Primeiros resultados do inventario forestal continuo de Galicia

Primeiros resultados do inventario forestal continuo de Galicia

Os primeiros mapas e informes do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG) xa están dispoñibles para a súa descarga no portal web da Consellería do Medio Rural.

Esta información é froito do labor desenvolvido ao abeiro do convenio de colaboración asinado entre a Xunta e as universidades de Vigo e de Santiago. En particular, poden consultarse os mapas de usos da cuberta para os concellos de Carral e Abegondo (A Coruña), Alfoz (Lugo), Laza (Ourense) e Oia (Pontevedra).

Así, a Universidade de Vigo complementa esta información con mapas de dispoñibilidade do recurso, incorporando variables como a forma, a superficie ou a pendente da parcela e mesmo a súa distancia a pistas e estradas, como posibles condicionantes na xestión dos bosques.

Doutra banda, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) presenta uns informes detallados dos resultados obtidos no inventario piloto da rede base de parcelas forestais que se mediron ao longo do ano 2021 por brigadas forestais da Xunta. A calidade da toma de datos foi excelente e os resultados poñen de relevo a diversidade de especies e idades que existen en Galicia. O protocolo de recollida, así coma os datos brutos que foron recompilados polas brigadas de campo, tamén están dispoñibles para o seu uso público.

O obxectivo deste avance de contidos é amosar ás principais organizacións que compoñen o sector forestal galego e a todas as persoas interesadas a información que se pretende xerar para toda a superficie forestal de Galicia. Trátase tamén de recoller a súa opinión e de incorporar melloras ou cambios froito do que remitan estas entidades.

A maiores, a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia traballan nun portal web que permitirá navegar polos mapas, acceder a información das parcelas e descargar os informes de especies e volumes de madeira dos montes galegos.

Este Inventario é un instrumento básico para coñecer e recoñecer a realidade da superficie forestal de Galicia e avanzar así nunha mellora da súa xestión. Trátase dun mecanismo que permite facer diagnoses adecuadas e constitúe, en consecuencia, unha ferramenta fundamental para a toma de decisións políticas públicas ou empresarias relacionadas co sector, que permitirá afondar no desenvolvemento sustentable do medio rural, a prol da política forestal planificada, comprometida, consensuada e verificable.

Plan Forestal de Galicia

A revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “cara á neutralidade carbónica” sinala como unha medida a desenvolver, no seu eixo V, a realización dun Inventario Forestal continuo para Galicia, concibido para o seguimento do propio Plan (sistema de avaliación continuada). Ademais, tamén se enfoca á elaboración dos plans de ordenación dos recursos forestais (PORF), xunto co necesario mapa de usos agroforestais que permita a elaboración do Catálogo oficial dos solos rústicos de protección forestal e agropecuaria sinalado na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

No ano 2018 o ditame da Comisión forestal do Parlamento galego establecía nunha das súas recomendacións a necesidade de dispor dun “Sistema de Información e Estatística Forestal de Galicia, como mecanismo que permita facer diagnoses adecuadas e ser unha ferramenta esencial para a toma de decisións de políticas públicas ou empresariais relacionadas co sector forestal.” Esta recomendación facíase eco dunha demanda histórica das principais organizacións que forman o sector forestal na nosa comunidade. A Consellería do Medio Rural asumiu o compromiso que representaba este proxecto.

O 69% da superficie do territorio galego é forestal. Un territorio caracterizado por cambios de uso frecuentes e pola importancia económica da masa forestal. As masas dedicadas á produción de madeira, concentrada nos montes de particulares, cun alto grao de parcelación, e nos montes veciñais, en grandes unidades de explotación, supoñen o 4% da superficie arborizada dedicada á produción de madeira en España e nela prodúcese máis do 50% da madeira cortada no Estado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información