Primeiros pasos para conseguir madeira de bidueiro de calidade en Galicia

O laboratorio Cultigar é un dos socios do proxecto impulsado pola Xunta para conseguir sementeira de bidueiro de calidade. Da man deles coñecemos os detalles dos traballos que se están realizando para mellorar a madeira de bidueiro producida en Galicia

Primeiros pasos para conseguir madeira de bidueiro de calidade en Galicia

Unha das parcelas de bidueiro plantada en Lugo e que está servindo para a selección dos mellores exemplares.

O bidueiro é unha das frondosas presente nos montes galegos. Medra en terreos húmidos, polo que é doado atopalo nas marxes dos ríos e do mesmo xeito que ocorre con outras frondosas, coma o carballo, apenas se está aproveitando para a produción de madeira. Mentres, outros países levan anos apostando pola madeira de bidueiro, que está a ter unha gran demanda internacional da man de firmas coma a multinacional sueca Ikea, onde boa parte do seu mobiliario está construído con madeira de bidueiro.

Entón, por que en Galicia non se aproveita a madeira de bidueiro? “Non se emprega semente de calidade e polo tanto non se está logrando madeira de calidade que poida aproveitarse para transformar”, explica Margarita Fraga, investigadora e directora técnica do laboratorio Cultigar, situado en Brión (A Coruña).

“En Galicia non se emprega semente de calidade e non se está logrando madeira de bidueiro de calidade que poida aproveitarse para transformar”: Margarita Fraga, de Cultigar

Este laboratorio é un dos socios do proxecto impulsado pola consellería de Medio Rural para a mellora xenética do bidueiro, unha investigación que busca conseguir planta de calidade para incrementar o aproveitamento desta madeira.

A importancia do bidueiro no monte galego

Os bidueiros son unha vía para seguir traballando a prol dun monte diverso e conseguir exemplares de calidade permite que sexa tamén unha opción rendible para os propietarios. Ademais, os propios requirimentos desta árbore fan que sexa unha alternativa para convivir con outras especies autóctonas máis esixentes.

Os bidueiros son unha vía para conseguir montes diversos, ó medrar en solos pobres, ácidos ou húmidos onde outras especies terían maiores dificultades

En materia de solos, os bidueiros poden obter bos rendemento en terreos pobres e mesmo acidófilos e con moita humidade, o que permite que sexan unha boa opción para plantar en terreos nos que outras especies terían maiores dificultades. “Son especies que poden saír adiante en solos nos que carballos ou castiñeiros teñen máis problemas. Contar con especies que teñan diferentes requirimentos é o que nos vai permitir ter unha maior diversidade no monte”, apunta a investigadora.

Ademais, do mesmo xeito que outras frondosas autóctonas, os bidueiros poden empregarse para romper a continuidade dunha plantación e servir como cortalume natural ante os incendios. “Do mesmo xeito que se plantan cerdeiras ou castiñeiros para conseguir ese efecto protector, os bidueiros tamén serven ó tratarse de frondosas autóctonas que non arden tan rápido coma outras especies”, detalla Fraga.

Na actualidade, en Galicia a maior parte do bidueiro que se produce emprégase con fins calefactores, ben sexa directamente como leña ou para a fabricación de combustibles como os pélets. “Tendo unha boa selección de material, o bidueiro pode aproveitarse noutros mercados con éxito e maior valor engadido”, apunta a investigadora.

mostras in vitro de bidueiro_Cultigar_

Primeiras mostras de bidueiro para a súa fecundación in vitro en Cultigar.

Primeira selección feita hai 30 anos

Os primeiros pasos para conseguir bidueiros de calidade xa se deron hai máis de 30 anos, cando se realizou unha selección de sementes dos mellores exemplares da Terra Chá (Lugo). Con esta semente seleccionada plantáronse 3 parcelas situadas en Begonte e Guitiriz (Lugo) e Cea (Ourense), aínda que esta última perdeuse nun incendio forestal. “Contar con estas plantacións realizadas a base de semente seleccionada permite ó proxecto avanzar máis rápido, posto que xa se deu a primeira selección. Ademais, estas plantacións, duns 30 anos, atópanse nun bo momento para seguir traballando na mellora xenética en base a este material”, explica Fraga.

Os primeiros pasos céntranse en identificar os mellores exemplares destas plantacións para poder reproducilas in vitro, proceso do que se encargan no laboratorio Cultigar. “Este proceso sería xa a segunda selección, posto que partimos de material xa seleccionado. É un proxecto semellante ó que estamos levando a cabo co carballo e ó que desenvolveu o CIF de Lourizán coa cerdeira, para conseguir planta de maior calidade”, detalla.

Na selección dos exemplares buscan as árbores con mellor porte e cunha boa densidade de madeira

Á hora de seleccionar os mellores exemplares teñen en conta non só que as árbores teñan un bo porte senón que conten cunha boa densidade de madeira, un criterio moi valorado á hora de transformar a madeira.

Na selección dos exemplares en campo, están a contar coa colaboración do persoal de Seaga. Ademais, no proxecto tamén colabora o persoal de Tragsa, para a xeolocalización das árbores e a reprodución mediante enxerto, así como a Universidade de Santiago de Compostela e o Centro de Investigacións Forestais (CIF) Lourizán, que están a aportar documentación sobre as investigacións realizadas sobre bidueiros. “Leváronse a cabo xa moitos traballos sobre os bidueiros e resulta moi interesante contar con esa información para avanzar na mellora xenética da planta producida en Galicia”, valora.

Nestes momentos, atópanse realizando a recollida de datos de cada un dos exemplares e coa posta a punto do protocolo da reprodución in vitro. Ademais, están a traballar sobre o forzado da brotación, xa que ó reproducir o material adulto perde a súa capacidade de enraizamento, polo que buscan realizar anillamentos para forzar o rebrote, o que lle permitiría material máis xuvenil para a reprodución in vitro. Unha vez que teñan todo o material recollido, comezarán co proceso de cruce de datos para ter os mellores exemplares localizados e poder realizar a reprodución deles.

Horto sementeiro para as plantacións futuras

Unha vez que logren os exemplares seleccionados e xerminados in vitro, este material empregarase para plantar un horto forestal do que se obterán sementes xa seleccionadas. “Con este proxecto non buscamos poñer á venda planta seleccionada senón semente de calidade, para que os propietarios forestais vexan no bidueiro unha alternativa viable”, explica a investigadora.

Buscan contar con sementeira seleccionada dos mellores exemplares para poder poñer no mercado

Cómpre ter presente que estes son aínda os primeiros pasos da investigación e haberá que agardar para contar con esta sementeira de calidade. “Atopámonos aínda dando os primeiros pasos e este tipo de traballos son sempre a longo prazo, polo que polo menos haberá que agardar como mínimo uns 10 anos para que este horto comece a producir sementes que poidan ser aproveitadas”, detalla a investigadora.

Aínda que haxa que agardar, Fraga valora que xa conten con exemplares con 30 anos para facer esta segunda selección, xa que é un paso moi importante e que permite avanzar máis rápido. “Xa hai un traballo previo feito e isto fai que agora esteamos xa na segunda fase de selección, partindo de exemplares que foron seleccionados entre os mellores do hábitat natural”, recorda.

Polo momento, tampouco está concretada a localización para este horto sementeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información