Produción de pataca, conectando a Bretaña francesa e A Limia

Coñecemos como funciona Bretagne Plants, a organización dos produtores de pataca de sementeira na rexión gala, que participou na Limia nun seminario entre produtores de pataca galegos e franceses xunto con expertos das dúas rexións

Publicidade
Produción de pataca, conectando a Bretaña francesa e A Limia

Produtores de pataca de semente da Bretaña francesa. // Imaxe Bretagne Plants.

“Galicia parece ter moito en común coa Bretaña francesa, nas dúas rexións chove moito!. E isto condiciónanos e inflúe na produción da pataca”. Con esta chanza e reflexión comezaba o técnico francés Philipe Dolo, responsable de investigación de Bretagne Plants, a súa primeira intervención no seminario Mellora das Técnicas de produción de pataca, que se celebrou recentemente na Limia (Ourense), organizado pola Consellería de Medio Rural e coa colaboración de entidades como a Fundación Juana de Vega, o Centro de promoción rural EFA Fonteboa e a Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal).

Ó longo de dous días, produtores de pataca da comarca ourensá, así como expertos galegos neste cultivo e produtores e técnicos galos intercambiaron información sobre o manexo, os condicionantes e enfermidades que lles están a afectar, así como os retos que se lle presentan. Un intercambio entre profesionais do sector que mesmo permitiu abrir a porta a unha colaboración comercial futura entre os produtores.

Xornadas pataca_A Limia

Instante do seminario celebrado na Limia no que participaron produtores e expertos dos dous países.

Bretagne Plants, a organización dos produtores

A Bretaña é unha das principais zonas produtoras de pataca de sementeira en Francia. Só na Bretaña dedicáronse no 2019 a este cultivo un total de 6.280 hectáreas, das 23.200 hectáreas destinadas a pataca no país e os datos mantéñense semellantes na actualidade. Francia é tamén un dos principais produtores de pataca de sementeira en Europa, só por detrás dos Países Baixos, onde este cultivo ocupa unhas 42.000 hectáreas; seguido doutros países coma Alemaña, con 17.000 hectáreas; ou Reino Unido con 14.000 hectáreas para planta de pataca.

Francia é un dos principais produtores de planta de pataca, cunhas 23.200 hectáreas destinadas a este cultivo

As xornadas serviron para coñecer o funcionamento de Bretagne Plants, a organización que agrupa a tódolos produtores de pataca de sementeira nesta rexión gala. En concreto, conta con 257 produtores, que producen a semente. Ademais, integra a 21 colectores, que se encargan da recollida da pataca e a venda dela, xa que non todos os produtores a venden directamente. A entidade está integrada por 2 organismos complementarios que contribúen de xeito clave ó desenvolvemento do sector. Por unha banda Bretagne Plants (BP), que realiza un control e certificación da planta e contan cun laboratorio de detección. Tratan ademais de asegurar a organización técnica e económica da produción e promover a semente de pataca de Bretaña a nivel internacional.

xornada divulgación Bretagne Plants-sementeira pataca Bretaña francesa_

Unha das xornada de divulgación das novas variedades de sementeira de pataca realizada por Bretagne Plants.

Realizan un control e certificación da planta sobre o terreo e tamén en laboratorio, así como vixilancia do territorio, emitindo boletíns de saúde do vexetal. Esta entidade tamén contribúe á xestión do mercado en función das demandas dos clientes, para o que elaboran un plan de produción. “O noso obxectivo é ter semente de pataca certificada de calidade. Coidamos a semente durante todo o proceso, dende a produción ata a almacenaxe”: Philipe Dolo, responsable de investigación de Bretagne Plants.

“O noso obxectivo é ter semente de pataca certificada de calidade. Todos os nosos esforzos céntranse en traballar e coidar a semente durante todo o proceso, dende a produción ata a almacenaxe”, explica o técnico Philipe Dolo

A organización de produtores tamén dispón dunha sección centrada na innovación (Bretagne Plants Innovation BPI), onde realizan investigacións e experimentacións para fomentar as boas prácticas no cultivo e mellorar a calidade das plantas. Tamén están levando a cabo produción de planta in vitro e a creación de novas variedades.

campos de ensaio de pataca de Bretange plants

Campos de ensaio de novas variedades realizado en Bretagne Plants.

A sementeira de pataca producida na Bretaña francesa

O proceso de produción de sementeira de pataca lévano a cabo en varias fases e apostando pola innovación e o control para lograr a calidade que buscan. “Toda a produción procede de escallos producidos nos laboratorios de Bretagne Plants”, explica Dolo. Parten dun tubérculo moi san, que fan xerminar para logo cortar o gromo e colocalo sobre unha superficie de sacos, onde cada planta produce 4 ou 5 tubérculos, que son os que lle chaman tubérculos de primeira xeración. Nestes túneles de xerminación teñen unha produción duns 580.000 tubérculos.

Durante 3 anos, esa semente -os tubérculos de primeira xeración- entréganllela ós seus produtores especializados, que se encargan de reproducilos só para os propios agricultores da rexión. Logo, estes agricultores reprodúcena durante outros 3 anos e esta semente para planta de pataca destínase xa para a venda.

Traballan pola mellora da semente da planta de pataca e realizan uns 1.300 cruzamentos por ano para conseguir novos cruces de éxito

Ademais, tamén realizan hibridación das sementeiras e fan unha media de 1.300 cruzamentos por ano, de xeito que comezan cunhas 65.000 sementes. Conseguiron realizar uns 650 cruces con éxito. Porén, nestes 10 anos que levan traballando na selección e mellora xenética da sementeira da pataca inscribiron entre 1 a 3 variedades por ano.

A variedade máis traballada é a Spunta, que abrangue unhas 1.616 hectáreas, seguidas doutras castes como a Universa, Synergy, Alaska ou Charlotte que se sitúan arredor das 300 hectáreas. Nos últimos anos experimentaron un crecemento da superficie media de produción por explotación. Así, a comezos da década do 2000 a media de superficie por produtor era de case 10 hectáreas e no 2019 situábase xa en 24 hectáreas.

Variedades de patacas cultivadas na Bretaña Francesa

Principais variedades producidas na Bretaña Francesa.

Tamén rexistraron un incremento da produción nos últimos anos, pasando das 100.000 toneladas a comezos dos anos 2000 a alcanzar máis de 170.000 toneladas. Foi unha evolución paulatina, con pequenas diferenzas entre as distintas colleitas e que experimentou unha importante suba a partir da colleita do 2017. En concreto, na campaña 2018-19, en Bretagne Plants produciron unhas 173.100 toneladas de pataca certificada, das cales 110.940 toneladas dedicáronas á exportación.

Evolución da produción e as exportacións en Bretagne Plants dende comezos do 2000.

Evolución da produción e as exportacións en Bretagne Plants dende comezos do 2000.

Este incremento da produción dos últimos anos destinouse principalmente ós mercados exteriores, xa que a venda nacional se mantivo estable arredor das 60.000 toneladas durante os últimos ano. O norte de Europa é o principal mercado para a sementeira de pataca producida na Bretaña francesa, destinando alí unhas 67.400 toneladas, mentres que no sur de Europa venden unhas 17.000 toneladas.

África está a ser outro dos principais destinos, así é que destinan unhas 48.600 toneladas a países coma Marrocos, Alxeria, Libia ou Exipto, situándose este último como un dos compradores destacados. Tamén no centro de África comercializan unhas 13.000 toneladas. O Oriente próximo é tamén un dos mercados importantes, xa que exportan alí unhas 21.200 toneladas.

Rickaël Billant e Pierre-Yves Guilmoto, produtores de pataca para a semente que participaron no seminario sobre pataca na Limia.

Pierre-Yves Guilmoto e Rickaël Billant, produtores de pataca para a semente que participaron no seminario sobre pataca na Limia.

Produtores de pataca para a semente

Nos seminarios tamén participaron dous destacados produtores de pataca para a semente da Bretaña francesa, que compartiron inquedanzas sobre o sector cos agricultores da Limia. Un dos participantes da xornada foi Rickaël Billant, que traballa unhas 80 hectáreas, das que planta unhas 50 hectáreas a pataca de sementeira e o resto dedícao ó cultivo de cereais ou colza.

Un terzo da superficie que cultiva é súa e o resto cultívaa en rotación cos veciños, o que lle permite ir facendo unha rotación de cultivo. “Facemos rotación como mínimo de 5 anos, pero tento facelo de 6 ou 7 anos”, explica o produtor, unha cuestión que sorprendeu ós produtores galegos, onde a rotación de cultivos adoita ser inferior.

Billant cultiva unhas 18 variedades de patacas e comercializa en España sementes de variedades como a Kenebec. Outros dos destinos da súa produción é o norte de Europa, os Países Baixos e dende hai 7 anos comezou a vender tamén en Exipto e Marrocos.

Outro dos produtores galos que participaron neste encontro é Pierre-Yves Guilmoto, un dos maiores especialistas de pataca de sementeira na Bretaña Francesa. Ó igual que Billant, este produtor combina o cultivo da pataca con outros cereais, así como con hortalizas, aínda que a pataca para sementeira representa a metade da súa produción. Ademais, encárgase da almacenaxe e envasado da pataca de sementeira doutros produtores locais, polo que manexa un volume dunhas 4.000 toneladas de pataca de sementeira ó ano. A maior parte das sementes expórtaas a países do Oriente Medio e do norte e Centro de África.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información