O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) ven de publicar o informe sobre entregas e prezos do leite de vaca correspondente ao mes de decembro, confirmando que, malia un contexto de bos prezos do leite e marxes de rendibilidade elevadas, a produción de leite no conxunto de España en 2025 caeu nun 0,45% mentres que en Galicia subiu apenas un 0,53% en relación a 2024.
Factores como o peche de explotacións, a falta de man de obra e de relevo xeneracional, ou a escasa base territorial nas zonas nas que cada vez se concentra máis a produción leiteira no caso de Galicia, explicarían este estancamento ou mesmo baixada da produción de leite de vaca.
En canto aos prezos, a media en España en decembro mantívose estable nos 0,542 euros o litro, mentres que en Galicia o prezo medio foi de 0,529 euros o litro, lixeiramente por riba dos 0,527 de novembro. O prezo medio en España no 2025 foi de 0,510 euros o litro, o segundo mellor da serie histórica, quitando o de 2023, no que se acadou unha media récord de 0,547 euros o litro.

Polo que respecta á produción, no acumulado de xaneiro a decembro en España ascendeu a 7,410 millóns de toneladas, un 0,45% menos ca en 2024.
Pola contra, en Galicia as entregas de leite en 2025 subiron lixeiramente, un 0,53%, ata os 3,088 millóns de toneladas.
Por último, e no relativo ás calidades do leite, a media en decembro situouse no conxunto do Estado no 4,01 % de graxa e 3,48 % de proteína. En Galicia, como ven sendo habitual, os sólidos lácteos foron superiores, na graxa, cun 4, 04%, mentres que na proteína os valores medios foron tamén de 3,48%.
O prezo do leite ecolóxico en Galicia quedou en decembro nos 0,640 euros o litros, mentres que no conxunto de España a media foi de 0,654 euros.

Galego









Control OJD