A falta de avances no prezo do leite levou ás organizacións agrarias a reemprender as mobilizacións con actos que en principio se encamiñan cara as cadeas de supermercados. Dous meses despois de asinado o acordo de Madrid, todo segue igual a pé de campo, se ben na gran distribución si repuntou o prezo do leite lixeiramente, unha recuperación que os gandeiros denuncian que non lles chega. Esta mañá concentráronse ante o Carrefour das Cancelas, en Santiago, e no resto da semana continuarán con actos similares nas principais cidades galegas.
As accións de protesta presentáronse hoxe nunha rolda de prensa en Santiago na que participou o alcalde compostelano, Martiño Noriega, que accedeu á petición de colaboración que lle trasladou a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo. Noriega, que presentou ós integrantes da Plataforma que falaron na rolda de prensa, amosou a súa solidariedade coas demandas dos gandeiros.
Por parte da plataforma interviron Óscar Pose (Unións Agrarias), Anxo Escariz (Organización de Productores de Leche, OPL) e Tomás Díaz (Organización Rural Galega, Oruga). Tamén as cooperativas (Agaca), o Sindicato Labrego e a Fruga están a apoiar e a participar nas mobilizacións.
Lentitude do acordo
Na rolda de prensa de hoxe, Óscar Pose, de Unións, explicou que as protestas parten cun fin didáctico de trasladarlle á cidadanía cal é a situación dos gandeiros. “Hai dous meses que se asinou o acordo lácteo, pero todas as partes que asinaron están incumprindo, desde o Goberno ata as industrias e as cadeas de distribución” -criticou-. “Coas cadeas de distribución dáse o paradoxo de que subiron o prezo nos lineais, pero queremos saber onde van parar eses cartos porque ó produtor non chegaron”.
“Os supermercados subiron os prezos pero queremos saber onde van parar eses cartos” (Óscar Pose, Unións Agrarias)
Na mesma liña se pronunciou o coordinador da OPL, Anxo Escariz. “Cando se asinou o acordo xa advertimos de que non había unha normativa reguladora que obrigase ó seu cumprimento e cando hai cartos polo medio, saltarse un acordo de boas vontades é moi fácil”. Os representantes do sector cuestionaron en especial a cadeas como Dia, que está a vender a través da súa marca branca leite líquido importado de Francia en cidades como Valencia ou Valladolid. A cadea de supermercados segue a utilizar ademais subastas electrónicas á baixa para aprovisionarse de leite, unha práctica que condean as organizacións agrarias.
“Cando hai cartos polo medio, saltarse un acordo de boas vontades é moi fácil” (Anxo Escariz, OPL)
A rolda de prensa rematou coa intervención de Tomás Díaz, ex de Xóvenes Agricultores e impulsor de Oruga, que lamentou a falta de apoio das Administracións á economía do rural: “Nós non temos culpa de que a xente lle votara a esta persoa”, sinalou en alusión a Rajoy.
Protesta
Logo da rolda de prensa, concentráronse diante do Carrefour das Cancelas dúas ducias de produtores das comarcas próximas a Santiago (Ordes, Santa Comba, Teixeiro) nunha protesta simbólica na que desplegaron unha pancarta e repartiron folletos entre os consumidores. Mañá continúan os actos na Coruña e o mércores en Lugo.
Tras as intensas protestas de setembro, as organizacións agrarias son conscientes de que os gandeiros, desanimados pola falta de avances, non están pola labor de afrontar o esforzo de mobilizacións similares, polo que a estratexia diríxese a accións máis puntuais pero continuadas no tempo, a fin de que a crise láctea siga en primeiro plano na axenda política. De cara a próximas semanas, proxéctanse pequenas tractoradas ante a Xunta, en Santiago, e ante a Delegación do Goberno, na Coruña, así como posibles bloqueos a cadeas de distribución.