Problemas máis frecuentes relacionados co benestar animal en granxas de leite

A esixencia de certificación esténdese na produción láctea. A antigüidade das instalacións e as prácticas de manexo dos animais condicionan a puntuación obtida polas explotacións nas auditorías realizadas

CASTEDO SC (LUGO) camas area benestar animalMarela é unha consultoría galega especializada na certificación Welfair Quality. Tras dúas décadas traballando en campañas de saneamiento gandeiro, a veterinaria Nina Vázquez decidiu especializarse en benestar animal, realizando auditorías para empresas e axudando a granxas tanto de vacún como de porcino a superar os requisitos esixidos.

No caso das ganderías leiteiras, a certificación pode ser por explotación individual ou en grupo e garante que se está a producir leite en condicións óptimas de benestar do gando, a través dunha serie de indicadores baseados no animal, no manexo e nas instalacións.

A certificación, controlada normalmente polas industrias que recollen o leite e esixida ás ganderías, leva asociadas primas no prezo do leite, que varían en función da empresa: desde 0,01 céntimos por litro no Grupo Lence ata 0,3 céntimos en Inleit ou 1 céntimo como máximo no caso de Naturleite ou Lactalis, dependendo da puntuación obtida pola explotación nun checklist de 51 puntos.

Diferenzas entre convencional e ecolóxico

Aínda que os criterios de Welfair son os mesmos para todas as granxas, existen diferenzas na norma que as regula entre as que están en ecolóxico e as que producen en convencional en aspectos directamente relacionados co benestar. Por exemplo, o aloxamento individual de becerros permítese ata os 56 días en convencional (8 semanas), mentres que en ecolóxico redúcese a unha semana.

O descornado en convencional permítese sen anestesia nas 4 primeiras semanas de vida do animal, mentres que en ecolóxico debe realizarse sempre con anestesia. O mesmo acontece co emparrillado, que en convencional está permitido polo de agora, mentres que en ecolóxico xa non se permite.

“As granxas que están en ecolóxico teñen xa moito avanzado en materia de benestar, como por exemplo o acceso ao pasto, que representa un comportamento natural dos animais”, engade Nina, que enumera ademais unha serie de consellos ás explotacións para mellorar a súa puntuación nas auditorías.

1. Nutrición

Zona para vacas secas no novo establo

Dentro do aspecto da nutrición, unha das cuestións que máis se relacionan co benestar animal é o acceso á auga. “Somos moi insistentes nese tema, porque o acceso á auga está relacionado tanto co benestar como coa inxesta de alimento e a produción de leite. Unha vaca pode chegar a beber tres veces o volume de leite que produce en auga, e en condicións de calor esta inxesta increméntase entre un 15% e un 25%, polo que unha vaca de 35 litros pode chegar a beber entre 115 e 135 litros de auga ao día, e temos que poder ofrecérlla en cantidade e calidade axeitadas”, insiste.

Unha vaca de 35 litros pode chegar a beber entre 115 e 135 litros de auga ao día

“Hai varios factores que inflúen na maior ou menor inxesta de auga: o momento produtivo da vaca, a idade do animal, o seu estado metabólico, o que come e a temperatura, tanto do ambiente como da auga, porque se temos temperaturas ambientais altas e a auga está fría, as vacas beben menos”, explica.

SOUTO FRADE SC (Taboada) bebedeiro2

O acceso á auga inclúe dispoñer de bebedeiros suficientes (entre 6 e 10 cm de bebedoiro por vaca), un tipo de bebedoiro adecuado (é importante a altura), ben localizado (os que están pegados á parede úsanse menos por ser menos accesibles) e cun fluxo suficiente de auga, xa que “as vacas son animais sociais porque son xerárquicas; agrúpanse para ter menos posibilidades de ser atacadas por un depredador, e temos que garantir que o 10% das vacas poidan beber á vez, porque son animais que sincronizan moitos comportamentos”, indica.

Nos bebedeiros sucios a inxesta de auga pode baixar ata un 28%

Ademais do acceso ao recurso, é necesario garantir unha boa calidade da auga. “Hai que facer analíticas, tamén nos pastos e nos cauces de auga dos que beben os animais, por se está contaminada”, recomenda. A presenza ou ausencia de sombra no pasto tamén inflúe no consumo debido ao estrés por calor en días de altas temperaturas. “Debemos colocar un punto de auga no pasto. Prodúcense ata 1,7 litros máis de leite de promedio nos rabaños que teñen bebedeiros no pasto”, calcula.

Nos establos, recomenda que “haxa un bebedoiro á saída do muxido, porque entre un 30% e un 50% da inxesta diaria de auga prodúcese despois do muxido”. Nos bebedeiros sucios, a inxesta de auga pode reducirse ata un 28%. “As vacas detectan se hai sucidade nos bebedeiros e evitarán beber neles”, asegura Nina.

Coidado dos becerros

Pero a auga non é importante só para os animais que están en produción. Un becerro recentemente nado tamén necesita ter acceso a auga. “O becerro nas tres primeiras semanas de vida pode chegar a beber un litro de auga ao día”, aclara Nina.

Os becerros teñen que ter acceso á auga, polo menos, a partir dos primeiros 3-4 días de vida. “Está demostrado que iso aumenta a inxesta de alimento, favorece o desenvolvemento do rume e reduce a succión cruzada entre becerros, porque na natureza o becerro mama moitas veces ao día e durante bastante tempo (entre 6 e 10 minutos), polo que, ao reducir as tomas a 2, o resto do tempo necesita satisfacer ese reflexo de succión, algo que podemos facilitar cun cubo con auga”, asegura.

welfair Nutrición_Terneros

A cantidade de leite achegada ao becerro debería ser, polo menos, o 20% do seu peso e repartida en varias tomas. “Cantas máis podamos, mellor”, insiste. Xunto coa auga, é recomendable introducir tamén palla na dieta. “O achegue de fibra favorece o desenvolvemento do rume e pode facilitar o destete despois”, argumenta.

En canto ao calostro, di: “É a maneira que temos de proporcionarlle protección ao becerro mentres o seu sistema inmunitario non se desenvolve”. Recomenda muxir a vaca e dar o calostro ao becerro nas primeiras 4 horas despois do parto, porque é cando ten maior calidade e é mellor absorbido polo animal. Como mínimo debería inxerir 3,5 litros na primeira toma (o 10% do seu peso vivo) e empregar calostros de calidade, sen contaminación e administrados a temperatura corporal.

2. Confort

ganderia Cuinha SC (Lugo) benestar animal cama carbonato e serrin

O aloxamento dos animais debe ser cómodo e adecuado, cun mínimo dun cubículo por vaca. “O tempo de repouso é unha necesidade de comportamento das vacas de leite. Necesitan descansar como mínimo entre 10 e 12 horas ao día. As vacas dormen arredor de 4 horas ao día, principalmente durante a noite, e un bo tempo de sono favorece o desenvolvemento do sistema inmunitario”, asegura.

A cama debe ser axeitada, con suficiente número de cubículos, e o establo debe ter boas condicións hixiénicas e de ventilación

Dentro do confort dos animais, o estrés por calor é un factor a considerar que vai en aumento. “Do que máis falamos agora é do confort térmico; é innegable que estamos sufrindo temperaturas máis altas e as vacas, a partir de 25 graos, teñen problemas para evaporar calor. O primeiro que fan é poñerse de pé para maximizar a superficie de pel en contacto co aire. Ao estar máis tempo de pé, hai menos produción de leite, tamén porque diminúe a inxesta e aumenta a frecuencia respiratoria”, engade.

As vacas perden calor evaporando auga pola pel e polas mucosas respiratorias

O ITH é o índice empregado para calcular o estrés por calor, mediante a relación entre a temperatura e a humidade relativa. “A produción de leite baixa 0,2 kg/vaca e día por cada unidade que aumenta o ITH se está por enriba de 72, aínda que agora comezamos a ver que hai baixadas xa por enriba de 68 de ITH”, relata Nina. Por iso, á hora de instalar sistemas de ventilación, propón priorizar aqueles lotes máis produtivos, que son tamén os que máis notan os efectos do calor.

welfair Confort_tiempo_reposo

No caso de granxas en extensivo, á hora de calcular o ITH hai que ter en conta, ademais da temperatura e da humidade, a radiación solar e os ventos dominantes. “É importante considerar a ubicación, orientación e características das parcelas ás que van saír ao pasto as vacas en días de calor (por exemplo, se hai sombras)”, destaca.

En extensivo, é fundamental proporcionar sombra e acceso á auga nos pastos, asegurando que os bebedeiros non estean ao sol. No relativo ao manexo, recoméndase non mover o gando nas horas centrais do día, retrasando o muxido da tarde, se é necesario, para evitar que o desprazamento das vacas ata o establo coincida con momentos de forte radiación solar.

Aloxamento de becerras

welfair benestar animal recria

“O aloxamento dos becerros é mellor en grupo, de entre 2 e 4 becerros, está demostrado que gañan máis peso e favorecen o desenvolvemento social”, indica Nina. En ecolóxico, a partir da primeira semana de vida, os becerros xa non poden estar en cubículos individuais, mentres que en convencional permítese ata as 8 semanas. “O xogo é unha necesidade de comportamento para os becerros e benefíciaos en termos de saúde e crecemento”, asegura.

Un dos momentos de máis estrés para o becerro é o destete. “Deberiamos facer o destete o menos brusco posible, porque o estrés é acumulativo e o destete supón moitos cambios para o animal: de alimentación, de aloxamento, de lote”, argumenta.

En canto á cama, insiste, “a cantidade de palla debe permitir que o animal cubra as patas, para que perda a menor temperatura posible, xa que os becerros perden calor polas extremidades”. “Unha cama abundante favorece que non haxa problemas respiratorios, porque os becerros por debaixo de 15 graos nas dúas primeiras semanas van ter frío”, explica.

3. Saúde física

CARIONI (Lombardía) enfermeria e postparto

A saúde inflúe no benestar, xa que a enfermidade xera dor e estrés (medo e angustia) no animal. “A vaca é un animal presa, que pode ser depredado, polo que esconde a dor o máximo posible. Iso vémolo nas coxeiras”, exemplifica.

Os cambios de comportamento que provocan as enfermidades (anorexia, illamento, apatía, debilidade e letarxia, máis tempo do habitual de pé ou deitada) axudan a detectar enfermidades.

welfair grados enfermedad vacas

Fixándose na posición das orellas (orellas cara atrás ou cara abaixo, con tensión nos músculos da cara cando as vacas teñen dor), establécese unha escala de dor no vacún que empregan as persoas encargadas de realizar as auditorías de benestar animal.

A eutanasia é un tema controvertido, pero hai que valorala porque ás veces é unha solución de benestar animal

Nos establos, Nina recomenda situar a enfermería nunha zona pola que se pase máis frecuentemente, para deste xeito ter máis controladas as vacas enfermas. A enfermería debe contar cunha cama axeitada, maior acceso a recursos e estar composta por grupos reducidos. “Non é recomendable meter vacas enfermas con vacas de preparto”, insiste.

Coxeiras

Podoloxia Demostración Arturo Gómez 3

As coxeiras son un dos procesos máis dolorosos que poden sufrir as vacas e poden provocar baixa fertilidade e problemas asociados. “Debemos detectalas o antes posible para tratalas, con visitas periódicas do podólogo á granxa”, defende Nina.

Para a detección precoz dunha coxeira, é útil fixarse nos cambios na forma de camiñar das vacas: redución da lonxitude do paso (máis curto), arqueo da columna e balanceo da cabeza ao camiñar. “As vacas sans, ao camiñar, poñen a pata traseira onde puxeron a dianteira; se acurtan o paso, é que teñen algún problema”, explica.

As vacas sans, ao camiñar, poñen a pata traseira onde puxeron a dianteira; se acurtan o paso, é que teñen algún problema

Aínda que é un problema maior en vacas estabuladas, segue habendo prevalencias medio-altas en vacas que van ao pasto, especialmente durante os meses de mal tempo. “As vacas, cando chove, pasan menos tempo deitadas, polo que cargan máis os cascos e son máis propensas a ter coxeiras”, explica.

Os traumatismos por percorrer longas distancias ata o pasto ou por camiños non adecuados (zonas exteriores con pedras ou grava solta) son tamén unha causa habitual de problemas de coxeiras. Tamén inflúe a nutrición, xa que dietas mal balanceadas poden provocar laminitis, así como o manexo dos animais. “As razas tamén son importantes, xa que as coxeiras teñen unha componente xenética e as vacas frisoas son máis propensas”, aclara.

4. Conduta

manexo gando podoloxia

A pesar da súa domesticación por parte do ser humano, as vacas seguen tendo necesidade de desenvolver comportamentos naturais e, se non poden levalos a cabo, experimentan frustración. No temperamento tamén inflúe a xenética. “As fillas dunha vaca nerviosa seguramente tamén serán nerviosas”, opina.

Ao ser un animal presa, a vaca leva o medo no seu ADN. O medo prodúcese cando recoñece un estímulo como unha ameaza, aínda que non sexa real. Pode tratarse dun comportamento aprendido a raíz dunha experiencia negativa.

O medo ten unha gran compoñente hereditaria. As fillas dunha vaca nerviosa seguramente tamén serán nerviosas

“A maioría das vacas moi nerviosas que soltan couces fan por medo”, xustifica. As vacas son moi sensibles aos contrastes de luz e aos ruídos fortes. “Moveranse sempre dunha zona menos iluminada a unha máis iluminada”, asegura.

Manexo positivo

welfair Conducta_manejo positivo2

As vacas de leite teñen moitas interaccións coas persoas ao longo do día, pero estas interaccións poden ser positivas ou negativas. “Os manexos acompañados de interaccións positivas melloran”, insiste.

Á hora de traballar co rabaño, Nina destaca os beneficios do manexo positivo: “mellora a seguridade das persoas que están co gando, evitando accidentes, e facilita as tarefas na granxa”, argumenta.

 

welfair Conducta_manejo positivo_ventajas

Para fomentar esta relación positiva entre gandeiro e animal, propón falar calmadamente, sen berros; tocar e dar palmadas ás vacas, non golpes; procurar facer movementos lentos e predicibles; así como aplicar recompensas.

Punto de fuga

As vacas necesitan ter un espazo de seguridade ao seu redor. É o que se coñece como punto de fuga. Esa distancia depende de cada vaca. “Cando as vacas teñen cornos, este espazo é máis amplo”, matiza.

Coñecer este comportamento pode ser útil á hora de mover os animais. “Ao colocarse por detrás da escápula, a vaca avanza cara adiante, mentres que, se nos achegamos por diante da escápula, irá cara atrás. É útil para movelas á sala de muxido ou para os cambios de parcela. Se detectamos a vaca líder e a movemos, sempre será máis doado mover o rabaño”, exemplifica.

Este tipo de achegamentos deben realizarse sempre con movementos calmados e sen brusquidade. “Nunca debemos colocarnos no punto cego, porque a vaca asustarase, e tampouco debemos achegarnos á vaca por detrás ou de fronte, senón polo lado”, insiste.  

Como se calcula o benestar dunha granxa?

Nina Vázquez explica algunos aspectos sobre bienestar durante una visita a una explotación láctea en ecológico en Outeiro de Rei

Nina Vázquez explica aspectos sobre benestar durante unha visita a unha explotación láctea en ecolóxico

A obtención do certificado Welfair depende das puntuacións logradas nunha auditoría externa anual realizada por unha entidade independente. Estas auditorías de benestar animal baséanse en observar as vacas, porque, insiste Nina, “a base de observar as vacas vemos cousas que quizais doutro xeito non detectaríamos”. “Buscamos signos de enfermidade nos animais, por exemplo nas orellas, nos ollos ou nas secrecións nasais”, explica.

Tamén se analiza a condición corporal, baseada en catro indicadores: rabo, unión do rabo coa cadeira, vértebras transversas e condición corporal xeral. “A vaca está moi delgada se están presentes tres destes indicadores”, indica.

Ademais das instalacións e do estado xeral dos animais, téñense en conta tamén as rutinas de manexo en diversos aspectos. “Miramos como se realiza o descornado ou os niveis de mortalidade da granxa”, detalla.

A importancia das camas

Garantir un descanso adecuado para o gando é un dos aspectos máis relevantes nunha explotación leiteira, tanto desde o punto de vista produtivo como do benestar animal. “A cama é algo importantísimo, pero cando temos instalacións vellas tamén é unha das cousas máis difíciles e caras de resolver”, recoñece.

A cama é algo importantísimo, pero cando temos instalacións vellas tamén é unha das cousas máis difíciles e caras de resolver

As auditorías comproban, ademais do estado das camas, a limpeza xeral do rabaño. “Analizamos a sucidade das vacas nos cuartos traseiros, porque se os cubículos están mal dimensionados ensúciase esa zona. O cuarto traseiro pode estar salpicado, pero non con manchas de tamaño superior á palma da man”, explica. A maiores, “a ubre ten que estar limpa. Se está sucia, é un indicativo de problemas de mamite por factores ambientais”.

Para determinar a comodidade dos cubículos, as persoas encargadas de puntuar miden o tempo que tardan as vacas en deitarse neles. “A vaca primeiro dobra a pata dianteira. Nese momento poñemos o cronómetro en marcha e comezamos a contar. Cando a cama non é confortable ou non ten a medida axeitada, tarda máis tempo en deitarse. Nos cubículos, se hai moitas vacas que tardan máis de 5,8 segundos, detectamos que existe algún problema coa cama”, detalla.

Comportamentos negativos e positivos

Durante o tempo de medición na granxa realízanse outra serie de métricas ao gando, tanto de forma individual como en grupo. No test de comportamento divídese o establo en zonas e analízanse grupos de non máis de 25 animais. “Tentamos ver comportamentos negativos, por exemplo, unha vaca que aparta a outra. Iso danos unha idea de se hai recursos suficientes: comedeiro, bebedeiros, camas, etc.”, enumera.

Ao observar as vacas vemos cousas que en condicións normais non veriamos

Outra das probas que se realiza é o test de fuxida, para medir a relación gandeiro-animal. “O que queremos ver é como reacciona unha vaca ante a presenza dunha persoa que non coñece. De fronte e coa man estendida, achegámonos á vaca e, cando esta se bota para atrás, medimos a distancia á que nos deixou achegarnos, establecendo tres grupos: as vacas que nos deixan tocalas, as que nos deixan achegarnos a menos de 50 cm e as que foxen antes”, detalla.

A auditoría identifica problemas relacionados co benestar na granxa e avalía o nivel alcanzado. “Non só buscamos a ausencia de aspectos negativos, senón que tamén tentamos identificar elementos positivos”, indica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información