Proclamados os vogais electos nos consellos reguladores

En nove consellos xa houbera candidaturas únicas ou pactos, en tanto nos outros seis elixíronse este pasado domingo en eleccións

Proclamados os vogais electos nos consellos reguladores

A Xunta Electoral vén de proclamar hoxe os vogais electos no proceso de votación que tivo lugar o pasado domingo 19 de febreiro para a renovación dos órganos de goberno de seis consellos reguladores do ámbito agrolimentario galego. Pendentes de posibles reclamacións que se poidan presentar deica este venres 24 de febreiro contra os resultados das votacións, quedaría establecida a repartición de vogalías nos 15 consellos reguladores que se renovan, sumando os nove onde houbera candidaturas únicas ou pactos.

Cabe lembrar que o domingo procedeuse coas votacións en determinados censos dos consellos reguladores das denominacións de orixe (DO) vitivinícolas Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras. Tamén, no da indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia e no das IXP das Carnes de Vacún, para os que hoxe quedou establecida a repartición de vogalías.

Así, no caso do Consello Regulador das IXP das Carnes de Vacún de Galicia, Asogacarne ten 8 vogalías, a Asociación Agraria de Galicia (Asaga) conta con 3, a Asociación de Gandeiros de Suprema ten 2 vogais -Santiago Rego e Francisco Rivas-, Unións Agrarias (UUAA) outros 2 -Hermanos González SCG e Nazaret Chaín- e o Sindicato Labrego Galego (SLG) 1 -Samuel Formoso-. Todo despois de que este domingo se producise votación no censo de gandarías tradicionais e a lista máis votada fose a da Asociación de Gandeiros da Suprema.

No Consello Regulador da DO Monterrei, hai 2 vogais da Federación Rural Galega (Fruga), 2 para a Asociación Agraria de Galicia, outros 2 para Unións Agrarias e 1 vogal para Terras do Cigarrón. Isto a expensas de posibles reclamacións despois das votacións do domingo no censo de adegas de menos de 30.000 litros, onde a lista máis votada foi a da Fruga.

Respecto do Consello Regulador da DO Rías Baixas, quedarían 7 vogalías para a Asociación Empresarios Bodegueros y Viticultores Rías Baixas, 5 para a Asociación Agraria de Galicia, 4 para a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias e 2 vogais de Sindicato Labrego Galego. Mentres, a Agrupación Profesional de Viticultores Rías Baixas, Unións Agrarias, a Agrupación Profesional Viticultores Rías Baixas e a Asociación Adegas do Salnés teñen 1 vogal cada unha.

Cabe recordar que o domingo votouse en tres censos desta denominación. En concreto, no de viticultores de máis de dúas hectáreas do Condado de Tea e Soutomaior -onde a lista máis votada foi a do Sindicato Labrego Galego- e no mesmo censo das subzonas do Val do Salnés e da Ribeira do Ulla -onde a lista máis votada foi a da Agrupación Profesional de Viticultores Rías Baixas-. Dentro do sector industrial, só houbo votación no censo correspondente a adegas de menos de 100.000 litros e liderou a Asociación Agraria de Galicia.

No Consello Regulador da DO Ribeiro, quedan 3 vogais para a Asociación Agraria de Galicia, 3 vogais para a Cooperativa Viña Costeira, 2 para Unións Agrarias, 1 vogal para Candidatura Independente de Adegas e outro vogal para a Asociación Galega de Vitivinicultura Artesanal. Todo a expensas de posibles reclamacións despois de que o día 19 votase o censo de viticultores, no que venceu a lista de UUAA.

Seguindo co Consello Regulador da DO Valdeorras, 2 vogais son para Asaga, outros 2 para a Candidatura Independente Viticultores Independentes Valdeorras, 1 vogal para a Candidatura Independente por unha DO Valdeorras de Prestixio e Calidade, outra vogalía para a Candidatura Independente Ruvirco, outro vogal para a Candidatura Independente Adegas Calidade Valdeorras e un último para o SLG, logo de sorteo realizado pola Xunta Electoral ao estar esta candidatura empatada en votos coa de Asaga. Isto sempre que non se presenten reclamacións despois de que se votase o domingo no censo de viticultores de maior dimensión económica, no que a lista con máis apoios foi a da Candidatura Independente Viticultores Independentes de Valdeorras, e no censo dos viticultores de menor dimensión, no que gañou tamén Viticultores Independentes de Valdeorras. Dentro do sector industrial, tan só se votou no censo das adegas de menor dimensión, sendo a lista con máis apoios a da Candidatura Independente Adegas Calidade Valdeorras.

Por último, no referido ás votacións do domingo, no Consello Regulador da IXP Mel de Galicia atribúense 6 vogalías á Agrupación Apícola de Galicia e 3 a Erica Mel Sociedade Cooperativa Galega, despois de que hai dous días se votase no censo de apicultores con máis de 400 colmeas e a lista máis votada a de fose Erica Mel SCG.

Pódese consultar a lista de vogais elixidos o pasado domingo neste documento.

Resto de consellos reguladores que non foron a eleccións
Esta repartición de vogais xa se tiña decidido no caso doutros nove consellos reguladores, con censos onde se presentaron candidaturas únicas ou nos que, habendo máis dunha candidatura, a totalidade das proclamadas chegaron a acordos electorais de repartición de vogalías.

Así, na denominación de orixe Ribeira Sacra, corresponden 8 vogais á Candidatura Independente de viticultores e adegueiros da Ribeira Sacra, 3 á Candidatura independente dos vitivinicultores de Ribeira Sacra e 1 á Candidatura Independente e viticultores non comerciais. Mentres, no Consello Regulador das indicacións xeográficas Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia a Candidatura profesional Augardentes e Licores de Galicia foi a única presentada, logrando un total de 10 vogais.

No caso dos queixos, a denominación de orixe protexida (DOP) Arzúa-Ulloa ten 2 vogais para Unións Agrarias e 1 para a Asociación Agraria de Galicia, no caso dos produtores; mentres na industria hai 3 vogalías para a Candidatura Independente Pequenas Queixerías da DOP Arzúa-Ulloa e outras 3 para a Candidatura Independente Queixerías da DOP Arzúa-Ulloa. Na DOP Queixo Tetilla quedan tamén 2 vogais para UUAA e 1 para a Asociación Agraria de Galicia, no caso do sector produtor; mentres no industrial houbo unha candidatura única correspondente a Queixerías da DOP Queixo Tetilla, que ten 5 vogais. Na DOP San Simón da Costa, pola súa banda, hai 2 vogais de Unións Agrarias no caso dos produtores e 5 para a candidatura independente Queixeiros de San Simón no das industrias.

Na IXP Pataca de Galicia, no sector produtor UUAA ten 2 vogalías, e Asaga, Fruga e SLG contan con 1 vogal máis cada un; mentres no sector industrial a Candidatura Independente Envasadores de Pataca de Galicia ten 5 vogais. Na IXP Pan de Cea houbo unha candidatura única denominada Candidatura Independentes de Cea, con 4 vogais, no único censo de elaboradores.

Na indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, a repartición é de senllos 3 vogais tanto para Unións Agrarias como para a Asociación Agraria de Galicia, no caso da produción; mentres no sector industrial a candidatura única correspondente á Candidatura Independente Procesadores de Castaña de Galicia queda con 6 vogais. Para rematar, no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), no sector produtor, repártense 2 vogais para UUAA, outros 2 para Asaga e outros 2 para o SLG. No sector industrial, a Asociación Clúster da Alimentación Ecolóxica de Galicia, única presentada, queda con 7 vogais.

Entre o 27 de febreiro e o 10 de marzo realizarase a constitución dos 15 plenos e a elección das persoas que ocuparán as súas presidencias e vicepresidencias.

Pódese consultar máis información na web de Medio Rural sobre o proceso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información