Producir pataca de semente en Galicia: aspectos a ter en conta

As utilizacións previas das leiras, a carga de patóxenos vencellados ás doenzas da pataca, a ubicación das parcelas e a presenza de persoal profesionalizado son cuestións imprescindibles antes de orientar o cultivo cara á sementeira certificada e non á produción para consumo. Falamos con Fernando Almeida, de Sementares, para afondar nas posibilidades deste tipo de cultivo.

Publicidade

patacas Kenebec

Nin a altitude, nin a comarca nin o tamaño son parámetros básicos á hora de decidir destinar unha leira para pataca de semente. Así de rotundo se expresa Fernando Almeida, doutor enxeñeiro agrícola e director técnico da empresa galega Sementares.

“Temos realizado experiencias de plantación a máis de 900 metros de altitude e con notable éxito. O que condiciona a pataca destinada a semente non é tanto a localización da leira senón máis ben as súas características. Por exemplo, o pasado ano obtivemos semente de alta calidade preto do cumio do Monte Faro -en Chantada-, que ten 1.187 metros de altitude sobre o nivel do mar.”

E é que o illamento respecto de cultivos similares e ventilación da leira son situacións que influirán de xeito decisivo no resultado da sementeira. “Que os ventos circulen de maneira constante, cambiante e con intensidade é un requisito case imprescindible. A súa acción fai que os vectores de contaxio de pragas de insectos e fungos sexan menos nocivos para a planta. Un exemplo claro é o pulgón, que sofre ao desorientarse co efecto do aire. Con eso redúcese notablemente a carga de virose.”

Non buscamos leiras para ter patacas de semente. Buscamos profesionais que entendan o cultivo e dispoñan dos medios e o coñecemento necesarios.

Tan importante como obter a pataca para semente é que ésta estea certificada. Almeida explica que os criterios de certificación son e deben ser moi rigorosos. Porque só así se garante unha colleita de calidade. “A pataca que vai para semente debera estar libre de patóxenos. O cal é moi difícil. Lograr que a presenza deses axentes baixe do 1% é o obxectivo que sempre perseguimos e acadamos na meirande parte dos casos, pero cun intenso labor de seguemento.”

Por eso, insiste o representante de Sementares, a selección da parcela decidirá o futuro da plantación. “O mellor escenario posible é que se trate de leiras nas que nunca antes houbera patacas sementadas. Eso aumenta exponencialmente a posibilidade de que non haxa restos das pragas que afectan o tubérculo.”

Quistes de nematodo na pataca

Quistes de nematodo na pataca

Unha das máis importantes é o nematodo, un conxunto de vermes de características cambiantes e do que hai rexistradas ata 25.000 castes diferentes. A súa persistencia nos solos onde se teña cultivado pataca é moi alta e poden pasar anos enteiros sen que os quistes nos que se agrupan desaparezan.

Como sucede con outros cultivos como a faba de Lourenzá, é fundamental que as parcelas destinadas a semente estean separadas e o máis alonxadas posible das destinadas a consumo. Esta medida atende ao feito de que os terreos adicados a pataca de consumo adoitan ter cargas víricas moi altas e tendentes á expansión.

O cultivo sempre terá máis éxito en leiras nas que nunca antes se tiveran sementado patacas. Porque a carga de patóxenos é moi baixa.

Pero, máis alá das condicións que debe cumprir o terreo seleccionado, é clave o traballo dos profesionais da agricultura. “O noso esforzo non se centra en buscar leiras. Hai moitas que cumpren as condicións esenciais de ventilación, rotación e aspectos climáticos. O que non abonda -e cada vez escasea máis- son persoas coa experiencia, a vontade e o coñecemento para sacar adiante un cultivo tan especial coma este.”, sinala Almeida.

Unha busca que aínda se fai máis dificultosa ao ter que localizar especialistas en lugares onde a pataca non teña sido o cultivo maioritario. “Hai poucas persoas coa experiencia necesaria e cos apeiros e maquinaria que se precisan. A meirande parte son persoas maiores, próximas á xubilación.” Por outro lado, os coñecementos técnicos deben ir acompañados dun escrupuloso respecto polas normativas que rexen a certificación da pataca de semente.

“Unha parte moi importante do noso traballo consiste en supervisar que se aplican os criterios que marcan a UE e a Consellería do Medio Rural para este tipo de producións. Estamos falando dun produto de alta calidade e do que dependerán as futuras producións dun alimento tan requirido como a pataca.”, di Almeida.

Esta aposta pola recuperación da produción de pataca de sementeira xorde da propia filosofía de Sementares. Dende a súa fundación en 2021, traballaron man a man co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e coa Misión Biolóxica de Galicia-CSIC. Os bancos de xermoplasma de ámbalas dúas entidades posibilitaron recuperar o cultivo profesionalizado de diferentes cereais, hortalizas, legumes e agora castes de pataca como a Fina de Carballo, a Agria ou a Kennebec máis adaptada a Galicia.

“Non falamos de castes autóctonas senón de producións locais e tradicionais. De plantas que, aínda tendo unha procedencia externa, desenvolveron unhas características propias e diferenciadas en determinadas comarcas galegas. Cun sabores e propiedades organolépticas que as fan diferentes.” di o técnico de Sementares.

O recorrente abandono de parcelas no campo galego é, neste caso, un factor que beneficia o cultivo da pataca de sementeira. Atopar parcelas que leven moito tempo con pradería ou mesmo que estean a mato pouco denso é unha opción do máis atractivo. “Son solos virxes e, polo tanto, libres dos patóxenos que afectan os cultivos en xeral -como o mildeu- e a pataca en particular, como o nematodo. Nunca son suficientes as advertencias que facemos respecto das pragas e, por riba de todas, do nematodo. Porque os criterios de certifiación de semente son moi elevados nese aspecto.”

Almeida lembra que o nematodo non só permanece agochado na terra agrupado en quistes, senón que pode espallarse a través da maquinaria agrícola, dos apeiros ou mesmo do calzado do agricultor. De aí que sexa tan importante que as leiras onde se teña localizado estean illadas. Tanto é así que os ensaios que se fixeron conseguiron nun entorno tan abrupto como é a Serra do Faro saír adiante.

Un aspecto fundamental de cara a conseguir pataca de semente de calidade é o almacenamento. As condicións dos lugares onde se vaia depositar. O máis importante é que non se produzan situacións que deriven en brotación de patóxenos. Aí entra en xogo a capacidade de conservación. Condicións de frío, de distancia, de autosalvargada…

Hai que ter en conta que non se traballa con sementes “verdadeiras”. Trabállase con tubérculos de calibre inferior ao que estamos habituados. Pero ese tubérculo ten que estar certificado na categoría sanitaria do grupo A. Son as delegacións provinciais da Consellería do Medio Rural, concretamente os servizos de Sanidade Vexetal, os que garanten os protocolos.

O escenario idóneo é a rotación de cultivos, Incluso de sementes e castes. Como moito, unha parcela de semente de pataca ten unha vida útil de 4 ou 5 anos. Máis alá dese período o recomendable é ir a cultivos cerealísticos ou, especialmente, brásicos. O grelo é a mellor opción, polo que levan experimentado en Sementares.

Traballamos para recuperar aquelas variedades locais e tradicionais que teñen uns sabores e unhas características organolépticas que as fan diferentes e especiais.

Os bancos de xermoplasma en pataca teñen, polo de agora, posibilidades limitadas. Eso leva a que só estea a traballar coa variedade Kennebec – a máis solicitada en Galicia- e con pequenas producións de Fina de Carballo. O que se fai é seleccionar sementes parentais de Fina de Carballo e Agria.

“Agora colabramos co laboratorio Cultigar,en Brión, que permite manter a semente base e garante unhas condicións sanitarias baseadas na experimentación cos tecidos vasculares máis novos, Os meristemos son os tecidos que van condicionar o desenvolvemento da pataca. E é aí onde hai que intervir, son tecidos tan relativamente novos que non van estar afectados polas patoloxías recorrentes. Pero é un labor de laboratorio, porque é no laboratorio onde podemos intervir para sacar ao mercado unha pataca o máis libre posible de vectores de transmisión de patoloxías.

Dende Sementares teñen claro que o mercado esixe produto de rendemento alto e inmediato. De aí que a recuperación da pataca Kennebec, a máis demandada, sexa prioritaria, Sen embargo, cren que a Fina de Carballo ten un potencial moi elevado e, sobre todo, unha versatilidade que a fai moi atractiva a medio prazo.

A Fina de Carballo ten un potencial moi elevado e versatilidade, o que a fai atractiva a medio prazo

Sen esquecer que a Kennebec -malia ser considerada galega- é excesivamente sensible aos patóxenos, Neste tipo de cultivos hai que ir buscar a resistencia dende a semente, Hoxe hai casas comerciais que xa na propia semente inclúen elementos que bloquean a acción deses patóxenos. Tendo especial atención ao mildeu e os nematodos.

Un problema común tanto para a pataca de semente como para a de consumo é a limitación que impón a UE ao uso de produtos fitosanitarios. Nese contexto, hai que buscar patacas de moita aptitude: para fritir, cocer ou guisar. Non se pode apostar por introducir no mercado produtos que non están demandados.

O factor climático é algo a ter en conta. A pluviosidade non é agora un problema en Galicia. Mais o cultivo da pataca séguese considerando de secano, posto que non se lle adica ningún tipo de rega.

Produtividade en pataca de semente
No tocante á productividade, o proxecto de Sementares aspira a chegar entre 15 e 20 toneladas or hectárea. A dificultade do cultivo estriba en que os calibres non poden ir máis aló dos 60 ou 65 milímetros de calibre. Se se superan esas dimensións, xa se consideraría pataca de consumo. Para non chegar a ese límite, en Sementares apostan por calibres inferiores a 55 milímetros. Así non hai risco de incorrer en incumprimentos. Agora ben, eso só se consegue con técnicas agronómicas altamente complexas que levan a traballar en marcos dende os 28-30 milímetros ata un máximo de 55.

Para conseguir ese tamaño é preciso traballar na densidade de plantación e na regulación do engrosamento do tubérculo. E, aínda así, sempre vai haber unha determinade cantidade que, por tamaño, terá que ser destinada a consumo, A cuestión é reducir esa cantidade na medida do posible.

Temos oído demasiadas veces o de que unha leira é a das patacas. O hábito de destinar un terreo a un monocultivo ao longo do tempo só perpetúa as doenzas asociadas ao mesmo

Pero, insiste Almeida, o foco debe estar en localizar parcelas libres de patóxenos. E que teñan historial de rotación de cultivos. Só así se garanten as condicións para que a pataca de sementeira fructifique. Con todo, é máis importante ter a oportunidade de traballar con persoas altamente profesionalizadas no cultivo da pataca que as condicións dos solos.

Estas prácticas, di Almeida, van orientadas a tratar de reverter a tendencia de consumir patacas ultraprocesadas. “Está na nosa man desenvolver un cultivo de alta calidade que se impoña aos hábitos de consumo inmediato que rexen na actualidade,”

E, nos aspectos sanitarios, Almeida destaca a necesidade de rotar os cultivos para que os patóxenos presentes no chan non acaben asentados, “Temos oído demasiadas veces o de que unha leira é a das patacas. O hábito de destinar un terreo a un monocultivo ao longo do tempo só perpetúa as doenzas asociadas ao mesmo.”

Sementares e Patatas Meléndez colaboran para recuperar a produción de pataca de semente en Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información