizar os recursos da explotación”. “Se os prezos do fertilizante son máis caros, tamén vale máis o que perdes no teu purín”, di. Por iso, aconsella botar o xurro nas terras cun sistema de tubos colgantes e enterralo canto antes para aproveitar mellor o nitróxeno e reducir as perdas en forma de amoníaco.

Aquí en Galicia nótase menos, porque por unidade de produción ou por hectárea consúmese menos fertilizante

Tamén recomenda facer un reparto na aplicación do fertilizante, para aproveitar o nitróxeno ao máximo, botando unha parte en fondo, no momento da sementeira do millo, e outra parte nunha segunda aplicación en coberteira aos 40-45 días cun nitróxeno protexido con algún tipo de inhibidor, o que reduce as perdas. “Sería o óptimo, pero unha cousa é o ideal e outra cousa é que sexa viable por tempo ou polos recursos e a maquinaría dispoñible na explotación”, aclara.

Substituír os nitroxenados a base de urea por produtos nítricos amoniacais

Outro dos cambios ao que vai obrigar a moitas explotacións a actual situación de escaseza de produto nesta campaña é a variar o tipo de fertilizante empregado, e con iso, tamén as doses a aplicar. “En Galicia usabamos moitos produtos a base de urea e a urea era a principal fonte de nitróxeno do millo,  pero este ano vai escasear”, prognostica.

“Estou seguro de que vai haber falta de produtos ureicos importante no mercado, que van ter que ser substituídos por nítricos amoniacais. O subministro de urea neste momento está moi complicado. Exipto, un dos principais subministradores de urea aos países do Mediterráneo, entre eles a España, está cubrindo o oco deixado por Irán no mercado e vendendo a súa urea ao mellor postor”, di.

A urea era a principal fonte de nitróxeno do millo, pero este ano vai escasear

A nivel de dispoñibilidade, Os produtos nitroxenados a base de urea son case todos importados, pero os produtos nítrico amoniacais son máis doados de conseguir porque hai produción en Europa. Sen embargo, explica, “os aranceis da UE a Rusia dificultan que as empresas rusas, grandes abastecedoras do mercado europeo, poidan estar subministrando a Europa”.

“Con respecto á campaña anterior e á de fai 2 anos vai haber un encarecemento. No 2021, o ano postpandemia, e no 2022, coa guerra de Ucraína, subiran os prezos; despois houbo relaxación dos costos e agora volvemos a estar nun pico importante de prezos”, asegura Manuel.

O millo necesita 250 unidades de nitróxeno e non lle importa a guerra de Irán, segue extraendo o mesmo

Aínda así, reducir o abono necesario non é ningunha solución porque vai en detrimento do propio cultivo. “O millo necesita 250 unidades de nitróxeno e non lle importa a guerra de Irán, segue extraendo o mesmo”, argumenta.

Ao substituír os produtos nitroxenados en base a urea por nítrico amoniacais é necesario incrementar as doses arredor dun 15%. “Loxicamente os nítrico amoniacais teñen menos concentración. Se dun produto a base de urea cun 30% de nitróxeno botamos 600 kg por hectárea, que serían 180 unidades de nitróxeno, máis o purín, se queremos meter as mesmas unidades fertilizantes cun produto nítrico amoniacal, temos que subir a dose e deberíamos botar 700 kg”, detalla o técnico de Soaga.

Mitigar no posible as subas ás granxas

Desde Aresa, pola súa banda, poñen énfase en que están a tratar de non repercutir a suba que están a experimentar os abonos na súa totalidade sobre as explotacións agrogandeiras. “No relativo aos nitroxenados puros (Nac, Urea, SA), está a ser moi custosa y difícil a reposición, se ben, nós tratamos de non repercutir a suba na súa totalidade sobre os nosos clienes”, aseguran desde a empresa lucense.

En canto aos fertilizantes NPK´s complexos e altos en nitróxeno específicos para a sementeira de millo, Aresa dispón dunha ampla gama de produtos nítrico amoniacais, que poden ser inhibidos para mellorar a eficiencia do nitróxeno “ofreciendo este tipo de productos neste momento a mellor relación calidade prezo do mercado”, din.

Mensaxe de tranquilidade

Malia a situación de inestabilidade, as principais empresas galegas insisten en mandar unha mensaxe de tranquilidade aos seus clientes. 

“No noso caso, imos ter garantido fertilizante para os nosos clientes. O produto que nós usamos vén de Amberes, de Bélxica, descargámolo na Coruña e almacenámolo en Arteixo nas nosas naves”, explica Adrián Veras, de Progando. 

“A campaña de pradeira vai xa moi avanzada e para o millo tampouco se agardan maiores sobresaltos porque a maior parte dos subministros estaban xa almacenados ou previstos. Vaise notar a partir do produto que non estivera previsto pedir con subas de prezo moito máis altas”, avanza.

Por iso, di, é moi cedo para avaliar os verdadeiros efectos da guerra en Irán. “Nesta campaña aínda non estamos vendo as consecuencias reais. Para as vindeiras campañas é onde máis se vai notar a guerra, tanto nos custos coma no estocaxe. Se a guerra se alonga en Galicia podería afectaríanos para a campaña de primavera do ano que vén ou xa cara a final deste ano”, indica.

“As operacións están a cerrarse de forma puntual e con grande cautela; podería haber dificultades de abastecemento dalgúns produtos nas próximas semanas”

Henar García del Olmo, secretaria general de ACEFER

Henar García del Olmo, secretaria xeral de ACEFER

A guerra en Irán impactou de cheo no gas natural e nos fertilizantes. Redución de produción, limitación das exportacións e escalada de prezos nos abonos son algunhas das consecuencias dun conflito que ameaza con alongarse e condicionar non só o abastecemento de cru a nivel mundial senón tamén a produción de alimentos

Henar García del Olmo, secretaria xeral de ACEFER (Asociación Comercial Española de Fertilizantes), que reúne ás principais empresas distribuidoras e comercializadoras de abonos que operan en España, recoñece que existe unha enorme cautela no sector, con compras limitadas e redución de exportacións, o que podería derivar en escaseza de determinados produtos no campo se o conflito en Irán e as súas consecuencias a nivel internacional se alongan.

– Como se atopa actualmente a situación en canto a produción e comercio de fertilizantes a nivel europeo e internacional a consecuencia da guerra en Irán?
– Polo momento, a falta de perspectivas claras sobre o fin do conflito mantén aos mercados nunha situación de elevada incerteza. A actividade comercial ralentizouse notablemente, con operacións que se pechan de forma puntual e con gran cautela.

A redución da oferta, unida aos niveis actuais de prezos, está a incrementar significativamente o risco nas operacións, que en moitos casos resulta difícil de asumir para os operadores do sector.

Os comercializadores e distribuidores están a realizar un importante esforzo para garantir o subministro aos agricultores, a pesar do elevado risco que supoñen os actuais niveis de prezos.

O sector continúa analizando a evolución da situación e non descarta a necesidade de medidas excepcionais, como a revisión temporal do mecanismo CBAM, cuxa aplicación desde o 1 de xaneiro de 2026 está a supoñer un custo adicional relevante para os fertilizantes importados na Unión Europea.

– Están todas as fábricas funcionando ao 100% ou houbo reducións debido á suba do prezo da enerxía?
– Nestes momentos, moitas fábricas non están operando a plena capacidade. As principais limitacións están relacionadas co acceso a materias primas e, especialmente, ao gas natural, un factor clave na produción de fertilizantes nitrogenados.

O mercado atópase claramente tensionado. Ademais, recentemente reportáronse incidencias nalgunhas plantas de Arxelia que reduciron a súa produción habitual, o que está a desprazar unha maior presión de subministro cara a países como Exipto.

– Está garantido o subministro en España ou hai produtos que poden escasear?
– No caso da urea, non se prevén problemas de subministro a curto prazo, aínda que si é probable que continúe unha tendencia moderada á alza nos prezos, segundo se está vendo nas publicacións internacionais. A medio e longo prazo haberá que ir vendo.

Porén, existen sinais de tensión noutros produtos. Tanto o nitrato amónico como a solución nitrogenada N32 (nitrato amónico-urea) presentan niveis de stock reducidos, o que podería derivar en dificultades de abastecemento nas próximas semanas.

En particular, a dispoñibilidade de N32 é cada vez máis limitada. Unha das razóns principais é que algúns fabricantes están a priorizar mercados fóra da Unión Europea, onde non aplican custos adicionais como as taxas antidumping ou o mecanismo CBAM.

En canto aos fertilizantes complexos (NPK), a oferta é actualmente escasa e comercialízase en pequenos volumes dirixidos principalmente a clientes habituais.

Pola contra, os produtos potásicos, como o cloruro de potasio ou o nitrato potásico, manteñen un subministro estable grazas ás importacións.

– En que rangos de prezos se moven actualmente os principais produtos en España?
– Segundo as últimas referencias internacionais sobre os prezos dos fertilizantes, a urea experimentou unha lixeira suba, con previsións que a sitúan arredor dos 780 €/t.

O nitrato amónico cálcico (NAC) sitúase aproximadamente nos 470 €/t. Neste contexto, as importacións desde fóra de Europa, incluíndo os custos asociados ao CBAM, non resultan competitivas.

No caso do nitrato amónico, a dispoñibilidade no mercado é limitada, o que engade presión adicional sobre os prezos.

– Cal foi o encarecemento aproximado desde o inicio do conflito?
– De acordo con distintas publicacións internacionais, desde o inicio da guerra rexistráronse incrementos significativos:

  • Urea: arredor do 50%
  • Nitrato amónico cálcico (NAC): arredor do 40%

– Prevén unha estabilización dos prezos ou novas subas?
– No contexto actual, resulta complicado facer previsións. No mellor dos casos, podería producirse certa estabilización. Non obstante, a combinación dunha oferta limitada e dun mercado tensionado fai probable que os prezos continúen á alza, polo menos de forma moderada.

– Cal está sendo a reacción dos agricultores ante esta situación?
– A incerteza xerada pola guerra está a provocar comportamentos de acopio por parte dalgúns agricultores, que intentan adiantar compras para todo o ano. Isto xera picos de demanda que tensionan aínda máis o mercado e dificultan a planificación de compras por parte da distribución.

Así mesmo, algúns produtores están a valorar reducir o uso de fertilizantes ou cambiar a cultivos menos intensivos, o que podería ter un impacto negativo nos rendementos agrícolas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información