A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou hoxe na inauguración das mesas de traballo para o desenvolvemento da Estratexia da planta ornamental e da flor en Galicia para o período 2024-2034 no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude. Neste acto destacou o marcado carácter participativo da estratexia, así como a importancia da mesma para que o ciclo produtivo a curto-medio prazo inicie e remate na comunidade co consecuente impacto económico, tendo en conta que este sector é un dos cultivos que máis renda xera por unidade de superficie.
O fin das mesas de traballo, conformadas por diversos colectivos, é coñecer as inquedanzas do sector e as achegas dos distintos axentes para elaborar un diagnóstico máis concreto sobre este eido en Galicia, establecer obxectivos estratéxicos e fixar os eixos e accións que guiarán ao sector nos próximos anos. Finalmente estblecéronse tres mesas e cada unha delas encargouse de abordar un tema: produción, mercado nacional e mercado internacional.
Ademais, María José Gómez, salientou a aposta pola formación e investigación na procura de cultivos mellor adaptados ás condicións da nosa terra e o perfeccionamento das técnicas de produción nesta área de potencial dinamismo e progresiva consolidación que conta, a maiores, cun elevado nivel de emprego feminino. Neste sentido, a conselleira mencionou na súa intervención o Banco de Terras como “instrumento decisivo para ampliar a superficie necesaria que permita facer crecer e afianzar a expansión dos cultivos de planta ornamental e flor cortada” que contan actualmente cunha media de sete hectáreas por viveiro e cunhas 700 hectáreas totais entre o cultivo en terra, en colector, en invernadoiro e zonas de sombreo.
O sector da flor e da planta ornamental representa o 8,41% da produción agraria final en Galicia e, no panorama nacional, a a comunidade galega ocupa o quinto posto como produtora de flores e plantas ornamentais, achegando o 9% do valor total a España.
Nesta liña, Gómez engadiu que a Xunta impulsará este sector para “consolidar Galicia como unha rexión de referencia na produción e importación de planta ornamental tamén a nivel internacional”.
Produción de flor e planta ornamental
O valor da produción de flor cortada e planta ornamental no conxunto da UE-27 en 2021 foi de 9.015 millóns de euros. España, con 913 millóns, representa un 10% do valor total. Ademais, é salientable que dende o ano 2015, o valor da produción aumentou un 26% mentres que no conxunto da UE só o fixo un 4% no mesmo período.
Por outra parte, Galicia comunidade é a quinta rexión produtora de flores e plantas ornamentais, achegando o 9% do valor total do país (82 de 913 M€), por detrás da C. Valenciana, Andalucía, Cataluña e Murcia. A produción de flor e planta ornamental ocupou 674 ha superficie, destas o 72% (488 ha) corresponden a planta ornamental e o 28% (186 ha) a flor, e a distribución concéntrase nas provincias da Coruña e Pontevedra. No referente ás exportacións, Galicia tamén se mantén en alza, pois do ano 2022 ao 2023, as exportacións aumentaron nun 8,30%, mentres que en España só se incrementaron nun 1,67%.