Primeiros movementos no mercado lácteo coa renovación de contratos

A cooperativa Xallas deixa a Leche Celta tras 28 anos e pasa a Reny Picot. Obsérvanse movementos das industrias para captar granxas, se ben o prezo tende polo de agora á estabilidade

Primeiros movementos no mercado lácteo coa renovación de contratos

Camión cisterna de recollida de Reny Picot. / Arquivo.

Coa antelación de dous meses que marca a normativa, as industrias presentaron a finais de xaneiro unhas primeiras propostas de renovación dos contratos coas granxas, a maioría con baixadas, na idea de que as ganderías non os asinasen. Os verdadeiros contratos acordaranse nas próximas semanas, antes do 1 de abril, e os primeiros movementos xa se iniciaron.

A cooperativa Xallas vén de deixar a Leche Celta tras 28 anos para asinar contrato con Reny Picot. A industria asturiana sae así fortalecida coa aposta de Xallas, consolidándose como unha colaboradora estable para o cooperativismo galego, con lazos históricos como o que mantén con Cobideza.

O cambio de Xallas non se trata dunha operación menor, pois Xallas vendíalle en conxunto a Celta arredor de 200.000 litros diarios de leite. A cooperativa, consultada por Campo Galego, sinalou que polo de agora non quería dar explicacións sobre a decisión, máis alá de apuntar que a partir de agora “ábrese unha etapa nova tras 28 anos con Leche Celta”.

No sector espérase que a perda de Xallas obrigue a Celta a moverse no mercado para captar novas ganderías. Por outro lado, percíbense tamén movementos noutras industrias para coller algunhas granxas, caso de Río, ou os emprendidos meses atrás por Larsa (Capsa), que tamén se enfrenta agora á posibilidade de perder granxas por ofertas doutras industrias, segundo analizan fontes do sector.

Os prezos que se lle ofertan ás granxas semellan en principio similares ás medias actuais (47,2 en Galicia no mes de decembro). Desde Unións Agrarias subliñan que o bo momento dos produtos lácteos industriais e a tendencia á alza do prezo do leite no campo en Europa nos últimos meses ten que trasladarse a Galicia, con aumentos nos prezos dos contratos.

Pero é un cambio que se fai esperar. As industrias valoran estes días que facer, pero observan a primavera como un momento de aumento da oferta e miran de esguello a Portugal, onde consideran que hai excedentes de leite.

Así as cousas, a industria que iniciou movementos, Reny Picot, a parte da operación con Xallas, que se achega ós 49 céntimos, está a ofrecerlle ás ganderías individuais, en función dos seus volumes de entrega, entre 44 e 48,5 céntimos, prima de certificación de benestar animal incluída, segundo os datos que trascenderon no sector. Esta prima, que comezou a implantarse nos últimos anos, xa se está a convertir nunha esixencia do mercado para a maioría das industrias, que lle trasladan tal requerimento ás súas ganderías.

Comparación con hai un ano: prezos no campo máis baixos e produtos lácteos máis caros

Os actuais datos de mercado lácteo apuntan a un bo momento. A manteiga continúa en prezos récord, por riba dos 700 euros / 100 kg., un 34% máis cara que hai un ano. O leite desnatado en po mantense estable (+2%) e os principais queixos industriais (cheddar, edam, gouda) acumulan encarecementos de dous díxitos, entre o 13 e o 29% nun ano.

Esa mellora que experimentou no último ano o mercado de produtos lácteos industriais tivo unha evolución paralela no prezo do leite no campo en Europa, que pasou dos 46,3 céntimos de febreiro do ano pasado ós 54,30 que se esperan para xaneiro deste ano de media.

En Galicia e no resto de España, sen embargo, a evolución foi contraposta. No caso galego, pasouse dos 49 céntimos de media en febreiro do ano pasado ós 47 actuais.

Ante esta situación, e cun mercado de produtos lácteos industriais que semella estable no último mes, as organizacións agrarias consideran que é o momento de que as industrias ofrezan contratos no campo con subas de prezos.

Se se atende ós países veciños, Francia está a subir prezos, situándose a previsión para xaneiro en 50,97 céntimos, en tanto Portugal está en 45,80 en decembro, con perspectiva de repetir cotización en xaneiro, segundo os datos do Observatorio Lácteo Europeo.

No contexto da UE, entre os grandes produtores chama a atención o caso alemán, que se sitúa por riba dos 55 céntimos. É un valor alto que leva a pensar ás organizacións agrarias que as importacións de queixos a baixo prezo procedentes de Alemania terán que reducirse, deixando máis espazo para o leite español.

Prezos nos supermercados
Outro foco de atención nas organizacións agrarias é o prezo do leite nos supermercados, pois sempre existe o temor a abaratamentos das marcas brancas que cheguen en cadea ó agro.

Polo de agora, o leite semidesnatado, o máis consumido, mantense por riba do limiar dos 80 céntimos, pero unha recente oferta de Lidl a 78 céntimos fixo saltar as alarmas. A organización vasca Enba, ligada estatalmente a Upa, alertou da situación, acusando á cadea de ofertar “sangue de gandeiro”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información