
Felipe Fraga, durante a súa intervención nas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro
“O futuro dunha gandería escríbese moito antes de que unha vaca entre en produción. Cada tenreira que nace encerra o potencial de converterse nunha vaca lonxeva, saudable e rendible. Pero para que ese potencial se exprese, non abonda cun bo encalostrado ou cunha dieta equilibrada: a contorna na que medra é determinante”, asegura Felipe Fraga, veterinario do servizo de Recría de Seragro.
A orientación e a ventilación das instalacións condicionan o confort, a saúde e o desenvolvemento das tenreiras e, por tanto, a rendibilidade futura da explotación. “A orientación e a ventilación son piares invisibles pero esenciais da recría. Quen inviste nelas, inviste no futuro da súa granxa”, sentencia.
As instalacións para recría son o berce do rabaño. Unha tenreira que medra nun ambiente luminoso, ventilado e seco ten máis posibilidades de converterse nunha vaca forte, produtiva e lonxeva.
Unha tenreira que medra nun ambiente luminoso, ventilado e seco ten máis posibilidades de converterse nunha vaca forte, produtiva e lonxeva
Dispoñer de instalacións pensadas para o confort das tenreiras non só mellora a produción, senón tamén a imaxe pública da gandería nun momento, o actual, no que os consumidores esixen cada vez máis garantías de benestar animal.
Pero as instalacións ben deseñadas xeran beneficios que van máis alá do benestar:
- Maior gañancia media diaria, o que permite inseminar antes e acurtar a recría.
- Menos baixas e tratamentos, o que reduce os custos sanitarios.
- Mellor desempeño futuro: unha tenreira criada en condicións óptimas terá máis leite nas súas primeiras lactacións e unha vida produtiva máis longa.
Pola contra, cando as instalacións non están ben orientadas nin ventiladas, as consecuencias son inmediatas para a recría:
- Aumento das enfermidades respiratorias, a principal causa de baixas e de tratamentos nesta fase.
- Atrasos no crecemento, que comprometen a idade ao primeiro parto e reducen a vida produtiva.
- Maior gasto en tratamentos veterinarios, que encarece a recría.
- Tenreiras máis febles, que no futuro serán vacas con menor produción e fertilidade.
“A recría non admite erros: todo o que ocorre nos primeiros meses de vida deixa pegada para sempre”, sentencia Felipe.
Primeiro paso: definir a capacidade das instalacións
Á hora de deseñar unha nave de recría, o primeiro que temos que ter en conta é que se adapte ao tamaño das necesidades presentes e futuras da granxa. “Hemos de saber moi ben onde estamos e a onde queremos chegar. Se na actualidade estamos muxindo 60 vacas nun robot pero a nosa intención é ter 3 robots, fagamos a nave de recría xa para subministrar animais aos 3 robots; xa a iremos enchendo despois máis adiante de tenreiras”, defende.
“Non serve de nada que construamos a mellor nave para recría, coas mellores instalacións e a mellor ventilación, se ao ano seguinte a temos xa saturada, porque aí as gañancias medias van ser moito máis baixas e a mortalidade vaise disparar”, afirma.
De nada serve que construamos a mellor nave de recría do mundo se despois non encamamos e temos ás tenreiras durmindo no cemento
Por iso, é importante realizar un cálculo o máis axustado posible de cantos partos imos ter ao ano, en función do número de animais en produción e de parámetros como a taxa de reposición ou o intervalo entre partos. De aí obteremos o número de nacementos semanais previstos, o que determinará á súa vez o número de boxes que necesitaremos.

É necesario despois aplicar porcentaxes de corrección no espazo dispoñible para a recría en función da estacionalidade dos partos. Un estudo da Universidade de Pensilvania calcula un 40% máis de espazo en boxes individuais e un 25% en lotes comúns, como por exemplo a amamantadora.
“Se imos ter 240 partos ao ano, teremos de media 5 nacementos á semana e, se as tenreiras pasarán 2 semanas nos boxes individuais, necesitaremos dispoñer de 10 boxes, máis 4 a maiores para facer fronte ao porcentaxe de estacionalidade de partos, que establecemos nun 40% para ter sempre un box limpo e desinfectado”, exemplifica Felipe.
Os metros de cama están directamente relacionados coa saúde pulmonar; precisamos polo menos 3,5 metros cadrados de cama efectiva por cada animal na amamantadora
“Na amamantadora, porén, como os animais están en lotes, aplicamos un 25% de estacionalidade”, aclara. Se prevemos colocar unha amamantadora ou se pretendemos ceboar os machos son outros factores que van condicionar o tamaño e deseño da instalación de recría.
“Precisamos polo menos 3,5 metros cadrados de cama efectiva por cada animal que temos na amamantadora e a tendencia actual é ir a lotes máis pequenos para evitar competencias e transmisión de enfermidades, o que obriga a dispoñer dun maior número de estacións”, explica.
Do mesmo xeito, indica: “de nada serve que teñamos a mellor nave de recría do mundo se despois non encamamos e temos ás tenreiras durmindo no cemento”, engade. “As tenreiras recentemente nacidas pasan o 80% do tempo deitadas e a súa zona de confort térmico sitúase entre os 10 e os 26 ºC, por iso é moi importante o niño de palla”, indica.
Orientación

A orientación das naves ou casetas de recría non debe deixarse ao azar, xa que unha disposición axeitada aproveita mellor o sol e o vento para ofrecer un ambiente san durante todo o ano. “Orientar ben a nave é o primeiro paso para que as tenreiras medren nun entorno saudable. Unha boa planificación equilibra luz e sombra segundo a estación”, asegura.
Unha boa planificación equilibra luz e sombra segundo a estación
“Respecto do sol, en Galicia, a mellor orientación dos establos é a nordés-suroeste, xa que no inverno, debido ao baixo ángulo de incidencia do sol, permite que nas horas principais o sol dea un aporte extra de radiación e calor aos animais, facendo que baixe a humidade dentro da nave e aumente a temperatura e o confort das tenreiras. No verán, porén, esta orientación permite que nas horas centrais do día o sol non incida directamente nas fachadas principais, reducindo a temperatura no interior e aumentando tamén o confort das tenreiras”, explica.
As tenreiras máis pequenas debemos situalas na á este da nave para que aproveiten no inverno o primeiro sol da mañá
A orientación elixida incide directamente en tres factores determinantes á hora de proporcionar ás tenreiras confort térmico e ventilación axeitada:
- Radiación solar: as tenreiras son máis sensibles ca as vacas adultas aos cambios de temperatura. Unha mala orientación pode expoñelas ao calor excesivo no verán, con risco de deshidratación, ou a un exceso de sombra e humidade no inverno.
- Correntes de aire: aproveitar os ventos dominantes axuda a manter un aire fresco e seco, clave para previr enfermidades respiratorias, que son unha das principais causas de mortalidade na recría.
- Ambientes secos: as camas húmidas favorecen o crecemento bacteriano. Unha orientación axeitada facilita a entrada de sol, secando a cama e reducindo a presión infecciosa.
“Noutros puntos de España as tenreiras pásano mal coa calor, pero en Galicia pásano mal co frío. Por iso, se podemos colocar ás tenreiras pequenas na parte leste da nave hánnolo agradecer”, afirma Felipe.
Ventilación

En canto á ventilación, “trátase de introducir aire do exterior e sacar aire do interior, arrastrando con iso patóxenos e humidade do ambiente”, explica. Existen dous tipos de ventilación natural, a ventilación vertical e a horizontal.
A ventilación vertical baséase no efecto cheminea, un fenómeno físico que se produce pola diferenza de temperatura, e polo tanto de densidade, entre o aire que se atopa no interior e no exterior da nave. Por iso, aplica máis no inverno ca no verán, porque a diferenza térmica interior-exterior é maior no inverno e depende de factores como a altura das paredes, a pendente do tellado e da existencia ou non de cumieira.
Se non temos cumieira, o aire quente subirá pero, ao non ter por onde saír, acumulará os patóxenos no teito da nave, que é o que non queremos
Ademais, o efecto cheminea é maior nun establo de vacas ca nun establo de tenreiras, porque unha vaca adulta en lactación é capaz de xerar 4.000 watts de calor, mentres que unha tenreira desprende moita menos temperatura, polo que o aire no interior dunha nave de recría estará moito menos quente.
En canto á ventilación horizontal, aplica máis no verán e depende da dirección e velocidade do vento e da conformación do edificio. Prodúcese cando o vento incide nun lateral da nave, xerando unha zona de presión positiva nesa zona de barlovento e unha zona de presión negativa na zona de sotavento, provocando unha succión do aire do interior da nave. “Se o vento incide nun ángulo de 90 graos no lateral da nave esta ventilación será homoxénea, pero se incide a 45 graos e temos as frontes da nave pechadas produciranse zonas de acumulación nas cabeceiras”, alerta Felipe.

Para poder lograr unha boa ventilación natural no establo é necesario coñecer os ventos predominantes e ter isto en conta á hora de orientar a nave. “En Galicia son o nordés e o suroeste. O suroeste ou vendaval trae humidade e chuvia, mentres que o nordés deixa na maior parte de Galicia tempo seco e soleado, agás na Mariña, onde se asocia con nubes de estancamento e orballo”, detalla Felipe.
Se temos os frontes pechados produciranse zonas de acumulación nas cabeceiras
A orientación da nave debe buscar unha insolación óptima do edificio, protección fronte aos ventos dominantes na zona e evitar sombras eólicas, que serían calquera edificio, masa forestal ou outro tipo de obstáculo que se interpón entre a nave e os ventos dominantes e que fai que esta non poida estar ben ventilada de xeito natural. “Se orientamos ben o establo pero despois colocamos obstáculos, como naves de maquinaria, a sala de muxido, silos ou masas forestais pegadas á explotación, nunca ventilaremos ben”, exemplifica.
Respirar ben dende o primeiro día

Se nas vacas adultas a ventilación é importante, nas tenreiras é vital. O seu sistema respiratorio é máis fráxil e calquera deficiencia na calidade do aire tradúcese rapidamente en pneumonías ou problemas de crecemento.
As taxas de renovación de aire recomendadas nos establos de recría varían entre 4-8 cambios por hora no inverno e 30-60 cambios por hora no verán. “No inverno reducimos as taxas de renovación de aire porque se cambiásemos todo o aire da nave cada 2 minutos como no verán mataríamos de frío ás tenreiras pequenas”, xustifica Felipe.
A diferenza entre unha brisa e unha corrente de aire é simplemente a velocidade do aire
Felipe recomenda ademais que os muros perimetrais da nave sexan moi baixos, de non máis de medio metro de altura, para favorecer a ventilación da zona onde as tenreiras están deitadas no verán e non só da zona superior do establo. Ademais, propón non pegar as tenreiras ao bordo exterior da nave, deixando polo menos un metro, para que no inverno cando entra o aire frío non caia de forma directa enriba delas.

Unha boa ventilación tradúcese en menos diarreas, menos pneumonías e máis quilos gañados cada día. Ás veces non é suficiente coa ventilación natural, debido a un mal deseño, a unha mala orientación ou a unha sombra eólica e é necesario recorrer á ventilación mecánica.
- Ventilación natural: casetas individuais, iglús e naves abertas aproveitan o fluxo do vento para renovar o aire. O deseño debe evitar recunchos sen circulación, onde se acumulan humidade e gases.
- Ventilación mecánica: en naves de recría colectivas, o uso de ventiladores é esencial para asegurar un fluxo uniforme. Recoméndase colocar sistemas que dirixan o aire á altura das tenreiras, evitando correntes frías directas.
Un ventilador mal colocado pode chegar a ser prexudicial e contraproducente
A ventilación non só refresca, tamén seca a cama, permitindo un control da humidade e contribuíndo a reducir a proliferación de bacterias. “Un aire limpo é tan importante como unha auga limpa”, afirma.
Galego









Control OJD