A consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, lanza o primeiro curso de formación en liña de especialista en viños de Galicia. Trátase dunha iniciativa impulsada de acordo con DipWSET e que constitúe un innovador programa de formación en liña destinado á promoción e o coñecemento dos viños da comunidade.
Así, este curso, dirixido tanto a profesionais do sector vitivinícola como a afeccionados, busca acercar a riqueza e diversidade dos viños amparados pola calidade diferenciada que outorgan as denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas recoñecidas en Galicia. A través dunha plataforma dixital accesible na seguinte ligazón: https://online.galicia.wine, os participantes poderán afondar en aspectos claves como as variedades autóctonas, solos, clima, historia, técnicas de elaboración tradicionais e modernas, así como as tendencias de mercado.
Esta plataforma foi creada por Galicia Wine Academy, escola referente en formación en cultura do viño en Galicia e centro autorizado para impartir cualificacións internacionais como WSET® (polas súas en inglés, a Wine & Spirit Education Trust é o maior provedor mundial de cualificacións formativas en viños) dende o ano 2018. Na súa posta en marcha tivo un papel protagonista Jorge Vila, fundador e director de Galicia Wine Academy.
Curso introdutorio e especializado
A través desta plataforma en liña ofrécense dous cursos: un de carácter gratuíto de Introdución aos Viños de Galicia; e un programa de Especialista en Viños de Galicia, moito mais completo e dirixido a profesionais e amantes do viño.
Esta formación inclúe clases en vídeo gravadas nas principais zonas vitivinícolas de Galicia e coa participación dalgúns dos mais recoñecidos expertos; material dixital complementario con entrevistas e reportaxes exclusivos; adestramento en técnicas de cata profesional e un enfoque práctico e accesible, tanto para afeccionados como para profesionais. Ademais, proximamente estará dispoñible tamén a versión en inglés de ambos cursos, para facilitar así o acceso ao maior número posible de interesados.