Principios e recomendacións para un bo uso das abonadoras

Unha xornada do Instituto Tecnológico Agrario analizou a evolución experimentada polas tecnoloxías utilizadas na fertilización de cultivos. Coñecemos as claves para ter en conta para un emprego adecuado das abonadoras de proxección

Principios e recomendacións para un bo uso das abonadoras

Conseguir unha boa fertilización da pradeira resulta vital para lograr boas producións. Nunha xornada celebrada en Castela polo Instituto Tecnológico Agrario (Itacyl), Francisco Aranaz Jiménez, xerente da firma navarra Aguirre Maquinaria Agrícola, un dos fabricantes máis destacados en Europa, incidiu na importancia de coñecer ben o funcionamento das abonadoras de proxección, moi utilizadas no campo, para optimizar o abonado.

Nos últimos anos, as abonadoras experimentaron unha evolución destacada, incorporando diferentes elementos de automatización, que contribúen a unha aplicación máis precisa e regulada; pero a pesar dos cambios e a incorporación de novos mecanismos para automatizar o abonado, as abonadoras seguen mantendo elementos básicos como o chasis, a tolva, o grupo distribuidor e os elementos de regulación. É nestes dous últimos nos que se implementaron as maiores modificacións.

A pesar das innovacións que incorporan os modelos máis modernos, o principio polo que se rexen segue sendo o mesmo que se utiliza nas abonadoras de proxección máis convencionais. Así, aínda que en función do modelo poida contar con distintos elementos de regulación, para lograr un bo abonado debe terse en conta a fórmula xeral que proporciona o caudal, é dicir os quilogramos impulsados por minuto, o que permitirá efectuar un cálculo do abono necesario.

Para coñecelo debe multiplicarse o ancho de traballo (a separación entre pasadas do tractor) pola velocidade (expresada en quilómetros por hora), polos quilogramos aplicados nunha hectárea. O resultado de multiplicar estes valores debe dividirse entre 600.

Formula general

Nas abonadoras as principais melloras implementáronse nos sistemas de regulación. Pasouse de sistemas fixos, nos que se aplicaba a mesma dose de forma constante e regular a sistemas que permiten que todos os factores que interveñen á hora de calcular o abonado poidan variarse para adaptarse á finca. O obxectivo con estas innovacións foi buscar un abonado máis preciso e adaptado ás necesidades do cultivo e ás diferenzas que poida haber na parcela.

A principal innovación que incorporaron as abonadoras foi pasar de sistemas fixos a modelos que permiten regulacións variables da dose para unha fertilización de precisión

As abonadoras máis tradicionais contan con sistemas de apertura hidráulica e o fluxo de quilogramos de abono que proporcionan por minuto é fixo; por iso todos os parámetros que interveñen na fórmula de cálculo son tamén fixos, non se poden modificar durante o traballo de abonado.

Os modelos máis innovadores contan con sistemas de apertura eléctrica e con dispositivos de pesada en continuo. Iso permite modular as doses de modo manual ou mediante GPS e traballar con anchos de traballo variables (corte de tramos).

Sistemas de regulación

Dado que os sistemas de regulación das doses de abonado son os elementos nos que máis melloras se introduciron, abordamos os diferentes tipos de sistemas para coñecer as diferenzas entre os principais modelos de abonadoras no mercado.

Abonadora de caudal/ fluxo constante

Son os modelos máis tradicionais, xa que a regulación da dose se realiza mediante índices con varias posicións, pero sen poder modificalo durante o traballo. A súa apertura e peche lévase a cabo por cilindros hidráulicos de simple efecto. Dan sempre o mesmo caudal, polo que non podemos cambiar nin a velocidade, nin a dose nin o ancho de traballo durante os labores de fertilización.

Abonadora con regulación eléctrica

Este tipo de máquinas contan cunha consola en cabina que permite modificar o caudal do fertilizante. A regulación realízase mediante índices con varias posicións. Neste caso, a apertura e peche é con actuadores eléctricos. É un avance, pero seguimos con sistemas de caudal constante.

Abonadoras con caudal proporcional ao avance clásico

Estas abonadoras teñen un caudal axustado á velocidade que rexistra o tractor. O computador en cabina permite programar todas as variables. Ademais, o sistema de apertura e peche é mediante actuadores eléctricos. A modulación das doses é manual e é preciso realizar unha calibración previa. O caudal é variable para non ter que circular sempre á mesma velocidade de avance.

Abonadoras con caudal proporcional ao avance e pesaxe continua

A diferenza das abonadoras con caudal proporcional ao avance do tractor clásico, neste tipo de máquinas a pesada realízase de forma continua e sen ser necesaria unha calibración previa. O computador da abonadora detecta a densidade do abono e axústase para distribuír sempre a cantidade programada.

Abonadoras con sistema ISO BUS

Baixo este protocolo podemos, desde a pantalla GPS do tractor, controlar todas as funcións da abonadora. É necesario que o modelo de pantalla GPS e tractor estean equipados con estes dispositivos para que a abonadora funcione correctamente.

A abonadora funciona con sistemas de caudal proporcional ao avance, versión pesada en continuo. As achegas substanciais deste sistema de regulación é que se poden facer anchos variables (TC en terminoloxía anglosaxoa) e dose variable segundo un mapa de prescricións (VRC en terminoloxía anglosaxoa). Evidentemente a consola GPS debe estar habilitada para iso.

Sistemas de regulación

Axustar o abonado nos bordos das parcelas

Un dos retos para realizar un correcto abonado da parcela é conseguir que este sexa uniforme e evitando as perdas e solapes de abonado nos bordos do predio. En Aguirre apuntan dous tipos de solucións para estas zonas. Por unha banda, pódese optar por sistemas que traballen xusto polo bordo, ou ben con abonadoras que inclúan mecanismos para regular o abonado e traballar separado do bordo.

No caso das abonadoras que traballan xusto polo bordo inclúense sistemas de deflectores de bordo, de maneira que se reduce a dose do disco dereito. “Este sistema está pensado para fertilizar o bordo do campo cara ao interior da parcela, mantendo a dose programada en todo o ancho de traballo”, explica Aranaz.

Trabajando justo por el borde

Nas abonadoras cuxo sistema se basea en traballar afastados do bordo para reducir as perdas de fertilizante, o axuste debe realizarse ou ben manualmente ou desde a consola en cabina.

trabajando separado del borde

A importancia do manual de instrucións

Para coñecer ben o funcionamento dos equipos de abonado e lograr unha optimización da fertilización, Aranaz insiste na importancia de ter presente as indicacións recollidas no manual de instrucións do apeiro. Ademais, o manual debe conter información relevante para cada tipo de fertilizante. “É necesario que o fertilizante que utilizamos teña a súa regulación de ancho de traballo e dose no manual, para que se poida identificar con facilidade”, sinala Aranaz.

Ademais, para que o manual resulte de maior utilidade tamén debe incluír unha táboa de caudais de cada fertilizante e unha táboa de anchos de traballo na que se indique o ancho e a posición do dispositivo. “É importante que tanto a táboa de caudais como o ancho de traballo sexan facilmente programables”, apunta o experto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información