Primeiro plan estratéxico para salvar a DO Ribeiro do abandono de viñedos e perda de viticultores

Preséntase o primeiro Estudio socioeconómico e Estratéxico do Ribeiro, financiado pola Deputación Provincial de Ourense.

Publicidade
Primeiro plan estratéxico para salvar a DO Ribeiro do abandono de viñedos e perda de viticultores

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeiro impulsará todas as medidas ao seu alcance para conseguir a revitalización e fortalecemento do tecido produtivo da Denominación de Orixe Protexida Ribeiro, a máis antiga de Galicia e unhas das máis senlleiras de España.

Así o anunciou esta mañá o seu presidente, Juan M. Casares, durante o acto de clausura da xornada “Onde o mundo se chama Ribeiro” na que se presentaron os resultados do Estudio socioeconómico e Estratéxico de O Ribeiro financiado pola Deputación Provincial de Ourense e que contou cun orzamento de 41.500 euros.

Trátase dunha análise polo miúdo da situación actual desta denominación de orixe e dunha estratexia propia para a dinamización socioeconómica do seu territorio elaborada por unha equipa de dez expertos pertencentes ás tres universidades galegas liderados por Edelmiro López Iglesias, Doutor en Ciencias Económicas e profesor titular no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, e Andrés Mazaira Castro, Doutor en Administración e dirección de empresas e profesor no Departamento de Organización de Empresas e Marketing da Universidade de Vigo.

Con este traballo o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeiro dótase dunha ferramenta que lle permitirá coñecer polo miúdo o que está a acontecer no tecido económico e social do seu territorio ao tempo que servirá como instrumento para a toma de decisións estratéxicas que lle permitan afrontar o futuro con garantías.

Onde o mundo se chama Ribeiro: os resultados do estudio

Durante a xornada fíxose unha exposición dos resultados do estudio partindo da análise da situación do mercado do viño tanto a nivel galego coma español. Viticultores, adegas e a situación dos mercados, así como o posicionamento do Ribeiro no contexto global, constituíron o fío condutor dunha exposición onde participaron tamén representantes da administración autonómica, os axentes sociais do rural e expertos no chanzo da consultoría de mercados e da distribución.

Segundo o estudio, a Denominación de Orixe Ribeiro ten un peso relevante dentro do conxunto das cinco galegas pero esta relevancia non se traslada directamente aos mercados véndose notablemente reducido o seu peso relativo tanto en termos de volume de produción e comercialización como de valor económico da produción.

Resulta especialmente preocupante para os expertos a situación da capacidade efectiva de produción de uva que presenta unha clara tendencia descendente nos últimos quince anos, período no que se reduciu á metade; unha tendencia descendente que acelerouse na presente década e en particular nos anos máis recentes, de tal modo que só no trienio 2016-2018 a caída foi do 36,3.

Unha caída da produción que foi o resultado de dous procesos: a redución da superficie de viñedo activa na DO, e o descenso dos rendementos por hectárea. A contracción da superficie (nun 18,4%) explica algo máis da terceira parte da redución do volume de uva producido pero é significativa porque ligado á alta idade media dos viticultores e ao baixo grao de profesionalización dos mesmos ameaza o futuro do tecido produtivo primario.

Un movemento de abandono progresivo da actividade vitícola derivado da alta idade media dos seus viticultores (preto da metade teñen máis de 65 anos) acompañado por unha banda dunha taxa de incorporacións e remuda xeracional que non é quen de compensalo, e pola outra dunha clara inmobilización da terra que se abandona e uns prezos da terra moi elevados, condicionan a recuperación do potencial produtivo do Ribeiro. A estes problemas hai que engadir unha excesiva fragmentación parcelaria: 1.374 hectáreas da DO están divididas en 20.542 parcelas. Consecuencia: 0,82 ha/viticultor compostas por 12,4 fincas cunha superficie media inferior a 700 m2. Aínda así as parcelas con 1.000 m2 ou máis, o 15% do total, supoñen o 60% da superficie de viñedo; constituíndo a principal base produtiva da DO.

Verbo da produción de viño, os resultado por variedades mostra un claro crecemento da uva de variedades preferentes, que representaba o 22,3% da produción da DO en 2004, pasou a superar o 50% desde 2013 até alcanzar 2/3 (67%) en 2018.

A estrutura das adegas é heteroxénea no ámbito da D.O: con 4 Cooperativas (34,1% do viño comercializado), 4 Adegas con máis de 400.000 litros (que sumadas a Viña Costeira, 5 industrias concentran 2/3 da produción); 31 Adegas de menos de 400.000 litros: (27,9% do viño comercializado) e 63 Colleiteiros que supoñen o 6,6% do viño da DO.

Respecto á situación do mercado do viño en xeral, os expertos establecen que hai unha estabilización dos mercados de consumo de viño en volume tanto a nivel do mercado global como do conxunto de España, baseándose en datos da consultora Nielsen. Asemade salientan a importancia crecente da internacionalización o que fai que a presenza en mercados internacionais sexa cada vez mais imprescindible. En derradeiro lugar óllase unha preponderancia da canle Alimentación, que segue a gañar protagonismo fronte a de hostalaría en termos de volume de viño comercializado.

Segundo os expertos, o Ribeiro céntrase en producir un viño relativamente similar cun enfoque moi orientado ao produto e pouco orientado, en xeral, ao mercado e con baixos niveis de diferenciación para adaptarse as particularidades dos distintos segmentos de mercado.

En canto a situación da D.O. Ribeiro no mercado do viño estatal, a participación de mercado do conxunto dos viños da D.O. sitúase entorno ao 2,1% en termos de volume (situándose entre as 11 maiores D.O. do estado empatada no posto 10 coa de Cariñena) e do 1,9 % en valor (manténdose a D.O. do Ribeiro dentro das TOP 10 de España).

Polo que respecta aos viños brancos, a D.O Ribeiro pelexa coa de a Rioxa polo terceiro posto en termos de volume de mercado (cunha participación por riba do 7%) superándoa na canle da Hostalaría (onde claramente se sitúa como terceira D.O. en participación cun 7,5% de participación) pero quedando lonxe daquela no de Alimentación, onde ten perdido participación nos últimos anos acadando unha participación do 6,5% e situándose como sexta D.O. en termos de participación por volume nesta canle.

En derradeiro lugar, a posición relativa dos viños da D.O. Ribeiro en termos de prezos diverxe en función da canle que esteamos a analizar, así mentres que na canle alimentación os prezos medios dos viños brancos da D.O. Ribeiro sitúase por baixo do prezo medio de mercado no sector da Hostalería a media de prezos do viños da D.O. supera significativamente á media de viños brancos tranquilos.

Impulsar medidas que revitalicen o tecido produtivo da Denominación de Orixe Ribeiro

Durante o acto de clausura, o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro anunciou a posta en marcha dunha serie de medidas dirixidas a revitalizar o tecido produtivo deste territorio vitivinícola histórico, “O que hoxe presentamos aquí ten que ser un novo principio. De pouco valen os estudios se non se aplican as conclusións; de nada serven as verbas se non hai accións que as materialicen. Por iso é a miña intención, a partir deste mesmo momento, impulsar unha serie de medidas encamiñadas a revitalizar o noso tecido produtivo”.

Segundo Juan Casares é necesario actuar en catro frontes. En primeiro lugar vaise elaborar un “Plan de Acción para o período 20/21” que, unha vez aprobado polo pleno do Consello Regulador, nos permita aplicar as medidas máis prioritarias en materias de dispoñibilidade de terra e de orientación cara o mercado. En segundo lugar ten pensado convocar unha “Mesa de diálogo permanente entre adegas e viticultores”; un foro que os achegue moito máis como actores principais que son na cadea de valor do viño. Política de prezos, contratos, demanda de variedades a plantar, deben ser materias nas que ambos os dous vaian da man.

A elaboración dun “Estudio de custes de produción de uva e viño no Ribeiro” permitirá coñecer polo miúdo as realidades produtivas dos dous chanzos da cadea de valor e acometer unha estratexia conxunta que nos permita a todos vivir ben do que sabemos facer. En derradeiro lugar, Juan Casares propoñerá as reformas necesarias na política de Promoción do Consello Regulador con dous obxectivos principais: potenciar a marca Ribeiro e deseñar as nosas accións baixo a premisa dunha maior orientación cara o mercado.

Todas estas medidas, xunto coas achegas e axudas das distintas administracións competentes, teñen coma obxectivo colocar de novo ao Ribeiro no lugar que lle corresponde e favorecer a economía dunha comarca cuxo motor económico é o viño, “O Ribeiro é unha enocomarca porque o viño é o seu motor económico. Son 108 adegas con máis de 200 empregos directos; son case 1.700 viticultores que dependen total ou parcialmente dos ingresos da viticultura; son persoas, son familias e son capitais arriscados en proxectos de vida. Pero tamén é o comercio das vilas, o mantemento dos servizos básicos e a industria auxiliar ligada a ela. Por esta razón, do que nós fagamos dependerá en gran medida o futuro deste territorio histórico, senlleiro e ancestral.”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información