A cooperativa Pouso da Serra naceu hai preto de dez anos no Hío (Cangas, Pontevedra) coa idea de poñer en marcha unha actividade produtiva que mellorase os hábitats do monte veciñal da parroquia. Con ese obxectivo, introduciron un rabaño de cabras no monte, co que continúan a día de hoxe, e en paralelo, traballan a produción de mel e própoles con colmeas e fan traballos forestais, principalmente rozas, tanto para a súa comunidade de montes como para outros montes veciñais e particulares.
– Fálanos da orixe da iniciativa da cooperativa Pouso da Serra.
– Pois naquel momento xuntámonos catro mozos que tiñamos inquedanzas ambientais e interese pola recuperación do monte da nosa parroquia. Colleunos nunha situación difícil, pois tres de nós estabamos no paro ou sen traballo… Entón xurdiu esta iniciativa, tiñamos esta idea en mente desde anos atrás, simplemente non a puxeramos en marcha porque coa realidade laboral de cada un, isto era dificultoso. Entón, o cambio da nosa situación e a falta de traballo foi o que desencadeou os acontecementos.
– Como foi a acollida da comunidade de montes veciñais do Hío ó voso proxecto?
No momento da iniciativa, preparamos un proxecto, unha presentación diante da asamblea da comunidade de montes, pero tamén diante dos veciños que non son comuneiros, e de 90 votos só houbo tres abstencións, o resto todo foi a favor, non houbo ningún voto en contra, houbo unha aceptación popular espectacular.
Penso que a xente vía que o monte necesitaba un cambio. A nosa iniciativa tamén é un xeito de recuperar a ruralidade que esta parroquia tivo e que agora, por estar na costa e estar tan próxima a grandes cidades, pois estabamos perdendo.
– Escollestes cabras como animal máis adaptado ó pastoreo no monte. Que raza elixistes?
– Escollemos a raza autóctona, a raza galega, porque é a raza máis adaptada ao territorio que ocupamos e ás inclemencias do tempo. Precisabamos unha raza moi rústica porque o noso terreo, sobre todo o comunal, estaba cheo de toxo e de maleza dura, entón necesitabamos un tipo de cabra que se adaptara ben a ese tipo de vexetación.
– Como vos organizastes a nivel de instalacións e zonas de pastoreo?
– As instalacións que ocupa o rebaño son unha especie de invernadeiro recuberto de madeira, é unha corte adaptada ao número de cabezas que temos, unhas 150. Tamén contamos cun pequeno cuberto onde gardamos a palla e o alimento para o inverno.
A nivel de pastoreo, temos un acordo coa comunidade de montes para a cesión de 50 hectáreas para o aproveitamento do pasto, pero é certo que poderiamos ocupar moita máis zona porque tanto no monte comunal como no privado hai escasa actividade.
– Como é a vosa rutina diaria de traballo coas cabras?
– O rabaño, a necesidade que ten é que hai que sacalo tódolos días do ano a pastorear, a non ser que as condicións meteorolóxicas non deixen saír. Aquí na costa temos a sorte de ter un clima bastante templado, e quitando 20 días ao ano saen todos os días. Teñen a rutina de saír a partir das 10h ata as 17h aproximadamente. Un pastor é o que se encarga delas, de coidalas… Na nosa zona temos estradas próximas ás zonas de pasto, entón é necesario controlar ao rebaño para que no accedan a esas zonas conflictivas.
O rabaño sae tódolos días a pastorear no monte, salvo cando hai moi mal tempo. Contamos tamén con tres peches dunhas 10 hectáreas totais para xornadas complicadas
Contamos ademais con tres pequenos peches dunhas 10 hectáreas totais, que nos valen para días de moita carga de traballo ou de moito neboeiro, metémolas neses peches e elas poden pastorear e comer ben e nós ao mesmo tempo non nos complicamos moito a vida pastoreando días complicados.
– Como valorades o rendemento económico da actividade?
– O rendemento a nivel venda dos cabritos si que existe porque vendense todos a particulares. Tamén facemos unha vez ao ano a festa do cabrito ao espeto, detrás da praia de Liméns. Xuntamos sobre 700 comensais da parroquia e vendemos un 30% da produción, uns 35 cabritos máis ou menos. Esa festa apórtanos un ingreso extra e ao mesmo tempo dános a coñecer e reactivamos a ilusión da parroquia, ao ver que hai un proxecto que coida do seu propio monte.
O rendemento ambiental das cabras no control do mato é incontestable
É un xeito de valorizar o noso produto amosándolle unha vez ao ano aos veciños os produtos de primeira calidade que se poden facer no seu monte, aproveitando unha riqueza que ata agora estaba abandonada.
En canto a axudas da Política Agraria Común (PAC), tivemos o ano pasado pola superficie que limpan as cabras, pero este ano quedamos sen ela por complicacións na solicitude.
– En todo o camiño que levades, con que dificultades vos atopastes?
– Os problemas iniciais foron administrativos, é dicir, conseguir os permisos para poder facer as instalacións, os peches, ter os animais… Aquí no monte do Hío temos moitas afeccións, Rede Natura, Patrimonio, Augas de Galicia… Ese proceso durou case dous anos e medio para poder levalo adiante.
“Cando chegamos coas cabras, só quedaba herba á beira das pistas. Toda a herba que hai agora no monte é consecuencia do propio pastoreo das cabras”
Despois, a nivel laboral, o gran problema que tivemos foi a escaseza de pasto herbáceo, había moito pasto arbustivo, toxo, xesta, e broza en xeral, pero se perderan as pradeiras e antigas zonas de herba. Cando chegou o rabaño ao monte, só quedaban de herba uns 40 centímetros á beira das pistas… Toda a herba que hai agora no monte é consecuencia do pastoreo do propio gando.
– E como valorades o control do mato no monte trala chegada das cabras?
– O rendemento ambiental en control do mato do rabaño é algo incontestable. Temos o noso monte de exemplo, e imaxino que calquera monte no que paza un rabaño, e sobre todo nos que o fagan abertamente.
Temos eses peches para o control do gando nos días complicados de pastorear ou para quitar carga de enriba pero, a labor que fai o rebaño no resto do monte… Cando chegamos aquí co noso proxecto queríamos que o monte do Hío na súa totalidade recuperara o hábitat que tivo antigamente.
Sempre dicimos que un monte coidado é un monte querido polos veciños
A idea era que axudaran a reducir a perigosidade de posibles lumes e abrir portas a novas iniciativas que coidaran do noso monte. Sempre dicimos que un monte coidado é un monte querido, é dicir, a xente que quere o seu monte vai preocuparse de que o seu monte estea ben coidado e non lle pase nada.
Nós queríamos ser a cuña para que isto sucedera nesta parroquia. Temos ademais zonas arqueolóxicas, como o monte do Facho, e zonas de Rede Natura, na Costa da Vela.
– Estades facendo tamén experiencias de control dos brotes de acacia, en colaboración coa comunidade de montes. Como está funcionando?
– Desde que chegou o rabaño ao monte, notamos que por onde pasa o rabaño normalmente xa non hai acacias. Tamén estivemos facendo unha experiencia na zona de Melide e Cabo home, un pequeno peche nunha plantación de piñeiro que si que tiña bastante acacia e víase que avanza moito ano a ano. Nese pequeno peche metemos sobre doce cabras durante tres semanas. O resultado foi que toda a acacia que había nesa zona acoutada quedou reducida. Só quedaron os cañotos, e agora temos que facelo en canto volva a rebrotar, volver levar alí o rabaño. Foi unha pequena experiencia de éxito total.
O lobo non chegou ó Hío. A prevención que temos que ter é cos cans soltos de persoas que veñen pasear
– Hai uns anos durante a pandemia chegou ó lobo ó Morrazo e houbera danos ao gando en Meira (Moaña). A vos afectouvos?.
– Non temos presenza de lobo nesta zona do Morrazo, somos a parte máis occidental desta subpenínsula e está moi rodeada de estradas, é moi complicado que o lobo poda chegar aquí. A nosa prevención vai de cara aos cans da xente, que vén ao monte cos cans soltos. Nese sentido tivemos varias baixas, un pouco por descoidos da xente. Tiñamos un mastín por infundir respecto porque nestes anos xa tivemos cinco baixas por cans domésticos.
Outro perigo é o raposo, pero ten ben pechada a corte para que non leve cabritos, co que reducimos problemas.
“Estamos no proceso de substituír eucaliptais por piñeiro e frondosas para madeira de calidade”