Problemas de interferencias dos novos crotais electrónicos coas amamantadoras

Os lectores de identificación detectan o chip da orella das xatas ao mesmo tempo que o dos colares, co que bloquean a saída do leite

Unha becerra co crotal electrónico tratando de mamar nunha amamantadora

Unha becerra co crotal electrónico mamando nunha amamantadora

A incorporación dos novos crotais electrónicos por parte das ganderías de vacún, obrigatorios para os animais nados a partir do pasado 1 de xullo, está a provocar problemas nas granxas leiteiras que dispoñen de amamantadora para dar o leite ás becerras. 

O chip da orella, que se coloca no lado esquerdo, interfire cos lectores dos colares, facendo que as máquinas se bloqueen e non permitan mamar aos animais. “Empecei a acrotalar o venres pasado cos novos identificadores dixitais. Puxémosllos a unhas 10 becerras xuntas e no momento de entraren á amamantadora xa vimos que había un problema, porque acendía, apagaba e tiraba o leite sen deixarlle mamar, así que pasamos toda a fin de semana dando o leite co caldeiro até que viñeron os técnicos e puidemos atopar unha solución”, conta Román Santalla, que ten unha explotación leiteira en Lalín. 

O problema débese, explican desde a empresa Tecnor Lalín, á interferencia entre os dous sistemas de identificación: o crotal electrónico e o colar. A solución, neste caso, pasou por prescindir do sistema de identificación do colar e adoptar o do crotal, de maneira que a amamantadora recoñece á xata polo crotal da orella e subminístralle a cantidade de leite asignada. 

Para solucionar o problema retiramos os colares e quedámonos só cos crotais electrónicos

“Retiramos os colares e quedámonos só cos crotais electrónicos da orella das becerras pero iso requírenos que teñamos que ir identificando a todos os animais a medida que vaiamos acrotalando. O proceso é relativamente sinxelo, xa que ao achegar o crotal á antena da amamantadora xa o le e despois só hai que darlle a gardar no programa informático. Antes no programa informático traballabamos normalmente con dous números pero agora temos que traballar con toda a numeración que trae o crotal”, explica Román, que explica no vídeo de abaixo o problema inicial co que se atoparon.

Robots de muxido e salas informatizadas

O equipo técnico de Tecnor Maquinaria que acudiu a esta granxa a resolver o problema conta que a explotación dispón de antenas de identificación HDX na amamantadora, aínda que na maioría dos casos os dispositivos instalados son de multilectura (FDX e HDX), polo que é necesario estudar caso a caso. 

Para evitar as interferencias, unha posible solución pasaría por bloquear ben a lectura dos crotais, ben a dos colares. Pero no caso de empezar a identificar aos animais na máquina polos crotais, habería que introducir no programa informático da amamantadora a secuencia completa de dúas letras e 12 números que inclúe. 

No caso de ter que cambiar a antena, o gasto subiría de 600 euros

Os problemas que se están a vivir estes días coas amamantadoras, poderían pasar tamén nos robots de muxido e nas salas informatizadas a medida que os animais en produción dispoñan tamén de crotal electrónico, ben por substitución dos actuais nas vacas en lactación que os perdan ou dentro de dous anos cando as becerras nacidas a partir do 1 de xullo pasen á súa fase produtiva.

As amamantadoras, sexa cal sexa a súa marca, dispoñen normalmente de antenas laterais de identificación, mentres que nas salas de muxido o normal é que conten cun arco de lectura, que captaría tanto a información dos colares de monitorización do gando como tamén o crotal electrónico e podería haber interferencias. Se a granxa dispón aínda de podómetros, o sistema de lectura está instalado no chan, polo que ese problema non se daría. 

Desde Tecnor tamén advirten dos problemas nos robots de muxido, naqueles casos nos que teñan habilitado o sistema de identificación de orella. O máis habitual é que a identificación en muxido robotizado sexa mediante colar, pero nestes casos tamén se podería dar o mesmo problema que nas amamantadoras debido ás interferencias dos dous sistemas. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información