A produción agroalimentaria galega de calidade acadou un valor de case 746 millóns de euros

Medio Rural presentou o balance de actividade dos consellos reguladores das 35 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vinculadas ao agro

A produción agroalimentaria galega de calidade acadou un valor de case 746 millóns de euros

A produción agroalimentaria galega amparada por selos de calidade diferenciada acadou no 2025 un valor de case 746 millóns de euros, o que supón un incremento do 5,6 % con respecto ao ano anterior. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na presentación do balance da actividade dos consellos reguladores deste ámbito, que tivo lugar no Pazo de Quián en Sergude, onde estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte.

O balance recolle a actividade dos consellos reguladores das 35 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas do ámbito agroalimentario, cun valor superior aos 627 millóns de euros, así como o da Agricultura Ecolóxica de Galicia, que acadou unha produción certificada valorada en máis de 118 millóns. .

A conselleira salientou o papel do sector vitivinícola que, a través de cinco denominacións de orixe e outras tantas indicacións xeográficas protexidas, supón máis do 50 % do valor total da produción galega amparada por selos de calidade diferenciadas. Destaca, en particular, a DO Rías Baixas con máis de 258 millóns de euros.

Tamén puxo de relevo o ámbito do sector cárnico, que representa un 23 % do total coa IXP Ternera Gallega como principal produtora e achega preto do 60 % do calor total das carnes de vacún con IXP de España. Ao mesmo tempo, cómpre destacar o importante incremento que experimentou o pasado ano a IXP Mel de Galicia, acadando un valor de 2,6 millóns de euros, o que supón máis do 46 % dos meles de calidade que se producen en España e lidera a nivel estatal este sector.

Galicia tamén conta con distintivos de calidade diferenciada no ámbito dos vexetais, das bebidas espirituosas ou da panadaría e repostaría

Gómez resaltou a oferta “diversa” e de “enorme calidade” coa que conta Galicia entre a que se atopan, ademais destes sectores representativos, outros como os queixos, que contribúen a xerar valor engadido ao transformar o leite. Neste eido, destaca a DOP Arzúa-Ulloa (con 41 millóns de euros), que é a segunda denominación de orixe española en volume de produción, só superada por Queso Manchego. A maiores, Galicia tamén conta con distintivos de calidade diferenciada no ámbito dos vexetais, das bebidas espirituosas ou da panadaría e repostaría.

Neste sentido, e diante da entrada en vigor do tratado comercial UE-Mercosur, desde a Consellería solicitouse ao Ministerio de Agricultura a defensa da incorporación de máis indicativos de calidade galegos dentro das denominacións de orixe protexidas polo acordo. Actualmente só están incluídas as DO Rías Baixas e Ribeiro.

Apoio á promoción
A conselleira do Medio Rural reafirmou o compromiso do Goberno galego con este tipo de producións e puxo en valor o Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, dotado este ano con 10 millóns de euros, dous máis que o ano pasado, para favorecer a promoción destes produtos nos diferentes mercados.

A finais de abril publicáronse as convocatorias das axudas á cooperación para promover a participación de agricultores en réximes de calidade, dotadas cun orzamento de 240.000 euros; así como as destinadas aos programas de mellora e control da calidade que desenvolven os consellos reguladores das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas galegas, que contan cun orzamento de 360.000 euros. A todos estes apoios tamén se lle suma o respaldo para o funcionamento destes órganos, duns 540.000 euros anuais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información