“A produción de leite é tan importante para Galicia como Citroën en Vigo ou Inditex na Coruña; esiximos o mesmo trato”

Agromuralla celebra o seu décimo aniversario cun acto público sobre o valor do leite e os seus beneficios para a saúde e para o rural. O médico Manuel Viso, especialista en medicina interna, salienta que o consumo diario de produtos lácteos é antiinflamatorio, serve para previr problemas cardiovasculares e axuda a combater a obesidade infantil

acto decimo aniversario Agromuralla3

O doutor Manuel Viso, especialista en medicina interna, dirixíndose ao público no acto organizado por Agromuralla

Para conmemorar os seus 10 anos de vida, Agromuralla celebrou este venres en Lugo un acto público baixo o lema O papel dos produtores na alimentación: desmontando bulos, buscando concienciar ao consumidor dos beneficios de introducir lácteos na dieta e da labor positiva sobre o territorio, o medio ambiente e a fixación de poboación no mundo rural que exercen as explotacións agrogandeiras.

Na mesa redonda, que tivo lugar no Salón de Actos do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, na Ronda da Muralla, epicentro das protestas do ano 2015 que deron pé ao nacemento de Agromuralla, participou o doutor Manuel Viso, médico especialista en medicina interna e divulgador científico, autor do libro Supersanos; Emilio Gómez, xornalista da cadena Cope en Andalucía, documentalista e divulgador do medio rural; a deportista Elba Garfella, xogadora do equipo de baloncesto feminino Duran Maquinaria Ensino e medalla de ouro coa Selección Española sub 20 no Campionato Europeo celebrado no ano 2022; e José Luís Pérez Barreiro, gandeiro produtor de leite da Pastoriza e presidente de Agromuralla.

A nivel social e económico, as 5.000 explotacións leiteiras que quedan na actualidade en Galicia manteñen vivo o rural, coidando o territorio e o medio ambiente nas comarcas do interior da comunidade e creando riqueza e emprego, aportando o 1,7% do PIB de Galicia. Este peso sitúa o sector lácteo nun nivel de relevancia semellante ao de actividades industriais como o sector do automóvil ou o textil.

Hai moita desinformación e bulos interesados en contra do leite e a carne porque para poder introducir outros alimentos de laboratorio primeiro hai que demonizar os alimentos actuais con mentiras

Neste sentido, o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, destacou que “o sector leiteiro é tan importante para Galicia, en termos económicos e de emprego, como a Citroën para Vigo ou Inditex para a Coruña, pero non é igual de valorado nin pola Administración nin pola sociedade”, queixouse.

Asegurou que “hai moita desinformación e bulos interesados en contra do leite, a carne e os gandeiros que producimos estes alimentos” porque “para poder introducir outros alimentos de laboratorio primeiro hai que demonizar os alimentos actuais con mentiras”.

O peso do sector leiteiro na economía e o emprego en Galicia

Segundo os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística, o sector agroalimentario representa o 7% do PIB galego, confrmándose como un dos grandes motores da economía autonómica, e dentro del, o complexo lácteo (produción primaria máis industria) achega, segundo estimacións da Fundación Juana de Vega, o 1,66% do PIB galego: o 1,30% correspondente á actividade agraria e o 0,33% á industria transformadora, sen contar o efecto mobilizador sobre outras actividades relacionadas, como as empresas de fabricación de pensos, construción de establos, subministro de equipos de muxido, maquinaria, etc.

En termos territoriais, o sector lácteo galego cumpre tamén unha función esencial na xestión activa do territorio, ao manter viva boa parte do medio rural. As explotacións leiteiras contribúen ao mantemento da paisaxe agraria e dos mosaicos agroforestais, á prevención dos incendios forestais e ao aproveitamento sostible de arredor de 200.000 hectáreas de superfcie agraria útil, consolidándose así como un eixe vertebrador económico, social e ambiental de Galicia.

Tomar tres lácteos ao día: bo para a saúde e para o rural

Gandeiros asistentes ao acto de Agromuralla

Gandeiros asistentes ao acto de Agromuralla

Desde o punto de vista nutricional, o leite constitúe un dos piares fundamentais da alimentación humana. Os produtos lácteos son esenciais para unha dieta equilibrada en todas as etapas da vida: na infancia e na mocidade para o crecemento e a adquisición dunha masa ósea axeitada e na madurez e vellez para evitar a perda de calcio. A Fundación Española da Nutrición recomenda o consumo de 3 lácteos ao día.

“Non hai superalimentos, pero o leite é o alimento máis completo que hai”, afirmou o doutor Manuel Viso. Debido á súa composición, o leite é un alimento moi completo e equilibrado, xa que con moi poucas calorías nos achega unha gran cantidade de nutrientes. En concreto, os produtos lácteos son alimentos especialmente ricos en proteínas de alto valor biolóxico, que achegan todos os aminoácidos esenciais e calcio de fácil asimilación, así como fonte de vitaminas B2, A e E. Son tamén fonte de minerais como potasio, magnesio, cinc e fósforo.

Os produtos lácteos aportan calcio, vitaminas e minerais e teñen efectos positivos para a saúde a nivel antiinflamatorio, cardiovascular e antitumoral

Este especialista en medicina interna desmitificou tamén un dos bulos máis frecuentes que circulan nas redes sociais: “o leite non é inflamatorio, todo o contrario, é un potente antiinflamatorio e ten beneficios a nivel cardiovascular”, asegurou. A graxa contida de forma natural no leite é saudable, polo que se recomenda o consumo de leite enteiro. Ademais, están demostrados os efectos beneficiosos do leite para a saúde como alimento antitumoral e anticanceríxeno. 

O “engano” das bebidas vexetais

Manuel Viso tamén insistiu sobre o “engano ao consumidor” das bebidas vexetais. “Son auga con azucre e uns estractos vexetais que se pagan a prezo de ouro. A bebida de améndoa non ten máis que un 2,5% de améndoa. Cando un bebe un vaso diso está tomando un vaso de auga e dúas améndoas”, explicou.

Grazas a unha mutación xenética, a maior parte da poboación europea posuimos lactasa, unha encima que nos permite descompoñer a lactosa, que son os azúcares que contén o leite

Alertou, asimesmo, do risco que supón que haxa nenos na actualidade que xa consuman bebidas vexetais no canto de leite e explicou que “só o 4% da poboación europea é intolerante á lactosa, pero hai outro 26% que se fai intolerante ao deixar de beber leite”. A moda de substituír o leite por bebidas de orixe vexetal carece de base médica ou científica e priva ás persoas que consumen este tipo de sucedáneos dos beneficios que achega o leite ao organismo, dixo.

Falsidades sobre a intolerancia á lactosa

É importante saber diferenciar entre alerxia ao leite e intolerancia á lactosa, porque diso dependerá que se deban modificar os hábitos de consumo. Unha persoa alérxica presenta unha reacción inmunitaria contra a proteína do leite, polo que non tolerará ningún lácteo salvo aquelas fórmulas que conteñen hidrolizados de proteínas. Porén, unha persoa que teña intolerancia á lactosa desenvolve síntomas dixestivos ante o azucre presente no leite (lactosa), pero estes serán menores se se trata de queixo, iogur e outros leites fermentados.

Por iso, as persoas que teñen intolerancia á lactosa si poden consumir produtos lácteos, especialmente se os inxiren en pequenas cantidades e acompañados doutros alimentos (por exemplo, leite con café ou cereais). Outras persoas necesitarán a restrición da lactosa durante un período aproximado de 4 semanas, para despois ir reintroducíndoa paulatinamente. O leite A2 e o leite fresco pasteurizado favorecen a tolerancia á lactosa.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información