A produción ecolóxica en Galicia facturou un 35% máis en 2018

A produción ecolóxica en Galicia facturou un 35% máis en 2018

O director da AGACAL, no centro, en BIOFACH

A agricultura ecolóxica en Galicia mantén a tendencia positiva e, a falta de pechar definitivamente o balance anual de 2018, os datos provisionais indican que a facturación chegou a superar os 80 millóns de euros. Este incremento é posible grazas a que aumenta tanto a superficie certificada nun 15% como o número de operadores nun 13%.

Deste xeito, a facturación da produción ecolóxica en Galicia medrou un 35% respecto aos 59,1 millóns que facturou en 2017 (ese ano medrou un 42% respecto a 2016).

Estes datos foron facilitados na feira de ecoloxía máis importante a nivel internacional, Biofach, en Núremberg (Alemaña), pola delegación trasladada dende Galicia para apoiar ás empresas galegas que se promocionan nela. Esta delegación está presidida polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, e nela participa tamén o secretario do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica en Galicia (Craega), Javier García.

Deste xeito, a Consellería do Medio Rural acompaña ás 13 empresas galegas que participan no certame que son: Conservas del Noroeste (Connorsa), conservas Orbe, frutos El Nogal, Jamones González, Galletas Daveiga, Mieles Anta, Pazo de Lusío, Orballo Innovaciones Forestales, Porto-Muíños, Producto de Aldea, Green Mixology, The Bio Factory (A Factoría Ecolóxica SL) e Coracai. Todas elas compartirán durante catro días un posto duns 120 metros cadrados divididos en dúas illas diferenciadas, nas que farán promoción dos produtos agroalimentarios ecolóxicos galegos.

Ademais, o director da Agacal manterá un encontro con todos os produtores fóra do horario da feira de cara a coñecer as súas impresións e necesidades.

O custo desta actuación que organiza o Craega ascende a uns 55.000 euros, para os que conta con 36.000 euros de axuda da Consellería do Medio Rural, a través da orde de promoción que cada ano convoca para os produtores amparados baixo un réxime de calidade. Ademais, o Igape apoia as empresas participantes con axudas para a estancia e o traslado, a través do Galicia Exporta, programa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria acaba de reforzar na actual convocatoria cunha dotación de 8 millóns de euros.

A feira Biofach é unha cita imprescindible no mundo da alimentación ecolóxica e todo o que ten que ver coa sustentabilidade en xeral, pois o encontro está considerado como un dos importantes a nivel internacional na materia. Recibe máis de 50.000 visitantes en cada edición e conta cuns 3.000 expositores de 129 países, entre os que estarán os produtores galegos. Precisamente a presenza neste tipo de feiras é crucial porque permite non só acadar novos clientes, senón tamén coñecer as preferencias dos consumidores para poder desenvolver os produtos que demanda o mercado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información