O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe o conxunto de medidas do novo Plan de prevención de incendios forestais que ten como obxecto “evitar que se produzan incendios forestais ou, no caso de que se rexistre algún, que a súa propagación sexa a menor posible”.
Entre elas, salientou o reforzo da vixianza para garantir que as parcelas máis próximas á vivenda estean limpas e rozadas. Para iso, apuntou á importancia de que 89 % dos concellos galegos están integrados ao sistema de xestión da biomasa; subliñou a “novidade” de contar cun visor público en liña para que calquera cidadán saiba que parcelas deben estar acondicionadas; e valorou a implicación das brigadas forestais na revisión das faixas preto das casas para que a xestión da biomasa sexa a correcta, xa que ata o de agora só se encargaban dos labores de roza e extinción.
Ademais destas accións no territorio, Conde puxo en valor actuacións dirixidas á concienciar a poboación que se recollen no Plan de prevención de incendios forestais —ao que hoxe o Consello da Xunta lle deu o visto e prace— como as máis de 300 charlas en centro educativos de Galicia ou accións de formación en 40 parroquias de alta
actividade incendiaria do rural.
Conde precisou que o plan estará en vigor ata marzo do próximo ano 2024 (incluído) e prevé actuar en cando menos unhas 60.000 hectáreas de terreo e nuns 5.600 km de pistas forestais e outras vías, ademais de en case 4.840 puntos de auga, entre a creación de puntos novos e o mantemento dos existentes. No que se refire ás queimas
prescritas, deica marzo de 2024 está previsto executalas en máis de 2.100 hectáreas. O plan contará cun orzamento de case 38,8 millóns de euros, máis dun 17 % de aumento con respecto ao de 2022.
Principais novidades
Conde explicou que coa incorporación de diversas novidades, búscase reforzar a revisión e xestión da biomasa nas franxas secundarias (as máis próximas ás vivendas), tendo en conta ademais que son xa 279 os municipios adheridos ao convenio de protección das aldeas entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga, o que supón o 89 % do total.
Deste xeito, avanzou que están previstas xa 2.790 hectáreas de execucións subsidiarias no marco do acordo, cifra que podería aumentar coas actuacións en concellos piloto. Unha desas novidades é un visor público ao abeiro do convenio, que mostrará aos cidadáns, para a súa consulta e posterior limpeza, as parcelas dentro das faixas (en
concreto, dos concellos con Plan municipal de prevención aprobado). Así mesmo, incorpórase a revisión para comprobar o nivel de xestión dos predios das franxas secundarias nos convenios de brigadas que mantén o Goberno galego cos consistorios, que ata agora se centraban en labores de roza e de extinción.
Obxectivos xerais
O principal obxectivo deste plan preventivo é anticiparse aos incendios forestais ou que, no caso de que se rexistren, a súa propagación sexa a menor posible. Asemade, entre as súas finalidades están as de limitar a potencialidade dos grandes incendios forestais (GIF), elaborar a cartografía necesaria para planificar as actuacións preventivas con maior eficiencia ou deseñar unha rede de infraestruturas preventivas correctamente
dimensionada, e mantela en bo estado de conservación.
Trátase tamén de xestionar a biomasa forestal en zonas estratéxicas mediante técnicas silvícolas axeitadas, e de fomentar actuacións silvopastorais e pasteiros, así como de desenvolver un plan de queimas prescritas, avaladas polos técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, co fin de reducir a biomasa en lugares estratéxicos. Neste caso, prevese actuar en máis de 2.100 hectáreas, triplicando as preto de 700 ha realizadas desde abril pasado.
A concienciación da poboación sobre o risco que supoñen os incendios forestais e os seus impactos negativos é outra das finalidades do plan, que incidirá sobre todo na poboación rural e tamén na comunidade educativa. Así mesmo, trátase de regular o uso do lume polos cidadáns en función do risco esperado e de manter informados os
habitantes do rural, así como de colaborar coas administracións e cos organismos implicados na prevención de incendios, coordinando as actuacións para lograr unha maior efectividade das medidas.
Este plan estrutúrase en dous grandes bloques. Por un lado, a programación de medidas e accións dirixidas á poboación e, por outro, as centradas no territorio. As primeiras teñen que ver, por exemplo, coa sensibilización da poboación escolar. Así, están previstas un total de 304 charlas, 16 en cada distrito forestal, dirixidas a estudantes de diferentes niveis, que serán impartidas por axentes ambientais e técnicos. Nesta mesma liña, tamén se prevén accións de formación dirixidas á poboación rural -como 40 charlas en parroquias de alta actividade incendiaria-, así como campañas de difusión en medios de comunicación. Neste punto tamén se inclúe a tramitación do anteproxecto da Lei integral contra os incendios forestais ou o desenvolvemento do Centro Integral para a Loita contra o Lume de Toén (Ourense), que ten xa en funcionamento as pistas de adestramento para vehículos todo terreo e motobombas.
Accións no territorio
O segundo gran bloque deste pan preventivo céntrase nas medidas e accións dirixidas ao territorio. Neste amplo abano intégranse por exemplo as relativas á vixilancia do cumprimento das obrigas de xestión da biomasa, tanto nas faixas primarias (de estradas e vías férreas) como nas secundarias (as máis próximas ás vivendas) e nas terciarias (de camiños, pistas e devasas en terreo forestal, fundamentalmente).
En relación coas faixas máis próximas ás casas, o plan integra, entre outras accións, as vinculadas ao convenio de colaboración subscrito coa Fegamp e Seaga para a protección das aldeas. Así, ponse en valor o feito de que xa estean adheridos ao acordo o 89 % dos municipios galegos (279 en total), así como de que xa estean elaborados 273 plans municipais de prevención (representan case o 98 % dos concellos adheridos) e 216 plans aprobados (máis do 79 % dos elaborados).
No marco do avance na elaboración destes plans, este ano -como novidade- ponse á disposición un visor de faixas secundarias de xestión de biomasa, accesible para toda a cidadanía. En concreto, aparecerán delimitadas as faixas secundarias daqueles concellos que teñan o Plan de prevención aprobado, de xeito que calquera persoa poderá
visualizar as parcelas incluídas nestas franxas, con indicación da parroquia, referencia catastral, superficie total e superficie afectada pola faixa, co fin último de garantir a prioritaria xestión da biomasa nas contornas das vivendas, de cara á anticipación aos incendios forestais.
No plan recóllense datos relativos á xestión da biomasa, tanto en parroquias priorizadas como non priorizadas dentro deste convenio, así como as execucións subsidiarias previstas ou os labores en vías de titularidade municipal. No caso das execucións subsidiarias, cada concello dos 279 adheridos poderá solicitar ata 10 hectáreas de actuación, ata un total de 2.790 ha; pero os designados como concellos piloto (de momento, As Nogais, Monterrei, Cualedro, Lobios, Carnota, Gondomar e A Gudiña) non terán límite, polo que se prevé que esta cifra aumente. A maiores, recóllense as iniciativas veciñais realizadas e as actuacións mecanizadas previstas (mediante o uso de ata 35 tractores e de maquinaria multifunción).
Canto á planificación dos labores preventivos, recóllense os que está previsto realizar con medios propios (incluídas as queimas prescritas), os contratados, os desenvolvidos mediante subvencións e os enmarcados en convenios coas entidades locais. Estes últimos refírense ás motobombas, ás rozas ou á constitución de brigadas, neste último caso, con novidades, xa que incorporan para a súa subvención a inspección do estado de xestión de biomasa das parcelas incluídas na rede de faixas secundarias, máis aló da extinción e da prevención mediante roza.
A estes acordos cómpre engadir os convenios entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e as deputacións provinciais para o desenvolvemento dos grupos de emerxencia supramunicipais (GES), que tamén desenvolven, entre outros, traballos preventivos; ou o convenio coa Deputación Provincial de Ourense e 13 concellos da provincia para a dotación de tractores e rozadoiras. Con respecto aos puntos de auga, prevese actuar en case 4.840, entre o mantemento dos existentes e a creación de puntos novos. Este plan preventivo integrarase no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga) 2023 que, como é habitual, se aprobará antes do inicio da tempada de alto risco de lumes, que se iniciará o 1 de xullo.
Aposta pola prevención
A implicación da Administración autonómica nas actuacións preventivas incrementouse notablemente nos últimos anos. No ano 2020 o orzamento roldaba os 30,5 millóns de euros, que pasan aos case 39 millóns da actualidade, dende entón propóñense actuacións que cada ano superan os 5.000 km de pistas e que en hectáreas se achegan na actualidade a 60.000 (partíase en 2020 de preto de 46.000).
Un punto destacado neste senso é a importantísima evolución do convenio de colaboración coa Fegamp e Seaga, principalmente desde o ano 2021. Así, entre 2021 e 2022, inspeccionáronse un total de 84.914,57 hectáreas de 1.243.069 parcelas incluídas na rede de faixas secundarias de xestión da biomasa. No relativo á superficie xestionada, ben polos propietarios ou ben de xeito subsidiario, pasou de representar a metade do total en 2019 a superar o 70 % en 2022.
Ademais, os propietarios das parcelas non xestionadas están sendo obxecto da correspondente notificación, advertíndolles da repercusión do custo e da imposición de sanción en caso de incumprimento. Estamos a falar, desde o ano 2021, de 250.303 notificacións xeradas e de 208.635 referencias catastrais para publicar en diarios oficiais. Con base no convenio e como reforzo das actuacións preventivas propias deste plan, proseguiuse coa cesión de maquinaria para empregar con este fin. Deste xeito, durante os anos 2021 e 2022 foron beneficiados directamente 55 concellos. Ademais, cedéronse tractores para uso do persoal propio dos distritos forestais, que actuaron en concellos adheridos da súa demarcación.