O pasado 23 de maio de 2024 celebrouse unha xornada de campo na localidade de Piñeira Seca (Xinzo de Limia) polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), para mostrar aos agricultores as novas variedades no mercado de trigo de inverno e centeo híbrido. Estas variedades téstanse en 12 comunidades autónomas, e analízanse conxuntamente na rede GENVCE, que é unha referencia indispensable no sector dos cultivos extensivos a nivel nacional, con 25 anos de experiencia. Á xornada asistiron máis de 40 agricultores.
Con este ensaio, renóvanse os traballos que se desenvolveron no período 2001-2009 e en 2015-2017 na localidade.
En concreto, puidéronse observar en fase de espigado a 4 centeos e 16 trigos de inverno. Tamén se incluíron 2 liñas experimentais semi-ananas desenvolvidas no CIAM a partir de trigos autóctonos.
Trigos testados:
Centeos testados:
Para a realización destes ensaios contouse coa indispensable colaboración de Amador Díaz Penín, alcalde de Xinzo de Limia e agricultor, que xestionou os labores agrícolas do ensaio. Así mesmo, contamos coa colaboración de Servando Álvarez Pousa, técnico do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde.
Obxectivos
O obxectivo do GENVCE é o de ofrecer ao sector cerealista (técnicos, agricultores, industriais e administración) información precisa e práctica sobre a adaptación agronómica e a calidade das novas variedades de cereais, nas distintas áreas de cultivo de España.
Con estes ensaios preténdese o cambio varietal para incrementar rendementos e mellorar a calidade dos trigos cultivados na rexión, así como incrementar o consumo de sementes certificadas.
No ensaio tómanse datos fenolóxicos (espigado e madurez), agronómicos (valoración de nascencia, altura de planta, resistencia a enfermidades foliares, danos de encamado, rendemento) e de calidade de gran (parámetros alveográficos, contido en proteína, peso específico, peso de mil grans, humidade e índice de caída).
Labores e evolución do trigo
A sementeira realizouse o 24/11/2023 a unha densidade de 450 sementes/m2. Os ensaios tiveron unha nascencia moi boa, a pesar da dificultade das sementeiras de inverno deste ano, debido ao exceso de choiva en Xinzo. O cultivo anterior foi pataca, polo que non se realizou abonado de fondo, e tan só se encaló con 300 kg/ha.
Posteriormente aplicouse un herbicida para control de adventicias de folla ancha e estreita (Florasulam 14,2 g/Kg + Piroxsulam 70,8 g/Kg), en pleno afillado (17/02/2024). En abril, para controlar totalmente o Lolium sp resistente (Vallico), aplicouse un herbicida graminicida a base de Pinoxaden (60 g/l) e o protector cloquintocet-mexil (15 g/l).
O 08/03/2024 aplicouse un abonado de coberteira con 350 kg/ha de abono nitroxenado ao 33% (11% amoniacal + 22% ureico).
Para o control de enfermidades foliares aplicouse o 19/04/2024, en estado de encañado, un funxicida a base de Azoxistrobin (12%) e Tebuconazol (20%). Unha segunda aplicación realizouse o 25/05/2024 co mesmo funxicida co obxectivo de protexer á folla bandeira, xa que foi un ano de moita pluviometría. Ese mesmo día aplicouse 250 cc/ha de cipermetrina para control de Lema melanopa.
Os datos recolleitos de espigado mostran unha variabilidade grande, sendo Protano a máis precoz (28 abril) e Celebrity a máis serodia (12 maio) das variedades GENVCE. As dúas liñas experimentais do CIAM, espigaron o 22 de maio.
Con respecto ás enfermidades foliares, produciuse un ataque leve de oidio (10-20%) nalgunhas variedades, o que non supón problema. Unha severidade maior (70-80%) detectouse, en helmintosporium e septoria, nalgunhas variedades afectando bastante á folla bandeira (Chambo, Protano e Camargo). O resto de variedades as severidades foron do 50-60%, afectando nada ou lixeiramente á folla bandeira.
Nas variedades de trigo non se produciron encamados polo momento.
Labores e evolución do centeo
Os labores foron idénticas ás realizadas ao trigo. A única diferenza co ensaio de trigo, foron as doses de sementeira. As densidades foron de 160 sementes/m2 para as sementes híbridas, e 250 sem/m2 para a única variedade non híbrida Petkus.
A evolución do cultivo foi moi satisfactoria desde a nascencia ao espigado.
Os datos recollidos de espigado mostran unha precocidade no centeo testemuña non híbrido (22 abril), con respecto aos híbridos (Su Baresi 29 abril, Su Perspectiv 30 abril, Kws Serafino 01 maio). Mostraron, por tanto, un espigado máis precoz que os trigos do ensaio.
Con respecto ás enfermidades foliares só se detectaron tres enfermidades: Dreschlera siccans (Helmintosporium), Scolecotrichum graminus (enfermidade típica de gramíneas) e Puccinia recondita (Roia parda). Da última tan só detectouse unha leve afección cunha severidade do 5 ao 10% nos híbridos, mentres que en Petkus observouse unha severidade do 30%. Con respecto aos dous primeiros fungos, os híbridos teñen unha afección do 30-40% e Petkus un 50%.
Polo momento, tan só apreciouse un encamado do 15% de media en Petkus. No resto de variedades híbridas non se produciron encamados.
Aveas negras
Na mesma xornada, o persoal técnico do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro mostrou o ensaio de 6 liñas de aveas negras autóctonas galegas (Avea strigosa), que se está desenvolvendo conxuntamente cos Centros da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) e o CIAM, dentro do programa operativo “Avea Moura”, no que se pretende estudar e caracterizar estas aveas, e facer unha valorización comercial (nutricional e cosmética) das máis interesantes.
A partir do mes de xullo/agosto, momento no que se realice a colleita, contaremos con datos máis completos dos rendementos de cada unha das variedades cultivadas neste campo de ensaio en Xinzo de Limia.