“Producir máis contaminando menos, nós pensamos que iso é factible”

Ricard Ramón i Sumoy, Xefe de Unidade Adxunto de Perspectivas da PAC da Comisión Europea, avanza cambios lexislativos importantes nos próximos tres anos en materia de fitosanitarios, fertilizantes, antibióticos, etiquetaxe de produtos e benestar animal para aplicar a Estratexia 'Da granxa ao garfo' e defende as bondades da nova Política Agraria Común para o período 2021-2027

Ricard Ramon i Sumoy Comision Europea PACO pasado 20 de maio, a Comisión Europea publicou dous documentos que avanzan as directrices das políticas agrarias comunitarias para os vindeiros dez anos: o programa Da granxa ao garfo e Biodiversidade Horizonte 2030. A Estratexia Da granxa ao garfo contén un Plan de Acción con 27 medidas para os vindeiros anos que, sen dúbida, marcarán a agricultura nesta década. Entre elas, destacan a redución no uso dos pesticidas agrícolas e dos antibióticos no gando nun 50%, diminuír os fertilizantes nun 20%, aumentar a cultivo ecolóxico até chegar ao 25% da superficie agraria no conxunto da UE, que a agricultura contribúa ao arrefriamento do planeta e mellorar o benestar animal e a posición dos produtores na cadea de valor.

Lida por riba, a estratexia Da granxa ao garfo soa moi ben e inclúe moitas iniciativas e finalidades que, aparentemente, deberían ser positivas para o campo, os consumidores e a sociedade no seu conxunto. Mais as novas esixencias en materia de sustentabilidade ambiental que os agricultores e gandeiros deberán cumprir nos vindeiros anos poderían encarecer os custos de produción e reducir as xa de por si mínimas marxes de beneficio das explotacións.

Para abordar os aspectos que traerá consigo a nova estratexia para a produción de alimentos da Unión Europea e os desafíos que se presentan ao sector a Unión de Pequeños Agricultores (UPA) celebrou este luns unha xornada de debate online na que participou o Xefe de Unidade Adxunto de Perspectivas da PAC da Comisión Europea, Ricard Ramón i Sumoy, nado en Tarragona pero que acumula unha longa experiencia en Bruxelas, onde leva máis de 20 anos traballando na xestión comunitaria.

O alto funcionario da Comisión Europea considera que é posible “producir máis contaminando menos”. “Nós pensamos que isto é factible, porque hai que producir máis para alimentar ao aumento de poboación mundial”, asegura en relación ás proxeccións da ONU, que estiman que no 2050 haberá máis de 9 billóns de persoas habitando o planeta.

“Os avances técnicos téñennos que permitir romper esa aparente contradición, que se daba ata fai anos, entre a seguridade alimentaria e a pegada climática, para que sexa compatible aumentar a produción de alimentos e contaminar menos, aínda que esta é unha transición global, que non pode facer só a UE, porque se Europa reduce a súa pegada climática pero o resto do mundo non o fai teremos un problema”, asegura Ricard, por iso aposta por implicar ao resto de países produtores do mundo a través dos acordos comerciais que asine a Unión Europea daquí en diante.

Aínda que admitiu que a decisión final en relación á Estratexia Da granxa ao garfo non a vai a tomar a Comisión Europea, xa que é o Parlamento Europeo xunto cos Ministros de Agricultura dos 27 países comunitarios os que teñen que aprobala, explicou que o documento presentado reflicte “a vontade política” do Executivo comunitario “en consonancia coas tendencias do mercado e as preocupacións dos consumidores”.

Non queremos facer disto bos e malos, do que se trata é de facer entre todos esta transición e acompañar este cambio cara a unha agricultura que sexa sostible e tamén rendible

Restou importancia ao feito de que a Estratexia Da granxa ao garfo estea liderada pola comisaria de Sanidade europea, Stella Kyriakides, e que o comisario de Agricultura, Janusz Wojciechowski, nin sequera estivese presente na presentación do documento. “As decisións son colexiadas, independentemente de quen saia na foto ou faga o discurso”, xustificou.

“A Estratexia Da granxa ao garfo responde a un cambio importante da Comisión para os próximos anos, queremos dar un salto importante de sustentabilidade para o conxunto da economía dentro do Pacto Verde Europeo e pensamos que o relanzamento da economía trala Covid ten que ser verde. Non queremos facer disto bos e malos, do que se trata é de facer entre todos esta transición e acompañar este cambio cara a unha agricultura que sexa sostible e rendible”, argumentou en defensa dos plans de Bruxelas.

Por primeira vez, obxectivos concretos medibles

Ricard Ramón explicou que dentro das intencións do Executivo comunitario “combínanse dous elementos da gobernanza e este documento, a diferenza doutros que presentamos até o de agora, ten metas cuantificables, que son obxectivos e marcan unha dirección, son aspiracións políticas ás que nos gustaría chegar. Non é tan importante o obxectivo como o camiño”, asegurou.

Neste sentido, resumiu en cinco as prioridades daquí a 2030: redución do uso e risco de pesticidas, cun descenso do 50% no volume total de produtos fitosanitarios usados en agricultura e unha redución tamén á metade na utilización daqueles que presentan unha maior toxicidade; evitar nun 50% a perda actual de fertilidade do chan e con iso minorar nun 20% o uso de fertilizantes; usar a metade de antibióticos na produción gandeira; incrementar até o 25% da SAU comunitaria a superficie ecolóxica e lograr que o 10% da superficie agraria europea conteña elementos de valor ambiental.

A Directiva de Uso Sostible de Pesticidas de 2009 non funcionou e por iso debemos seguir empurrando

Xustificou que non houbese unha análise de impacto previo destas medidas porque, explicou, “fanse cando hai actos lexislativos firmes, non canto se fan propostas de obxectivos de carácter político”, pero indicou que “estas cifras teñen en conta as tendencias dos últimos anos e as proxeccións existentes, pero en último termo o seu establecemento é un obxectivo e unha decisión política”, admitiu.

“A Directiva de Uso Sostible de Pesticidas de 2009 non funcionou e por iso debemos seguir empurrando nesa dirección, e a redución de antibióticos é quizais o obxectivo máis doado de cumprir, porque depende basicamente do porcino e avicultura e neses sectores xa houbo grandes avances nos últimos anos”, destacou.

Cambios lexislativos importantes nos próximos tres anos

A Estratexia presentada o pasado 20 de maio pola Comisión dará lugar a partir de agora a todo un corpo lexislativo con distintas leis e normativas, indicou. “A partir de agora vanse a ir desagregando as medidas concretas en distintos actos lexislativos e as propostas lexislativas irán acompañadas de estudos de impacto para analizar como afectarán á produción agrícola”, avanzou.

Autorizarase nos pensos o uso de encimas que melloren a dixestión en ruminantes para reducir desta forma as emisións de metano

Moitas destas novas propostas normativas (ou modificación das xa existentes) terán lugar no próximos tres anos, tales como a aprobación este mesmo ano do Plan de Acción de Agricultura Ecolóxica, previsto para finais de 2020; a modificación da Directiva de Pesticidas, cuxa aprobación se espera en 2021; a revisión do Regulamento de Antibióticos, que terá lugar tamén o próximo ano; a inclusión de axustes nas Normas de Competencia para favorecer a cooperación no sector primario, fixada no calendario en 2021; a revisión do Regulamento de Aditivos para pensos, que autorizará o uso de encimas que melloren a dixestión en ruminantes para reducir desta forma as emisións de metano, que se espera tamén a finais do ano que vén; os cambios a nivel de etiquetaxe dos alimentos, para achegar maior información ao consumidor, en 2022; ou a revisión das Normas de Benestar Animal, incluído o transporte e o sacrificio, previstas para 2023.

Avances tecnolóxicos aplicados á produción de alimentos

Para este alto funcionario comunitario, o Executivo europeo pretende “poñer a remar na mesma dirección ás distintas pezas do puzle, fundamentalmente tres: o produtor, o consumidor e a ciencia. “Hai que facilitar que o desenvolvemento tecnolóxico chegue canto antes aos nosos agricultores e gandeiros”, insistiu

Defensor de democratizar a modernización tecnolóxica porque senón as pequenas explotacións non poderán competir coas grandes, Ricard defende o modelo de explotacións familiares europeas ás que ve futuro. “Ás veces cústanos darnos conta da gran revolución tecnolóxica en curso que se está producindo e que se está democratizando e chegando ás pequenas explotacións, estes avances non son xa cousa só das grandes explotacións”, afirma.

Pero para poder adoptar todas estas tecnoloxías, como a agricultura de precisión, “ten que haber cobertura de banda ancha en todo o territorio rural da UE en 2025”, remarca. “Este obxectivo existía xa, pero a Comisión insiste nel para que os fondos da PAC permitan lograr alcanzar este obxectivo cos fondos de desenvolvemento rural”, anuncia.

A discusión sobre os Organismos Modificados Xeneticamente está aparcada

Os avances técnicos deberían permitir aos agricultores e gandeiros europeos reducir a súa dependencia de praguicidas e fertilizantes e aumentar a súa produción, algo que tamén se podería lograr coa introdución e autorización dos alimentos transxénicos, aínda que Ricard explicou que “a discusión sobre os Organismos Modificados Xeneticamente está aparcada actualmente na Unión Europea” diante da falta de unanimidade dos Estados a este respecto.

Fomento da agricultura ecolóxica e redución do consumo de carne

O responsable adxunto en Bruxelas da futura PAC defendeu que “estamos nun momento no que se abren oportunidades” e animou aos produtores para aproveitalas: “Márcanse obxectivos a longo prazo, a unha década vista. Iso permítenos anticiparnos, porque a sociedade e o consumidor van tamén nesta mesma liña e dous terzos dos consumidores afirman estar dispostos a cambiar os seus hábitos de consumo en prol da sustentabilidade”, indicou.

“A nosa intención é que en 2030 o 25% da superficie agrícola sexa ecolóxica, pero isto non o podemos impoñer, é o mercado o que nos ten que levar aí a través do aumento da demanda deste tipo de produtos biolóxicos”, afirmou.

O 40% dos produtos ecolóxicos que demanda a sociedade europea son importados, aí hai un nicho de mercado interesante

Dado que na actualidade o 40% dos produtos ecolóxicos que demanda a sociedade europea son importados, “aí hai un nicho de mercado interesante”, defendeu. Explicou ademais que segundo as perspectivas e os estudos realizados a nivel comunitario, onde a agricultura ecolóxica representa nestes momentos o 8% da superficie agraria, “sen facer nada acabaría a próxima década no 12%, polo que se trataría de empurrar a demanda para dobrar esa cifra”.

Aínda que aclarou que “lograr ese 25% é un horizonte político europeo, o que implica que non ten por que ser en todos os países esa cifra nin en todas as rexións”, explicou que España atópase xa nestes momentos nunha porcentaxe entre o 10 e o 11%, con rexións como Andalucía onde a agricultura ecolóxica equivale xa ao 18%, pero “hai outras rexións españolas e outros países dentro da UE que están por baixo do 6-7%”, dixo.

Á vez que aumenta a demanda de produtos agrícolas ecolóxicos, insistiu en relación aos plans da Comisión Europea para que se reduza a produción de carne en que “hai unha realidade en Europa, con independencia de que se promova ou non, que é a tendencia á redución do consumo de carne na sociedade, e que é substancial nas xeracións máis novas”.

Fortalecemento da posición dos produtores na cadea

Ricard Ramón considerou necesario mellorar a posición dos gandeiros na cadea de valor, xa que, exemplificou, “hai zonas onde se produce en ecolóxico pero despois eses produtos véndense como convencional porque os circuítos de comercialización en ecolóxico non están ben estruturados”.

A nova Estratexia Da granxa ao garfo da Comisión Europea para o sector agroalimentario inclúe como medida número 11, datada en 2021-2022, a aprobación de “iniciativas lexislativas para mellorar a cooperación dos produtores primarios a fin de apoiar a súa posición na cadea alimentaria e de iniciativas non lexislativas para aumentar a transparencia”.

Hai zonas onde se produce en ecolóxico pero despois eses produtos véndense como convencional porque os circuítos de comercialización en ecolóxico non están ben estruturados

A principal novidade que presenta a nova PAC neste sentido, ademais do Regulamento da Organización Común de Mercados e a Directiva sobre Prácticas Comerciais Desleais, é o apoio decidido ás intervencións sectoriais. A pedra angular deste sistema é a cooperación dos produtores, o que lles permite fortalecer a súa posición na cadea de subministración así como a súa resistencia aos desafíos económicos e ambientais. En España existe o exemplo da aplicación das intervencións sectoriais no sector de froitas e verduras, que agora se tenta facer extensivo a máis sectores.

Importacións de terceiros países

En relación á competencia desleal de produtos importados pola Unión Europea con menores esixencias en materia ambiental, de seguridade alimentaria ou de condicións laborais, Ricard destaca que “por primeira vez a Comisión di que se van esixir os mesmos estándares aos produtos de terceiros países, pero isto é moi difícil de cumprir a nivel global e vai levar anos”, admite.

A Comisión ten a vontade de esixir os mesmos estándares e normas nos acordos con terceiros países para a importación de produtos agroalimentarios pero isto é moi difícil de cumprir a nivel global e vai levar anos

Pero insiste en que “a Comisión ten esa vontade política, a de esixir aos agricultores de aquí o mesmo que aos agricultores de fóra, e vaise a empezar a aplicar nos novos acordos que se asinen. Mentres tanto, di, os Estados poderían facer máis do que fan na importación de produtos de terceiros países, porque é a súa competencia controlar e vixiar o cumprimento da normativa comunitaria nas entradas de produtos alimentarios ao seu territorio.

Aínda que Bruxelas tamén ten intención de reducir a dependencia externa de cereais e de produtos que favorecen a deforestación, como a soia, “as importacións de soia están aí e necesitámolas para manter o noso modelo de alimentación animal”, asegura.

“O mellor que lles podería pasar aos agricultores e gandeiros é que o Consello de Comisarios se pechase canto antes e aprobase a actual proposta para a PAC 2021-2027”

vacas producion

O Xefe de Unidade Adxunto de Perspectivas da PAC da Comisión Europea defendeu tamén a actual proposta económica para o período 2021-2027 realizada pola presidenta Úrsula Von der Leyen dentro do marco orzamentario da UE e do Plan de Recuperación post Covid, que prevé repartir entre os Estados membros 750.000 millóns de euros en distintos sectores, e dos que a España lle tocarían 15.000 millóns máis no Feader para o segundo pilar da PAC, aínda que este incremento non compensa o recorte previsto nos pagos directos do primeiro pilar. En conxunto, a proposta da Comisión mellora a proposta inicial realizada en 2018 pero non chega a igualar os fondos da PAC actual, a respecto dos cales, segundo diversos cálculos, España perdería 585 millóns de euros anuais.

Ricard Ramón rebate estas cifras e afirma que “se á ficha financeira da PAC de 2020 lle sacamos o Reino Unido e multiplicámolo por sete exercicios sáenos que a PAC aumenta en conxunto un 2%, que o desenvolvemento rural aumenta un 1,6% e que os pagos directos diminúen só un 0,4%”, calcula.

Quen ten hoxe unha renda mínima garantida ata 2027? Eu penso que é un luxo tal como están hoxe as cousas no mundo ter unha cantidade garantida até o 2027

Pero independentemente dos números concretos, defende as bondades da actual proposta até o punto de afirmar que “o mellor que lles podería pasar aos agricultores e gandeiros é que o Consello de Comisarios se pechase canto antes e aprobase esta proposta”. “Eu penso que hoxe ter unha cantidade garantida até o 2027 é un luxo tal como están as cousas no mundo e co nivel de inestabilidade que existe. Quen ten hoxe unha renda mínima garantida até o 2027?”, razoa.

Leves cambios na proposta realizada hai dous anos

A proposta de reforma da Política Agraria Común para o período 2021-2027, presentada pola Comisión Europea en 2018, focalizaba xa nos aspectos ambientais boa parte dos cambios previstos no reparto de axudas nos próximos anos. Por iso Ricard asegura que “a PAC que propuxemos hai dous anos pode ser útil e pode satisfacer as aspiracións de sustentabilidade da Estratexia Da granxa ao garfo, porque xa se adiantou a eses obxectivos ambientais”.

Temos unha ferramenta fundamental que nos permitirá chegar aos obxectivos ambientais da Estratexia ‘Da granxa ao garfo’ e é a PAC

Aínda que para que sirva a eses obxectivos de sustentabilidade, asegura, a nova PAC post 2020 debería manter os aspectos clave propostos hai dous anos (por exemplo que o 30% dos fondos de desenvolvemento rural do segundo pilar se destinen a aspectos ambientais) e incorporar dous cambios a maiores: fixar un mínimo de fondos para o chamados eco-esquemas (a Comisión non estableceu na súa proposta cantidade algunha pero o Parlamento Europeo hai dous anos propuxo reservar a este fin un 20% dos fondos do primeiro pilar) e fixar obxectivos concretos a respecto da redución no uso de antibióticos nas explotacións.

Sen a maioría suficiente para establecer un teito de fondos por perceptor

A reforma da PAC leva dous anos de tramitación (o Parlamento paralizouna pola falta dun Marco Orzamentario e pola incerteza sobre as consecuencias do Brexit) e atópase xa nestes momentos no seu proceso final, aínda que chegar a un acordo entre os distintos países non está a resultar doado ao xerarse grandes controversias entre os intereses dos diferentes Estados.

Unha das discrepancias xira ao redor da proposta de poñer un teito nas axudas por explotación. A Comisión propoñía fixar o tope en 60.000 euros por explotación e ano e o Parlamento mostrouse partidario de aumentar esa cifra ata os 100.000 euros, pero non hai maioría actualmente na Eurocámara, onde grupos de dereita e países do leste rexéitan poñer límite algún.

Os puntos de partida e as realidades en cada país son moi distintas, por iso a proposta da Comisión sobre os obxectivos alcanzables non será igual para todos os Estados

Outro dos cambios na futura PAC é o seu maior grao de descentralización, xa que os distintos Estados terán capacidade de asignar fondos segundo os seus propios criterios e prioridades dentro do marco dos obxectivos comúns europeos. Distintas voces alertan, neste sentido, de que se Bruxelas abre moito a man coa subsidiariedade dos Plans Estratéxicos fará que exista unha PAC en pequeno para cada Estado deixando de ser deste xeito unha política europea.

Ricard non ten ese temor e anuncia “maior implicación da Comisión na aprobación dos Plans Estratéxicos da PAC para guiar aos Estados e facilitar que se cumpran eses obxectivos ambientais establecidos con carácter xeral para o conxunto da UE”, aínda que admite que “os puntos de partida e as realidades en cada país son moi distintas, de modo que o potencial alcanzable tamén é distinto por países, por iso a proposta da Comisión non será igual para todos os Estados”.

Non criminalizar á agricultura e gandeiría convencionais

Aínda que a aposta da Comisión Europea é clara a favor de incrementar a agricultura ecolóxica, Ricard considera que “hai outros modelos que tamén son sostibles e sería un erro levar a pensar que só a agricultura ecolóxica é sostible”.

“Non se pode trasladar a idea de que só é sá a agricultura ecolóxica e estigmatizar a agricultura e a gandería convencional, que son saudables, cumpren con todos os estándares de calidade e poden ser sostibles medioambientalmente introducindo unha serie de prácticas que figurarán na condicionalidade reforzada da PAC, como o control integrado de pragas ou medidas para favorecer a biodiversidade”, avanza.

“Co apoio de todos os novos fondos da PAC imos impulsar todos estas prácticas dentro da agricultura e a gandería convencional”, anuncia, explicando que “os eco-esquemas non son como as axudas agroambientais, que só poden compensar o lucro cesante, mentres que os eco-esquemas, sen embargo, poden ir máis aló para incentivar as prácticas sostibles e financialas”, indica.

Os sindicatos agrarios alertan do incremento de custos “inasumibles” para as pequenas e medianas explotacións

Como anfitrión do webinar no que participou Ricard Ramón e a exconselleira de Agricultura da Junta de Andalucía e agora europarlamentaria Clara Aguilera actuou o secretario de Relacións Internacionais de UPA, José Manuel Roche, quen avanzou a postura deste sindicato en relación á Estratexia Da granxa ao garfo.

Para UPA, as intencións da Comisión Europea “xeran bastante incerteza e preocupación”. “Esta estratexia ten que ser unha oportunidade para a agricultura e a gandería e non unha ameaza. En ningún outro lugar do mundo está a producirse de maneira máis sostible que na UE pero non se valoran eses avances producidos nas últimas décadas. Fomos un dos sectores que máis reducimos as emisións, un 24% desde 1990, o 12% o consumo de enerxía e o 30% de auga. Sen embargo, o documento presentado é unha patada ao sector cunha Estratexia que pon en dúbida a nosa forma de traballar”, asegurou Roche.

“Os agricultores e gandeiros demostramos que somos un sector esencial e queremos que así sexa considerado e o que esperamos é que se cambien aqueles obxectivos que poñen en perigo o modelo de agricultura e gandería familiar. Reducións inasumibles nos insumos usados na agricultura, como fitosanitarios e fertilizantes, boas prácticas agrarias como agricultura de conservación, sementa directa, marxes multifuncionais ou rotación de cultivos, enumerou. “Se temos que levar a cabo todos estes obxectivos con novas esixencias e un orzamento menor imos poñer en perigo a viabilidade das explotacións”, asegurou.

Esta Estratexia ten que ser unha oportunidade para a agricultura e a gandería e non unha ameaza. Se temos que levar a cabo todos estes obxectivos con novas esixencias e un orzamento menor imos poñer en perigo a viabilidade das explotacións

Ademais, preguntouse: “Imos ser capaces de aumentar a produción de alimentos para o incremento de poboación mundial prescindindo de fitosanitarios, neste momento a principal ferramenta para salvar as colleitas? Porque as pragas van seguir existindo, non van desaparecer”, razoou.

Roche é produtor de 100 hectáreas de cereal de secaño en Aragón e afirmou que “este ano sen fitosanitarios teriamos un 40% menos de produción”. “Alguén preguntou ao consumidor da UE se estaría disposto a pagar un 40% máis polo pan ou os alimentos que consome?”, cuestionou.

Na súa opinión, para “alcanzar os obxectivos de redución de fitosanitarios e fertilizantes a produción alimentos na UE vai reducirse inevitablemente”, polo que propuxo que as medidas incorporadas á Estratexia Da granxa ao garfo sexan “de carácter voluntario”, xa que “os alimentos que producimos son saudables e os produtos que usamos están avalados pola EPSA, a Axencia de Seguridade Alimentaria Europea”.

“Os agricultores e gandeiros buscamos o equilibrio na palabra sustentabilidade nos seu sentido máis amplo: sustentabilidade ambiental, por suposto, pero tamén social e económica”, reclamou. Ademais, insistiu, “preocúpanos que se incentive á sociedade para reducir o consumo de carne vermella co que iso podería supoñer, xa que sería moi daniño para a gandería extensiva de vacún ou ovino, pero tamén para a gandería intensiva de porcino e polo”.

Unha nova vía de negocio para as multinacionais

Pola súa banda, o Sindicato Labrego Galego considera a Estratexia Da granxa ao garfo “unha operación de márketing consistente en maquillar de verde e ecolóxico o que non o é”, é dicir, “unha nova man de pintura verde para a mesma política agraria industrial e contaminante de sempre” que levará aparellados “custos inasumibles” para as pequenas e medianas explotacións e que abre unha nova vía de negocio para as grandes industrias agroalimentarias e as multinacionais do sector.

“Para empezar, esta estratexia pon como causantes de todos os impactos negativos do sistema alimentario no clima aos labregos e ás labregas. Todas as medidas van dirixidas a regular as actividades agrogandeiras. Para o resto de axentes do sistema alimentario (industrias, fabricantes de insumos, distribuidoras, transportes, maquinaria, etc.) simplemente se propón un código de conduta e de boas prácticas que ben sabemos, por experiencia, que non se vai cumprir”, denuncia o SLG.

A Estratexia ‘Da granxa ao garfo’ inclúe esixencias legais de obrigado cumprimento para os produtores e un simple código de boas prácticas voluntario para os restantes elos da cadea agroalimentaria

Así, denuncia o sindicato, “sorprende que non haxa unha visión crítica con aspectos altamente contaminantes e provocadores de cambio climático, como a agresiva vocación exportadora da Unión Europea ou os tratados de libre comercio nos que a produción alimentaria é sempre moeda de cambio e que se están a asinar con multitude de países a miles de quilómetros cos que se forza un intercambio comercial de alimentos que se poderían producir e consumir nos mesmos países de orixe para non contribuír ao quecemento global do planeta”.

Da mesma maneira, indica o Sindicato Labrego, “cando fala de aumentar a superficie de agricultura ecolóxica entendemos que serán benvidas as producións ecolóxicas industriais e deslocalizadas para aforrar en man de obra a costa dos dereitos laborais e humanos de miles de persoas e consumindo cantidades inxentes de combustibles fósiles para levarnos os alimentos “da granxa á mesa”.

É unha operación de márketing consistente en maquillar de verde e ecolóxico o que non o é, unha nova man de pintura verde para a mesma política agraria industrial e contaminante de sempre

Da análise das medidas concretas que se establecen, o SLG critica que “cando se fala de reducir o uso de fertilizantes, non se distingue entre abonos orgánicos producidos e utilizados na propia granxa e fertilizantes de síntese industrial. Tampouco diferencia o pastoreo e a gandería extensiva, nin fala do modelo de agronegocio que propicia as zonas máis críticas da gandería intensiva. Neste senso, ao culpar á gandería do 70% das emisións de gases con efecto invernadoiro da agricultura (que en si mesma é a causante do 10’3% das emisións globais), non diferencia entre a gandería intensiva e sen terra e a que se fai en base a pasteiros. Este meter todos os modelos gandeiros no mesmo saco repetirase en cuestións como o benestar animal”, prognostica.

En definitiva, para o Sindicato Labrego Galego, máis que unha estratexia para o agro, Da granxa ao garfo semella unha estratexia de márketing, un lavado de cara das políticas agrarias da Unión Europea fronte a unha sociedade cada vez máis concienciada co coidado do planeta e co ecoloxismo e, polo tanto, “contraria ao tremendo impacto que está a ter o sistema alimentario industrial dominante sobre o medio ambiente e o clima. Ese lavado de cara consiste en etiquetar de ecolóxicas e sostibles producións intensivas e deslocalizadas, con miles de quilómetros e de toneladas de combustibles fósiles entre a granxa e a mesa á que alude o slogan, e altamente dependentes dos paquetes tecnolóxicos das industrias agrarias, químicas e farmacéuticas. Parece que o que se fai é privatizar definitivamente o control da produción e a xestión das crises e que a posición na cadea de valor dos labregos e das labregas segue a ser a de subministradores de materia prima barata”, denuncia.

Parece que o que se fai é privatizar definitivamente o control da produción e converter aos labregos e as labregas en subministradores de materia prima barata

“Moitos proxectos verdadeiramente sostibles quedarán fóra do sistema porque lles resultará imposible cumprir todos os requisitos burocráticos que estas medidas van levar consigo: documentar as reducións das porcentaxes propostas vai ser un gasto e un proceso que moitas pequenas e non tan pequenas granxas en Galicia probablemente non serán quen de asumir. Coma sempre, todo quedará en mans do asesoramento privado e, en moitas ocasións, nun asesoramento proporcionado polas propias empresas que lles venden insumos ou lles compran o produto ás granxas”, alerta o SLG, que pon exemplos de grandes multinacionacionais que están a reconverterse para aproveitar o novo nicho de negocio creado pola UE.

“Syngenta ten proxectos de biodiversidade agrícola moi variados e investirá 2.000 millóns de euros nos vindeiros cinco anos para acelerar a innovación na agricultura sostible en todo o mundo. Bayer di que as propostas da estratexia Da granxa ao garfo reflicten moitos dos seus compromisos: fitosanitarios biolóxicos, fitomelloramento, sementes melloradas, agricultura de precisión, agricultura dixital. Que industrias directamente implicadas na contaminación química e no cambio climático se posicionen agora como salvadoras dunha crise á que contribuíron e contribúen xa o di todo”, argumentan desde o Sindicato Labrego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información