“Producir leite en base a herba é máis resistente ás baixadas dos prezos”

Entrevista a Xan Pouliquen, enxeñeiro agrónomo e asesor técnico en xestión agrogandeira. Ven de participar nas charlas informativas que celebraron en Ordes as agrupacións de defensa sanitaria gandeira de Mesía e de Frades.

“Producir leite en base a herba é máis resistente ás baixadas dos prezos”

Xan Pouliquen

A crise de prezos que atravesa o sector lácteo en Galicia e en toda a Unión Europea está cuestionando dogmas que parecían indiscutibles, como o de que a produción de leite de vaca debe ser en intensivo, con vacas estabuladas, unha alta reposición e grandes producións por animal.

O enxeñeiro agrónomo e asesor técnico en xestión agrogandeira, Xan Pouliquen ofreceu a pasada semana en Ordes unha charla sobre a redución de custos nas explotación mediante a desintensificación ou, o que é o mesmo, a alimentación das vacas máis en base a forraxes, con menos concentrado e, tamén, con menor produción por vaca. “Se hai uns anos dicía isto en público queimábanme, pero hoxe os gandeiros están dispostos a escoitarme”, confesa medio en broma.

¿Como definirías a desintensificación da produción de leite?
Podería ser intentar que o gandeiro gañe o mesmo ou mesmo máis pero producindo menos litros de leite por vaca. A desintensificación pode ter moitos significados pero a filosofía é aumentar a rendibilidade forzando menos ás vacas, ás terras e ao capital. Para poder desintensificar hai que mirar a situación e os números de cada gandería.

¿Cales son as estratexias que se seguen para desintensificar?
Hai diversos graos, que poden ir dende quitar un pouco de penso cun mellor manexo da superficie forraxeira e intentando meter forraxes de maior calidade nutritiva, ata sistemas de disintensificación total con pastoreo en extensivo e en ecolóxico. Pero no medio hai moitos graos con sistemas de semipastoreo.

¿Cal sería a explotación de vacún de leite tipo que neste momento se pode acoller a este sistema?
Coa situación que temos neste momento penso que case calquera explotación se podería desintensificar. A cuestión é mirar en que medida lle vai interesar económicamente e se o gandeiro vai ser capaz de facelo ben. Pero para unha explotación que neste momento está en pastoreo, pode decidir pasar a ecolóxico, e unha explotación con vacas de 12.000 litros pode perfectamente decidir pasar a vacas de 9.000 litros con outro tipo de manexo forraxeiro e de ración alimenticia. É dicir, é posible en calquera caso, pero a cuestión é como desintensificar sen perder beneficios.

Evidentemente que unha explotación con 4 ou 5 UGM por hectárea descártase un pouco para este proceso, aínda que podería reducir algo. Máis que criterios técnicos, para desintensificar é preciso estar aberto mentalmente a iso. Ata o de agora estivemos con sistemas nos que o que primaba era producir cantidade de leite, e agora o que temos que mirar máis é que ese leite nos dea cartos.

¿É sinónimo desintensificar de orientar a explotación a herba e a pastoreo en exclusiva?
En absoluto. Por exemplo, nunha explotación cun 100% de cultivo de millo forraxeiro e dando 12 ou 13 kilos por vaca e día, ao mellor pode desintensificar cun cambio de ración, cun pouco menos de millo e de concentrado, e pasar de vacas de 12.000 litros a animais de 11 ou 10.000 litros.

¿Por que reducir o millo forraxeiro cando en Galicia é un cultivo que se dá sen rega e cun bo rendemento para o gandeiro?
É certo que temos moi bo millo, pero é un cultivo moi caro e sole pasar que, coa realidade climática que temos en Galicia, cando temos moi bo millo é difícil ter unha boa colleita de herba, co cal a utilización da base territorial que ten a explotación non é plena.

“Os sistemas de produción de leite máis en base a herba son máis estables e resistentes á baixada do prezo do leite”

E por outra parte, o complemento da ración cando non se cultiva máis que millo hai que mercalo, co cal encarece a ración. A herba é unha forraxe moito menos custosa que o millo e os sistemas extensivos, máis en base a herba, son máis resistentes ás variacións do prezo das materias primas e do leite. Son sistemas que ofrecen máis estabilidade económica aos gandeiros.

¿Estase utilizando máis concentrado na produción de leite en Galicia do que sería recomendable?
Non teño datos porque non hai neste momento programas de xestión a nivel galego. Cando os había estabamos en arredor de 400 gramos de concentrado por litro de leite. En sistemas intensivos estamos en torno a 330 gramos, e cando pasamos a sistemas moito máis extensivos estamos en 150 gramos e mesmo en 70 ou 80 gramos.

Nos sistemas de produción máis extensivos hai unha importante baixada da produción de leite. ¿É isto o que máis asusta ao gandeiro?
Si, pero debemos empezar a entender que o importante non é facer moitos litros por vaca, porque ao mellor sáenos cun custo de produción moi caro, senón máis ben temos que mirar o diñeiro que lle queda ao gandeiro dese litro de leite producido. Podemos ter vacas de moitos litros que ao final van para pagar pensos, veterinarios, servizos para facer o millo…etc, co que ao final ao gandeiro lle pode quedar moi pouco por litro de leite.

A realidade é que as vacas se están menos forzadas teñen menos problemas metabólicos, de patas e polo tanto menos gastos sanitarios e de reposición en xovencas. No grupo de xestión que temos en Xestión Agrogandeira e Natureza pasamos de gastar nalgunhas explotacións en extensivo entre 50 e 60 euros por vaca e ano en sanidade, a gastar 280 e incluso máis de 300 euros en explotacións moi intensivas ou 1 céntimo por litro de leite en gastos sanitarios a 4 céntimos.

 “O importante non é producir moito leite, senón os cartos que ao gandeiro lle quedan de cada litro”

¿En canto varía o custo de produción do litro de leite en Galicia entre unha explotación en intensivo a unha en extensivo?
Depende do que o gandeiro queira desintensificar. Agora mesmo, no grupo de xestión que temos os custos de produción totais varían entre 25 céntimos ata 40 e mesmo 46 céntimos por litro.

¿Cal é o tipo de explotación que recorre a estas medidas?
Os gandeiros que se achegan á desintensificación están preocupados polo seu futuro, as condicións cambiaron e cando miran os números conclúen en que teñen que desintensificar.

Sen embargo, o que se lles dixo ata agora aos gandeiros desde as Administracións, empresas e escolas de formación é que tiñan que producir en intensivo e en cantidade para ser competitivos…
Aquí houbo unha única dirección e durante décadas só se guiou ao sector cara o produtivismo e a intenstificación e isto foi o que nos levou á situación actual. O que intento explicar é que hai outras formas de producir leite e mellorar a rendibilidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información