‘Probas da falta de vontade política contra as plantacións ilegais de eucalipto’ (I)

Adega Lugo repasa neste artigo o resultado das 300 denuncias que presentou no último ano e medio contra forestacións e cortas irregulares. Polo de agora, só nun 10% a Administración instou ao propietario á reparación do dano

‘Probas da falta de vontade política contra as plantacións ilegais de eucalipto’ (I)

Prado plantado con eucaliptos en Friol (Lugo). / Imaxes: Adega-Lugo.

No ano 2015, ADEGA impulsaba a campaña “Cousa de Raíces” co obxectivo de defender o bosque autóctono. A idea era que a campaña fose aberta, participativa e multidisciplinar, na que non só os colectivos ecoloxistas puidesen abandeirar a defensa do bosque galego, senón outros sectores da sociedade como o comunal, o empresarial, o cooperativo, o sindical, o educativo, etc., que atopan na defensa da nosa flora autóctona algo máis que unha cuestión de diversidade.

“Cousa de Raíces” vén de relanzarse agora co apoio duns 60 colectivos e entidades galegas de toda índole que reclaman, non só que se protexa o noso bosque, senón que se free a masiva eucaliptización do país, que nos últimos anos está a sufrir unha nova vaga expansiva.

“Tiñamos a impresión de que a Xunta non estaba a exercer a súa función, pero agora xa temos datos que proban as nosas sospeitas”

Á falta dun censo actualizado sobre a superficie forestal galega (o último inventario é do 2009), a estimación actual que se fai sobre a superficie ocupada con eucalipto, entre masas puras e mixtas, xa supera as 500.000 hectáreas, o que supón o 17% de todo o territorio galego. O dato tamén supera calquera previsión. Teñamos en conta que case dobra a capacidade de acollida máxima que o Plan Forestal Galego do 2002 (aínda vixente e pendente de actualización) establecía para esta especie en Galiza.

“Cousa de Raíces” naceu con dous obxectivos principais: 1. Impulsar a concienciación positiva e o valor das árbores autóctonas en sentido pleno: económico, cultural e ambiental; 2. Facer cumprir a normativa existente relativa á conservación efectiva das nosas masas autóctonas e das plantacións arbóreas. A respecto deste último punto, tiñamos a impresión de que a Administración pública competente non estaba a exercer a súa función; pero agora xa temos datos contundentes que revelan a veracidade das nosas sospeitas.

“Adega adoptou hai ano e medio o compromiso de denunciar todas as plantacións e talas ilegais das que tivese coñecemento”

Tras o lanzamento da campaña, Adega adoptou o compromiso de denunciar, até onde puidesen os seus voluntarios/as, todas as plantacións ou talas ilegais ou incumprimentos das distancias de seguridade das que tivese coñecemento, co gallo de favorecer o cumprimento da lei en materia de montes e lumes, pero tamén doutras normativas (costas, ríos, patrimonio…) que inciden directamente na ordenación forestal.

logo cousa de raíces

Principalmente, é na provincia de Lugo onde Adega realiza un maior esforzo na interposición de denuncias, porque é onde estamos a detectar unha maior transformación do territorio en canto á eliminación de superficie arborada con especies autóctonas ou con vocación agraria a prol da expansión do eucalipto, e ademais de forma irregular.

Agora, o cumprirse ano e medio dunha frenética actividade de denuncia por parte de Adega-Lugo contra as talas e plantacións ilegais na provincia -con eucaliptos, no 100% dos casos observados-, desempeñando un papel máis propio dos servizos de protección da Natureza e dos gardas forestais da Xunta que dunha entidade ecoloxista, xa contamos con datos suficientes que nos permiten extraer varias conclusións contundentes e esclarecedoras sobre a actitude coa que a Administración galega se está a enfrontar a esta nova vaga eucaliptizadora e de desorde forestal e, consecuentemente, territorial. Imos debruzalas.

1) Case o 80% dos casos denunciados en Medio Rural están sen resolver

No último ano e medio, desde comezos de 2016 até o mes de xuño de 2017, ADEGA ten denunciado 300 casos de plantacións e talas ilegais só na provincia de Lugo. Destes, o 87% corresponden a parcelas que foron plantadas con eucaliptos de forma presuntamente ilegal, e o restante 13% corresponde a cortas a feito de masas de árbores autóctonas, tamén de forma aparentemente irregular.

ChartGo

De todos os casos denunciados durante o último ano e medio, só o 22% foron resoltos, quedando o 78% restante sen resposta ou pendentes de investigación e resolución.

Poderiamos pensar que a Consellaría de Medio Rural non tivo tempo para resolver as denuncias máis recentes do 2017, pero se só temos en conta os casos denunciados por ADEGA-Lugo en 2016, a ausencia de resposta tamén é alarmantemente elevada (63%).

2) Só o 10% das denuncias interpostas instaron á reparación do dano

A maior parte das denuncias presentadas por Adega-Lugo que foron resoltas pola Dirección Xeral de Montes da Xunta desde o 2016 acabaron en arquivo, ben porque o autor/a da infracción xa reparou o dano antes de que se procedese á apertura do expediente sancionador, ben porque a Administración non viu, ou non quixo ver, no feito denunciado motivos de ilegalidade.

Prado plantado con eucaliptos.

Prado plantado con eucaliptos.

Se só nos cinguimos a aqueles casos que finalmente obtiveron algunha resolución definitiva, observamos que o 55% dos mesmos foron arquivados por esta segunda causa: a da non consideración do feito como infracción ou incumprimento da normativa vixente.

Paralelamente, menos do 50% dos casos xa resoltos foron considerados ilegais por parte de Medio Rural e só o 10% de todos os casos denunciados remataron finalmente coa eliminación ou arrincado dos eucaliptos plantados e/ou con interposición de sanción, instando á reparación do dano cometido.

3) A maioría das resolucións negativas non están suficientemente xustificadas

Poucos motivos poden xustificar que case o 80% das plantacións ou talas irregulares denunciadas non obtivesen aínda unha reacción por parte de Medio Rural. Mentres non se investiguen os feitos denunciados nin se abran expedientes sancionadores ou requirimentos previos de reparación de dano, o noso bosque segue a estar ameazado, seguimos a perder superficie agraria útil e as plantacións ilegais acaban obtendo unha sorte de “amnistía” que trasladan á sociedade a mensaxe de que “todo vale na miña leira”.

A Administración trasládalle á sociedade a mensaxe de que ‘todo vale na miña leira’

Ademais, unha grande parte das infraccións denunciadas ante a Xunta son arquivadas sen apercibimento de reparación de dano, sen apertura de expediente sancionador e sen existir motivos suficientes que xustifiquen tal arquivo. As escusas esgrimidas pola Xunta para dar carpetazo ás nosas denuncias son diversas:

Excusas

A hipotética imposibilidade de poder datar con exactitude a idade da plantación supostamente ilegal ou de non poder identificar o uso previo do terreo.
Ante a dúbida, as plantacións denunciadas son consideradas por Medio Rural anteriores á posta en vixencia da Lei de Montes actual (agosto do 2012), quedando desafectadas, ou simplemente se asimila un uso forestal do terreo sen facer o máis mínimo esforzo en comprobar cal era o seu uso previo e, por tanto, se houbo un enmascarado cambio de actividade.

Calquera usuario de internet ten acceso a diversas plataformas desde as que comprobar a evolución de usos dunha parcela

Mais, estas non son máis que escusas… Actualmente, calquera usuario de internet, incluído o equipo técnico da Xunta, pode determinar a través de diversas plataformas informáticas de xeocomparación e/ou xeolocalización con que especies contaba a parcela en cuestión ou a que uso se destinaba antes ou despois da entrada en vigor da Lei de montes.

Ben saben os especialistas na materia (peritos, agrónomos, forestais, etc.) que existen outras fórmulas máis científicas e fiábeis de datación das masas arbóreas que se poderían estar aplicando nestes casos de dúbida… Pero, simplemente, non hai vontade!

Unha interpretación ‘sui generis’ da lexislación de montes.
A Xunta está a crear unha grande inseguridade xurídica e confusión entre o seu propio funcionariado que se ve impedido para poder aplicar a norma cunha mínima coherencia. Utilízanse argumentos de tal extravagancia para interpretar a norma que mesmo se están a dar situacións de total discriminación entre os presuntos infractores.

“A Xunta está a legalizar ‘de facto’ plantacións de eucalipto que ocupan pasteiros, ao considerar estes como terreos forestais”

A discrecionalidade que se vive na interpretación da normativa de montes está a favorecer ademais que se legalice de facto un inxente número de plantacións ilegais de eucalipto que ocupan, en contra do que establece a lei, antigos terreos de pasto ou de produción para forraxe.

Os casos máis rechamantes son aqueles nos que o servizo xurídico da Xunta autoriza plantacións ilegais de eucaliptos en terreos de pasteiro, ao considerar estes como terreos forestais e non agrícolas… unha curiosa e rocambolesca interpretación da lei que, ademais, entra en contradición coa normativa de prevención de incendios ou con algunhas convocatorias públicas de axudas para a forestación de superficies que, paradoxalmente, exclúen os terreos de pasteiro por consideralos de carácter agrícola.

Dáse predominio á clasificación urbanística do solo fronte a súa vocación orixinal ou uso.
Se o terreo no que se realizou a plantación tiña previamente un uso agrícola, pero aparece clasificado como solo forestal no planeamento urbanístico do Concello, a Consellaría de Medio Rural dálle predomino á cualificación urbanística e exime as plantacións ilegal de ter que aterse ás obrigas de cambio de actividade establecidas na Lei de Montes.

É dicir, non intercede e permite que se ocupen terreos de carácter agrario con especies arbóreas (sexan ou non pirófitas) sen tan sequera esixir ao propietario que solicite o cambio de actividade de agrícola a forestal. Esta forma de actuar, na práctica, está a constituír unha flagrante deixazón de funcións por parte da Consellaría de Medio Rural, que abandona á vontade dos concellos a configuración ou ordenación dos montes.

A caducidade dos expedientes sancionadores.
Estes casos son os menos frecuentes. Acontecen cando existe un expediente sancionador aberto que acaba caducando ao dilatarse de forma excesiva o procedemento administrativo sen ter obtido previamente unha resolución. Nestas situacións, a reparación do dano dependerá da vontade da Xunta, se quere reiniciar o procedemento sancionador, ou da existencia dunha nova denuncia de parte que dea lugar a un novo expediente.

Estas son algunhas das supostas motivacións da Consellaría de Medio Rural para resolver negativamente as denuncias de ADEGA e deixar consolidar no tempo o acto ilegal, neste caso, as plantacións de eucaliptais contrarias á Lei de montes de Galiza (Lei 7/2012).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información